Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Arredor do futuro construído

Pola rehabilitación do patrimonio industrial de Vigo

Fachada de «La Artística» (Vigo).

Fachada de «La Artística» (Vigo). / Marta G. Brea

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

«Todos os meus traballos finais académicos e outros que fixen despois para varios concursos estiveron relacionados coa recuperación do patrimonio industrial en Galicia e no norte de España. De feito, a declaración coa que empezaba a miña solicitude era que non hai nada máis sostible que recuperar o que xa existe». Quen así fala para FARO DE VIGO é a arquitecta compostelá Marta Morato Costa, gañadora do premio Renzo Piano World Tour en 2025 e participante no deseño da nova sede de Google na antiga estación ferroviaria de St. John, á beira do río Hudson. Lendo a entrevista, é inevitable lembrar o labor da asociación olívica Beiramar da Xente, nacida da convicción de que unha cidade tamén se explica a través dos seus oficios, dos seus espazos de produción e das pegadas materiais deixadas por quen a levantou día a día. O seu traballo vai moito máis alá da simple defensa dun conxunto de edificios antigos: o que persegue é protexer a historia viva dunha parte esencial de Vigo, a súa fachada marítima e industrial, un espazo onde o mar, a industria e a vida obreira configuraron unha identidade propia.

Ao longo de décadas, o bordo litoral de Beiramar foi un gran taller aberto. Estaleiros, conserveiras, almacéns, guindastres, peiraos, obradoiros mecánicos e pequenas industrias foron tecendo unha paisaxe singular, un territorio onde o son dos martelos, das máquinas e das sirenas marcou o ritmo diario de miles de familias. Para Beiramar da Xente, estes espazos non son simples restos dun pasado produtivo nin estruturas sen uso condenadas á desaparición, senón partes vivas da memoria urbana de Vigo.

Este colectivo cidadán defende a conservación do patrimonio industrial porque entende que a cidade perde parte da súa memoria cada vez que desaparecen lugares vinculados a xeracións enteiras de traballadores. A desaparición de fábricas como Refrey ou La Artística ou de antigas conserveiras da fachada marítima non supón só a perda dun inmoble, senón tamén dun fragmento da historia obreira e produtiva de Vigo. Mais a súa proposta non se limita á conservación física dos inmobles. Beiramar da Xente aposta por unha visión máis ampla e actual do patrimonio. Considera que espazos industriais como A Panificadora ou Alfageme poden ser recuperados e adaptados para novos usos culturais, sociais e cidadáns, converténdose en lugares de encontro e actividade, sen renunciar ao seu valor histórico. Preservar non significa inmobilizar ou fosilizar, senón dar continuidade.

Outro dos seus obxectivos fundamentais é fomentar o coñecemento cidadán deste patrimonio, porque aquilo que non se coñece dificilmente se pode protexer. A través de actividades divulgativas, investigacións e iniciativas públicas, a asociación procura que a veciñanza recoñeza eses espazos como parte da súa propia historia. No fondo, Beiramar da Xente formula unha pregunta que transcende Vigo e que interpela a calquera cidade contemporánea: que facemos coas pegadas do noso pasado industrial? A súa resposta é clara. Fronte ao esquecemento ou a substitución indiscriminada, propón memoria; fronte á desaparición, coñecemento; fronte á ruptura coa historia, continuidade.

Conservar e dar novos usos ao noso patrimonio industrial significa, como defende o especialista Francisco Fernández Pérez no libro que dedicou a estas arquitecturas fabrís (2016), conservar unha parte esencial da identidade arquitectónica de Vigo.

O exemplo de Dublín

Unha experiencia útil para Vigo pódese atopar na beira do río Liffey, en Dublín, onde o pasado industrial pasou de ser unha carga urbana a converterse nunha oportunidade de renovación. Durante décadas, os peiraos, almacéns e muíños dos Docklands expresaron a relación da cidade co comercio marítimo e co traballo de milleiros de persoas. Co declive industrial, aquela área entrou en crise, pero acabou sendo reinterpretada a través de políticas de rexeneración e reutilización patrimonial.

Arquitectura industrial rehabilitada en Dublín.

Arquitectura industrial rehabilitada en Dublín. / .

O CHQ Building, antigo almacén portuario rematado en 1821, foi rehabilitado conservando a súa estrutura de ferro fundido e adaptándoa a novos usos culturais, comerciais e cidadáns. Algo semellante aconteceu con Bolands Mills, un histórico complexo industrial dos Docklands ligado tanto ao pasado fabril de Dublín como á memoria política irlandesa. A súa recuperación buscou integrar a preservación patrimonial con novas funcións urbanas e empresariais.

Vigo non é Dublín, nin a súa fachada industrial pode copiar modelos alleos sen máis. Pero a experiencia irlandesa lembra algo esencial: rehabilitar o patrimonio industrial non significa frear o futuro, senón construílo con máis memoria, máis intelixencia e máis respecto pola cidade real. Ese é, precisamente, o debate que asociacións como Beiramar da Xente levan anos poñendo enriba da mesa.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents