Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Do Sil ao ceo

En Doade e Pinol, Sober

Miradoiro da Pena do Castelo.

Miradoiro da Pena do Castelo.

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

Ten esta parroquia do municipio lucense de Sober un dos mellores miradoiros sobre o Sil. Ademais por esta terra de viño de Amandi pasou en tempos dos romanos a Vía Nova, que unía Braga con Astorga, da que aínda se conserva unha boa parte en Doade.

Conta tamén con numerosos castros e outeiros e pode presumir de ofrecer unha das vistas máis espectaculares da Ribeira Sacra, coas ladeiras de viñedos precipitándose cara ao río desde A Pena do Castelo, punto ao que se accede a través dun frondoso carreiro no que aparecen penedos de caprichosas formas e bosques milenarios como o de Valguaire. Ao chegar ao centro da aldea uns sinais van guiando o camiño de subida entre castiñeiros que exceden os mil anos, cheos de mitos e lendas. O traxecto continúa ás veces chairo e a tramos sorteando a pendente ata un punto no que só é ascenso. A subida paga a pena porque tras as escaleiras de pedra chega o encontro cun dos miradoiros máis impresionantes da Ribeira Sacra.

Xa o conta o propio cartel que dá a benvida ao visitante: «A Pena do Castelo apunta orgullosa ao ceo e invita ao camiñante a descubrir a grandiosidade dun espléndido horizonte de cumes que a natureza esculpiu. Este máxico lugar garda as pegadas dos habitantes dos castros mesturadas coas dos devotos que acudían á ermida de San Mauro, desaparecida no século XIX».

Neste promontorio sobre o Sil existiu un castro levantado polas primitivas comunidades galaicas que elixían lugares elevados para vivir, defenderse e dominaren o territorio. Conta a tradición que unha catástrofe –non se sabe a orixe– destruíu o poboado, do que hoxe só se poden ver os restos dun foso defensivo, e os habitantes establecéronse na vila de Francos. Séculos despois, á vella atalaia incorporouse unha capela para cristianizar o lugar dedicada a San Mauro, cuxa orixe se perde no tempo. Desaparecido o eremitorio a mediados do século XIX, foi reconstruído fielmente pola Consellería de Cultura en 2004, incluída unha imaxe de pedra dedicada ao santo. No exterior, a grandiosidade da natureza e a viticultura heroica pendurada sobre o Sil falan do monumental esforzo do home por dominar estas pendentes cubertas de vides.

Capela de San Mauro.

Capela de San Mauro. / FdV

Moi preto está Souto Chao, onde a figura do vendimiador lembra o esforzo das mans do home por levantar os bancais de Amandi. A poucos quilómetros desta paisaxe de viñedos e ladeiras xorde un tesouro de pedra como é a igrexa de San Vicente de Pinol, unha xoia románica que conserva no seu interior pinturas murais do século XVI. O templo organízase con planta de cruz latina, unha soa nave e cabeceira rectangular rematadas por bóveda de canón. Un detalle singular é o rosetón de pedra con estrela hexagonal calada, algo pouco frecuente no románico rural galego. Tras unha restauración realizada no 2020, apareceron pinturas murais que permaneceran ocultas durante centurias baixo capas de cal. Entre as escenas e figuras destacan unha Anunciación no arco triunfal; santos como San Sebastián, San Xurxo e San Bartolomeu; e composicións como a Misa de San Gregorio ou a Batalla de Clavijo. Tamén a imaxe monumental de San Cristovo.

Na mesma parroquia de Pinol atópase o santuario de Nosa Señora de Cadeiras, de longa historia e fondo enraizamento popular. Levantado no século XVIII e fermosamente labrado, a tradición atribúe á Virxe numerosos milagres e curación de doenzas. Impresionante sobre seiscentos metros de altura e os canóns do Sil aos seus pés, Cadeiras non deixou de dar sorpresas ao longo do tempo, pois hai uns anos descubríronse unhas pinturas policromadas que estaban cubertas baixo unha capa de cal nos muros. No arco triunfal tamén hai decoración deste estilo. Por outra banda, o retablo maior podería vir do antigo convento franciscano de Santo Antonio de Monforte, vendido por pezas na Desamortización, mentres que os retablos laterais serían da igrexa parroquial de San Vicente de Pinol.

Santuario de Cadeiras.

Santuario de Cadeiras. / FdV

A Virxe na cadeira

A construción de Nosa Señora de Cadeiras concluíu en 1795, segundo reza a inscrición da entrada. Pero tanto no exterior como no interior, a obra quedou inacabada por falta de fondos para o seu remate definitivo. Falta unha das torres campanario que debería acompañar a que se atopa no lado esquerdo da fachada principal e, probablemente, o deseño orixinal sería dun templo con tres naves que finalmente se reduciu a unha, con bóveda de crucería na cabeceira.

Como noutras zonas de Galicia, é posible que o lugar fose enclave dalgún culto antigo cristianizado. Preto da igrexa está a «ermida pequena», un eremitorio rochoso onde se aparecería a Inmaculada, ás veces sentada sobre unha desas pedras en forma de «cadeira» que poderían dar nome ao santuario construído despois. Cada 7 e 8 de setembro celébrase a popular romaría de Os Remedios, de fonda devoción. A escasa distancia do templo atópase o miradoiro do mesmo nome, con magníficas vistas dos canóns do Sil. En fronte está outra coñecida atalaia, a dos Balcóns de Madrid. Un carreiro que arrinca cas desde a mesma terraza conduce ata o lugar de As Medorras, onde houbo un antigo castro.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents