Arte: exposicións
Contra a desmemoria
Novas leccións do mestre Castelao

Gustavo Santos
O novo retorno desde a Arxentina do óleo A derradeira leición do mestre, agora exposto no Museo de Pontevedra, que debería ser unha ocasión para revisar a obra realizada por Castelao no período final da súa vida a carón das obras de guerra do rianxeiro que custodia o museo, está ser obxecto dunha intensa polémica á que serviu de espoleta a negativa do PP a recoñecer o Día da Galiza Mártir o 17 de agosto, data do asasinato de Alexandre Bóveda.
A edulcorada lectura da obra realizada no seu momento deste o ámbito do poder autonómico e a actitude de Deputación de Pontevedra que, a diferenza doutras deputacións, non quere recoñecer a celebración, marcan, pois, a nova presenza da obra entre nós. É claro que as institucións que controla a dereita perderon unha boa ocasión para marcaren distancias co legado da ditadura franquista, única responsábel da violencia política en Galicia.
Mais fronte a calquera intento de manipulación, A derradeira leición do mestre, e en xeral o conxunto do labor de Castelao -e por extensión do noso exilio republicano-, é, todo el, un exercicio de consciencia e dignidade contra a desmemoria. Cando Castelao artista traza as súas imaxes calquera manobra de ocultación desaparece, porque con el recuperamos persoas reais -neste caso concreto Alexandre Bóveda- e co político nacionalista todas as vítimas da Guerra Civil e todos os perseguidos da ditadura, parte da substancia física e ética do que nós somos.
Cómpre lembrarmos o contexto global desta obra senlleira da arte galega. O político, intelectual e artista que foi Castelao instálase en Buenos Aires en 1940 xa como figura central do galeguismo no desterro, ocupando o labor político, as relacións coa colectividade galega emigrada e o republicanismo no exilio un papel central no seu traballo e sendo, como é ben coñecido, presidente do Consello de Galiza e mesmo ministro no Goberno da República no Exilio. Alén desta realidade, que absorbe a centralidade do seu labor, outro condicionante para o seu traballo artístico será a vista -está nesta altura practicamente cego- o que o vai levar ao abandono da práctica do debuxo e da pintura por volta de 1945.
Malia estes fortes impedimentos, nestes anos realiza traballos de notábel interese, entre os que cómpre salientar, é claro, a elaboración do óleo que nos ocupa, A derradeira leición do mestre (1945), un cadro de grande tamaño -aproximadamente de dous metros de alto e 1,30 de largo- que reelabora unha estampa do álbum de guerra Galicia mártir (1937) e que compendia o drama e a represión á que foi sometido o noso país polo fascismo a partir da sublevación militar de xuño de 1936. O cadro foi un presente de Castelao ao Centro Orensano co gallo dunha homenaxe a Alexandre Bóveda, o asasinado representado na pintura, un aspecto que non debe ser nunca esquecido se queremos entender de que estamos a falar.
Nesta obra a pintura é, pois, un instrumento para plasmar un ideal ao tempo ético e estético, elaborado nunha linguaxe de realismo social, ben común na arte de guerra no bando republicano. Desde o punto de vista temático, culmina a identificación de Castelao cos problemas que afectan á liberadade, identidade e clase, comprendendo o seu tempo e sintonizando con el cunha intensa fondura e cun entendemento intelectual, político e afectivo. Neste óleo podemos tamén observar con absoluta nitidez as liñas programáticas do compromiso asumido polo autor: o ideal humano da perfección confrontado a todo o que o degrade e escravice, nomeadamente o fascismo.
A obra produciu, como outros traballos de Castelao, unha retórica en que se formula unha alianza entre o mundo intelectual galeguista e o mundo popular, representados nas figuras do mestre paseado e os rapaces, da cal resultaba unha imaxe global da Galicia popular aldraxada, auténtica «martir» dun fascismo concibido, entre outras cousas, como freo ao proxecto de hexemonía política que o nacionalismo e o republicanismo de Castelao representaban. De aí o ton épico que formula a imaxe.
O escintilar do terror
O mundo pintado por Castelao segue a existir porque el o preservou para que a memoria sirva para o noso presente. Porque o mundo é real en canto algúns o contan, en canto a memoria persiste como exemplo e advertencia.
Un extraordinario artista, sobrevivente dos campos de exterminio nazis, Zoran Music, titulou en 1970 a súa serie de debuxos sobre o terror e o holocausto Nós non somos os derradeiros, advertíndonos -el que levaba perpetuamente o escintilar do terror carimbado nos seus ollos- contra o esquecemento, lembrándonos que só coñecendo o pasado podemos evitar os seus males e que a ocultación e a manipulación representan a maior indignidade ética.
Nun sentido semellante chega a nós un cadro como A derradeira leición do mestre e como un lóstrego agroman novamente as imaxes do seu tempo e o resplandor da convulsión tórnase outra volta absolutamente real mais con el tamén se fai real a esperanza e a dignidade individual e colectiva. Esta é para nós a máis viva leición do mestre, o seu auténtico e perpetuo maxisterio.
Suscríbete para seguir leyendo
- El afloramiento de aguas profundas por el viento de nordés «congela» a los bañistas de las playas de la ría de Vigo
- Adiós a los conciertos de verano en los chiringuitos de Vigo
- La concesionaria del Cunqueiro cierra por primera vez el año con números rojos
- Portugal da luz verde a la acuicultura del futuro con su primera macrogranja de peces en alta mar
- La calle más poblada de Vigo tendrá en primavera un gran «macroparque»: puesta la primera piedra de la obra
- «Hemos visitado colegios y sorprende que niños de primaria no sepan identificar un pez tan característico y gallego como el rape»
- Isabel y Adolfo, de Venezuela a Ourense con sus tres hijos para reabrir un puesto en la plaza de abastos: la inmigración que rescata el comercio en Ourense
- El Concello de Vigo prohíbe la pantalla de la Diputación en Praza da Estrela para ver el España-Bélgica y Luisa Sánchez lo achaca al «sectarismo» del alcalde