Deus, felicidade e terras
Nos 250 anos da independencia dos Estados Unidos

«Declaración de Independencia» (John Trumbull, 1819).
A Declaración de Independencia, proclamada o 4 de xullo de 1776 en Filadelfia polos representantes das Trece Colonias, non supuxo unicamente a fundación do primeiro estado por parte de colonos chegados de Europa. Tamén a constitución do primeiro estado democrático do mundo, trece anos antes da Revolución Francesa que deu inicio á caída das monarquías absolutistas.
No proceso que conduciu á independencia, a masonería tivo un papel decisivo: Benjamin Franklin e George Washington, entre outros, eran masóns activos. Esta circunstancia condicionou a redacción da Declaración de 1776, na que se poñían no centro a igualdade entre todos os homes (brancos e varóns) que, por concesión de Deus, gozan de dereitos inalienables: a vida, a liberdade e mais a procura da felicidade. Un dereito este último que, anos despois, nunca foi vindicado polas forzas progresistas -xa non digamos polas conservadoras- cando resulta que é a máxima realización da vida.
No entando, esta expresión chocaría co pensamento dos puritanos, chegados no Mayflower en 1620, os chamados «os peregrinos». Na mitoloxía fundacional está o Día de Acción de Grazas como celebración unificadora por riba das orixes e dos credos e uns e outros pasaron a ser confundidos. Na ribeira atlántica occidental xa había colonias europeas (españolas, neerlandesas, francesas, inglesas), incluso nativos que coñecían a lingua inglesa. Cos peregrinos viaxaron tamén artesáns diversos que así garantían o éxito da futura colonia. Á súa chegada asinaron un pacto que establecía as bases dun primeiro autogoberno pero sen esquecer a lealdade ao rei Xaime de Escocia e Inglaterra.
Mais estes peregrinos eran distintos dos puritanos. Chegados dez anos máis tarde, fuxiran de Inglaterra pola súa condición de calvinistas e por quereren eliminar a herdanza católica do anglicanismo; por tal motivo foran perseguidos en Inglaterra. Con todo, uns e mais outros aportaron a maneira de ser dos futuros Estados Unidos: ética do traballo, relixiosidade, afán lexítimo de lucro. En definitiva, o verme WASP: branco, anglosaxón e protestante.
Pero unha vez conquistado o protagonismo como nación, os seus políticos manifestaron ben axiña unha clara vontade expansionista. En 1783 xa estenderan o dominio ao oeste dos Grandes Lagos e, polo sur, ata o límite coa Florida, territorio que obtiveron por cesión de España en 1819. En 1803, ocupado Napoleón na súa loita en Europa, o goberno de Washington mercou a Francia a Louisiana (desde o límite coas colonias inglesas do Canadá ata o golfo de México). A segunda guerra contra Inglaterra estaba causada polos intentos de expansión nas colonias canadianas. Xa coa guerra con México (1845-1848), anexionaron Texas e conseguiron a cesión das terras que chegaban ata o Pacífico. Unha expansión completada coa división de Oregón (1846) e coa compra de Alaska a Rusia (1867). En 1898 ocuparon Hawaii e, coa derrota de España, Cuba, Porto Rico e as Filipinas e illas veciñas.
Semellante xen da expansión -que recentemente Donald Trump manifestou verbo de Grenlandia- non foi un simple exercicio de extensión territorial política. Na conquista de Hawai xogaron os intereses da empresa Dole en controlar plantacións de piña tropical. De igual maneira, a intervención en Guatemala en 1954 contra Jacobo Árbenz estaba ao servizo da United Fruits para garantirlle as exportacións de bananas a baixo prezo. Trátase, en fin, dunhas intervencións que comezaron cando, na protección do seu comercio no Mediterráneo, enviaron barcos a combateren as accións de piratas norteafricanos ao servizo do imperio otomán. Cando os homes da infantería de mariña (marines) canta o seu himno, lembran que a súa primeira acción foi en Trípoli, Libia. En dous séculos tiveron diversas intervencións, sempre fóra do territorio nacional, para aseguraren a hexemonía estadounidense polo mundo adiante. O xen expansivo sempre presente.
Suscríbete para seguir leyendo
- Los padres de la alumna con sumas erróneas en la nota de la PAU tras las revisiones denuncian «indefensión»: la corrección de la CiUG llega tras cerrar el primer llamamiento en varias comunidades
- El afloramiento de aguas profundas por el viento de nordés «congela» a los bañistas de las playas de la ría de Vigo
- Adiós a los conciertos de verano en los chiringuitos de Vigo
- Así será la revolución que vivirá el frente litoral de Vigo en Teis: alquileres «tasados» durante 75 años, calidad arquitectónica, vida comercial, grandes dotaciones públicas y un bosque
- La concesionaria del Cunqueiro cierra por primera vez el año con números rojos
- Portugal da luz verde a la acuicultura del futuro con su primera macrogranja de peces en alta mar
- Víctor Fernández, afectado por la prohibición del Concello de Vigo: «Sin conciertos en mis chiringuitos tendré que despedir a gente»
- Muere un hombre mientras se bañaba en una playa de A Illa
