Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Cinema

A síndrome asténica do cinema

Kira Murátova para valentes

Kira Murátova detrás da cámara.

Kira Murátova detrás da cámara.

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

En Soroca, a pequena cidade nas beiras do río Dniester onde naceu Kira Murátova, xa non fica espazo para a elegancia, a modestia e o virtuosismo. No interior dos seus vetustos palacios e pintorescas mansións, dos Capitolios, dos Bolshóis e dos Panteóns tan só atopamos hoxe hedras, cadrifollos e silencio. Se non fose pola presenza do barón Artur Cerari -líder todopoderoso da comuninade romaní- e dalgún outro amigo ou familiar, Soroca semellaría ser un parque temático abandonado. É grazas a el e ao seu afán por mostrar -a cambio de xenerosas «doazóns»- o lamentábel estado da súa colección de coches de luxo da era Soviética que hoxe ninguén lembra alí (e fóra de alí) que un 5 de novembro de 1934 veu ao mundo nese mesmo lugar unha das máis grandes directoras de todos os tempos.

Por suposto que ese candoroso esquecemento, ese rexeitamento párvulo de Occidente cara a calquera manifestación cultural que teña que ver coa antiga URSS non é, en absoluto, mérito do rei cigano de Soroca, senón da ideoloxía promovida desde a Guerra Fría para evitar, a todo custo, que cheguemos sequera a ver -xa non pido aprehender, desfrutar ou comprender-, por exemplo, unha obra de Kira Murátova nunha sala de cinema.

De entre todos os filmes da era soviética, os desta cineasta, con toda probabilidade, son os máis profundamente esotéricos e os menos místicos de todos. Sustentados sobre unha estética en que prima o desagradábel, o cruel e o absurdo (valores de difícil dixestión para a grande parte do público), os seus traballos nunca van á procura de render contas a ningún estudio cinematográfico ou revista especializada. Eles son sempre, e en todo momento, o que a súa realizadora quere que sexan.

De aí que non se poidan emparentar con propostas como as de Todd Solondz, David Cronenberg, Yorgos Lanthimos ou David Lynch, máis preocupados da estilización do brutal e feo que de aceptar que ambas cualidades forman parte do mundo en que vivimos. E é que «o espectador», explicaba a autora, «debería enfrontarse ao filme como se en realidade se tratase dun obxecto, un tapiz ou unha tea: absolutamente antisimbólicos, anti-ideolóxicos, anti-psicolóxicos e anti-estereotipados». «A realidade», argüía, «tan só pode ser observada ou admirada -nunca interpretada, posuída ou comprendida». Para ela, o real non ten significado; simplemente é. Así, cando durante unha entrevisa lle preguntaron que simbolizaban os cabalos nas súas producións, ela respondeu devolvéndolle a seguinte cuestión: «Que simbolizan as persoas?»

Entre algunhas das características que singularizan o modo de operar desta mestra indiscutíbel da Sétima Arte están o uso das repeticións e as resonancias, das alternancias do ruído e o silencio, do movemento e a estase, das melodías e os discursos. Vechnoe vozvrashchenie (Eterno retorno, 2012), o seu derradeiro filme, consiste basicamente na reiteración interminábel da mesma escena con actores e escenarios que van mudando até que, nun momento da historia, atopamos que o director (na ficción) faleceu durante a filmación. O que ollamos constitúe a loita desesperada dos seus produtores para rematar o proxecto. Por que?

Fotograma de «Eterno retorno» (Kira Murátova, 2012).

Fotograma de «Eterno retorno» (Kira Murátova, 2012). / .

Kira morreu o 6 de xuño de 2018. O seu corpo xace na actualidade no fermosísimo cemiterio de Tairovskoye, en Odessa. Non deixa de chamar a atención que unha figura da súa relevancia continúe a ser hoxe en día unha completa descoñecida entre nós. É triste e, ao mesmo tempo, difícil de comprender, sobre todo porque, a pesar da súa manifesta excentricidade, as súas creacións son xoias visuais que a humanidade debería conservar e desfrutar. A estas alturas quizais non estaría de máis lembrar que «o valor e o sentido dunha obra», segundo Ludwig Wittgenstein, «non reside tanto na propria natureza do obxecto artístico como no noso modo de a percibir e a comprender».

Para comezar

Se deixamos fóra as colaboracións co seu primeiro marido, Aleksander Muratov, e as súas dúas primeiras longametraxes en solitario -consideradas «melodramas provincianos» pola propria Murátova-, calquera amante da Sétima Arte realmente interesado debería comezar polo documentario de Vladímir Nepevny: Kira (2003). Deste xeito, evitaranse consideracións precipitadas que nos leven a pensar que estamos capacitados para entrar no universo desta magnífica directora. «A beleza», afirma Gamoneda, «non é o lugar onde van parar os covardes».

O poeta aclara máis tarde: «Xuro que a beleza / non proporciona doces / soños, senón o desvelo / purísimo do xeo, /a dura, indeclinábel / materia do lóstrego». De aí que o resplandor intenso dos filmes de Kira Murátova (tanto de Poznavaia beljy svet, Coñecendo o grande mundo, a historia dun triángulo amoroso enmarcado no ámbito dun terreo en construción, como da súa obra mestra Astenicheskiy sindrom, A síndrome asténica, a selvaxe e ao mesmo tempo cómica radiografía do colapso dunha sociedade) se descargue sobre nós moitísimo antes de que comecemos sequera a velos.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents