Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Na memoria colectiva íntima

Tendencias da narrativa galega actual (IV)

Fran P. Lorenzo, Blanca Riestra e Manuel Veiga.

Fran P. Lorenzo, Blanca Riestra e Manuel Veiga.

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

Nesta entrega queremos falar de tres novelas e tres autores moi distintos entre si, pero que coinciden en aproximarse a determinados momentos da nosa historia contemporánea, que non recente. Non tanto co ánimo de documentalos senón para captar e desenvolver unha percepción subxectiva que ao cabo acaba sendo tamén un enfoque colectivo compartido. Son olladas do século XXI a momentos concretos do século XX. Son obras nas que a literatura se pon ao servizo dunha determinada ollada que se asoma, xa con distancia, sobre ese estreito gume no que conviven a memoria e a microhistoria.

Case sempre, a boa literatura debe converter o seu universo de referencia nun universo autónomo. O interesante destas tres obras está na ollada dos seus autores; está no que conseguen tras modelar a materia prima coa que traballan. O distanciamento entre o tempo da acción e o tempo da escrita favorece que ese exercicio de memoria colectiva poida desligarse do vicio do enciclopedismo ou da literatura de circunstancias, que ás veces pexan este tipo de novelas ao querer convertelas nunha especie de libro de historia con diálogos e personaxes ou ter demasiada présa en diagnosticar e catalogar a época que nos tocou vivir.

Esa ollada mediana, sumada á habelencia propia dos escritores, obtén frescos onde o magma histórico aínda se entrecruza coa propia memoria, pero o autor-testemuña conta con outros recursos para devolver á vida o tempo que narra: Outros relatos e testemuños, traballos historiográficos, rastros xornalísticos...

O que talvez máis pretenda deixar testemuño dunha era xa desde o seu deseño é Aquí comeza o mar (Premio Blanco Amor 2021), de Blanca Riestra. Con gran profundidade poética, descricións moi vívidas e un absoluto dominio das técnicas narrativas, a novela lévanos á Coruña da década do 1980, ao evidente e tamén ao invisible. Esta novela consegue, por méritos propios, converterse nunha das mellores mostras desa viaxe ao pasado recente.A Coruña é unha personaxe coral que latexa, que se vai impoñendo case coma unha besta tráxica, capaz de fascinar e sepultar todas as criaturas que Riestra deseña para esta novela. Non en van, este título deu inicio a unha triloxía coruñesa que completan Tritón e As augas interiores, quizais o proxecto literario máis ambicioso da autora até a data.

Tamén gañou o Blanco Amor, desta volta no 2014, Cabalos e lobos, de Fran P. Lorenzo, que revive o Vigo da posguerra desde o 1972, pouco despois da gran folga. A través da historia íntima dun amor homosexual, este autor (quen de momento non volveu publicar) amosou dotes para a narrativa, en especial para a recreación de personaxes e espazos hoxe xa mutilados ou desaparecidos.Neste caso é Vigo quen opera como escenario, e aínda que non consegue converterse nun personaxe, si que Lorenzo intenta crear unha mitoloxía moderna e alternativa ás efemérides e puntos de referencia da historia local institucional.

Os xornalistas utópicos, de Manuel Veiga Taboada, tamén toma como punto de referencia a Galicia os primeiros anos da democracia. Tamén Veiga propón ampliar o marco sobre o significado do concepto da «Transición» tal e como se xeneralizou a través da literatura e tamén da cultura popular.Trátase dunha das novelas máis conseguidas do seu autor. Mostra unha gran capacidade para tratar o xeral desde o concreto, con brillantez literaria e unha perspectiva por suposto autónoma, mais que non renuncia a ser tamén reflexo dunha determinada maneira compartida de ver o mundo. Veiga dialoga co seu tempo, con outros autores, con modos semellantes de entender a literatura. Os xornalistas utópicos non renuncia a ser testemuña do seu tempo, unha testemuña que, por momentos, se vén amosar aceda, sempre crítica e, como non podía ser doutro xeito, por suposto parcial.

Falar do eu, falar do nós

Se cadra, o mellor xeito de facer literatura xeracional sexa fuxindo da literatura xeracional. Se cadra, a maneira máis interesante de facer revivir o eco da memoria non sexa unicamente polo camiño da recompilación de recordos, sen máis. Con ambas as coordenadas, aparentemente contraditorias, a literatura é capaz de recrear unha conciencia común mediante a expresión do eu literario. Un eu estratéxico que contribúe principalmente coa forza da súa mirada e o seu xuízo. Observar para entender. Enfocar onde lle convén ao autor para que a diagnose sobre o tempo narrativo opere case coma unha especie de acupuntura artística sobre as dores do corpo social.

Os e as escritoras contemporáneas teñen ao seu dispor unha ampla panoplia de recursos para mellor atinxir os seus obxectivos literarios. Sementan o seu estilo a través de técnicas e prototipos textuais de diferente procedencia e alcance. Nos tres casos que analizamos, as novelas benefícianse desas influencias, cada un ao seu xeito, para establecer os camiños idóneos cos que se aproximar a algo tan evanescente e mudable coma a lembranza.

O interesante non é tanto «rescatar» unha época coma inventala para a literatura. Superar os límites do rigor histórico ou incluso o consenso sociolóxico para ofrecer non só un novo punto de vista, senón un tempo intransferible. Só así, con ese atrevemento, , acada o lector a capacidade de observar ese tempo compartido con ollos descontaminados.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents