Libros destacados da semana

FdV / FdV
VV. AA.
Máis pausada do debido
Cine e literatura
Fabio Rivas
Hai poucas semanas aquí mesmo falabamos, e con boas palabras, sobre Carne picada, a obra gañadora do II Premio Aira de Novela por entregas. Os autores e autoras participantes publicaban, con certa periodicidade, os capítulos de cadansúa novela no blog Biosbardia. A obra da que hoxe nos toca falar, Catro viaxes de Elena Fahlbusch, o debut na novela en galego do ourensán Damián Guede (1979), participou tamén nesta última edición do premio. Agora todas as entregas anteriormente divulgadas na rede veñen recolleitas nun volume editado na colección «Ronsel» de Galaxia, creada ex profeso para dar a coñecer novas voces e novas autorías.
Sintetizar o argumento da novela é doado: a gravación da longametraxe Catro viaxes de Elena Fahlbusch, que xa presenta certas dificultades desde o comezo pola morte nun accidente do adestrador de Luc, o can-actor sobre o que orbita a película, supón o reencontro de Roberto, o director, e a súa exparella Ana, a súa axudante. A través dun narrador heterodiexético que acompaña sempre a esta última imos coñecendo os pormenores, non sempre agradables, da rodaxe.
Resulta evidente que detrás desta novela hai unha gran vontade de crear e unha aínda meirande dose de traballo. Guede amosa un coñecemento moi preciso do mundo audiovisual, perceptible ben na terminoloxía técnica, ben na descrición das dinámicas de traballo dun equipo de rodaxe. As súas múltiples capas narrativa dan, tamén, testemuño da delicada angueira levada a cabo. Neste senso, a novela dialoga cunha tradición narrativa interesada polos mecanismos da representación e pola fronteira difusa entre realidade e ficción.
Con todo, a ambición do proxecto non sempre se traduce nun resultado plenamente satisfactorio. A atención case obsesiva nos detalles da rodaxe, nas conversas arredor da interpretación e nos procesos internos da creación audiovisual acaba por pexar o desenvolvemento narrativo. A novela avanza a un ritmo moi pesaroso; detense con frecuencia en escenas e reflexións que, nas máis das veces, non contribúen a incrementar a tensión dramática nin moito menos a afondar nos conflitos que presenta. Esta elección estética seguramente ha de atopar un lectorado disposto a deixarse levar por unha narración pausada, mais para quen agarde atopar unha evolución argumental máis marcada pode darse de bruzos con certa sensación de estancamento ao longo da lectura.
Novela de lembranzas
Saír do armario con naturalidade
Estro Montaña
Se é difícil escribir a unha idade temperá unha novela importante, máis difícil é aínda que esa novela deixe unha pegada relevante na literatura dun país. Victor Heringer (1988-2018) publicou con 28 anos O amor dos homes avulsos, novela que acadou un posto de honra na literatura brasileira do século XXI e que, igual que sucedeu coa súa anterior obra, gañou un dos premios máis importantes do Brasil.
O relato está contado por Camilo, un mozo da burguesía con discapacidade nunha perna que vive comodamente nun suburbio. Un día o pai, que é médico, aparece con Cosme, un neno que posiblemente é fillo dunha muller torturada pola policía da ditadura nos anos 70. Cunha linguaxe sinxela e poética, o narrador vai contando a relación entre os dous ata o asasinato de Cosme.
O amor non é o único tema: a memoria, a homosexualidade, a violencia e as diferenzas sociais son introducidas con habelencia a través dunha lingua poderosa que suxire e non necesita unha explicación prolixa dos acontecementos. A visión do amor homosexual é apaixonada, nunca lasciva; preséntase con naturalidade, como algo universal, sen dramas e con tenrura.
Novela de lembranzas, contada desde a ausencia, ten como pano de fondo o Río de Xaneiro da ditadura militar. Nela aparece Renato, a quen Camilo coñece desde neno e que axudará ao narrador a reelaborar a memoria da perda do seu grande amor.
Resolver as eivas
Amor, paciencia e coidado
María Navarro
Nun fermoso volume publicado por Triqueta presenta Patricia Casasola Os recordos de Moucho, relato que pasa da realidade á lembranza e que a través da repetición da estrutura narrativa dirixe ao lectorado mozo unha mensaxe ben clara: as eivas pódense resolver en comunidade como o demostran a señora Curuxa, Cerva, Esquío, Teixugo ou Ourizo. No apartado plástico, Sara Sánchez achega unha atmosfera acolledora co deseño detallado e suave de animais antropomorfizados que, sen dúbida, xerará empatía nos receptores.
O uso de animais na literatura infantil e na psicoloxía educativa semella unha das estratexias máis comús e efectivas para falar coa cativada sobre o esquecemento, a memoria e o envellecemento. Os animais actúan como amortecedor emocional, permiten que os nenos e as nenas entendan conceptos abstractos e dolorosos dende unha distancia segura, empatizando coas personaxes antes de trasladar esa realidade aos seus propios avós ou familiares. Así, Moucho esquece que é un ser tenro que axuda a quen o precisa e os que están o seu redor preocúpanse de recordarllo en forma de carta que deixan na súa caixa de correo e que a ave rapaz nocturna recibe como agasallo a unha vida de dedicación aos demais.
A cativada verá que a través de Moucho, o esquecemento deixa de ser un monstro aterrador e se convirte nunha circunstancia da vida que se pode afrontar con amor, paciencia e coidado comunitario.
Vibra, corazón
Rigor histórico, fabulación literaria
Oriana Méndez
Rastros, a singularísima colección de contos de Carlos Lixó, belamente editada por Rodolfo e Priscila, podería presentarse coma un percorrido pola experiencia homosexual a través dos séculos. Mais o autor asume un desafío lingüístico de altura: como devolverlles a voz aos excluídos do pasado mantendo asemade o rigor histórico e a fabulación literaria?
Sexualidade, violencia, dominio, exclusión ou identidade… tecen a corda temática da que terma Lixó para observar de que xeito as comunidades humanas produciron as súas propias categorías morais. Uns textos aproxímanse ao mito, outros á documentación medieval, outros á crónica, ao expediente inquisitorial, á oralidade popular ou á carta íntima. O resultado é unha moi orixinal proposta que abrangue milenios e atravesa continentes. Con todo, os relatos permanecen unidos porque gravitan arredor dunha mesma cuestión: a relación entre os corpos e os sistemas que pretenden gobernalos.
Secasí, unha das virtudes máis salientables de Rastros é que evita presentar a historia como unha marcha lineal cara á emancipación. Os relatos amosan que cada época xerou os seus propios mecanismos de exclusión e pertenza, de xeito que as categorías de progreso ou atraso resultan menos evidentes do que podería parecer. En fin, a de Rastros é unha polifonía sostida con admirable coherencia onde translocen, ademais, o talento e a forza literaria de Carlos Lixó.
Suscríbete para seguir leyendo
- Los padres de la alumna con sumas erróneas en la nota de la PAU tras las revisiones denuncian «indefensión»: la corrección de la CiUG llega tras cerrar el primer llamamiento en varias comunidades
- El afloramiento de aguas profundas por el viento de nordés «congela» a los bañistas de las playas de la ría de Vigo
- Adiós a los conciertos de verano en los chiringuitos de Vigo
- Así será la revolución que vivirá el frente litoral de Vigo en Teis: alquileres «tasados» durante 75 años, calidad arquitectónica, vida comercial, grandes dotaciones públicas y un bosque
- La concesionaria del Cunqueiro cierra por primera vez el año con números rojos
- Portugal da luz verde a la acuicultura del futuro con su primera macrogranja de peces en alta mar
- Víctor Fernández, afectado por la prohibición del Concello de Vigo: «Sin conciertos en mis chiringuitos tendré que despedir a gente»
- Muere un hombre mientras se bañaba en una playa de A Illa