Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Lentes de aumento

O Grupo Ornitolóxico Galego e as Illas Cíes

Illas Cíes.

Illas Cíes. / Ricardo Grobas

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

En 1973, un grupo de estudantes de Bioloxía e de Maxisterio da USC adoitaba reunirse nos bares de xeito clandestino para debater sobre cuestións medioambientais e programar saídas ornitolóxicas. Constituían o celme do GOG (Grupo Ornitolóxico Galego), a primeira asociación centrada no estudo sistemático da avifauna galega. En agosto dese mesmo ano, conseguiron que o Goberno Civil de A Coruña lles concedese o dereito de se asociar e comezaron a despregar unha serie de actividades indispensables para o coñecemento do noso patrimonio natural. Por exemplo, a realización dun censo de aves acuáticas invernantes que se vén repetindo puntualmente todos os meses de decembro dende entón até os nosos días.

Na súa maioría, os integrantes do GOG eran mozos entusiastas que, cargados cos seus propios equipos, percorrían Galicia en coches particulares e autocares alugados. Só contaban coa axuda dalgunhas redes de colaboradores locais e pasaban as noites en tendas de campaña. Así exploraron boa parte dos enclaves naturais máis sinalados do noso país, dende as Dunas de Corrubedo até a desembocadura do Miño. E, interesados como estaban nas aves acuáticas, un dos primeiros lugares que visitaron naquel afastado 73 foron as Cíes.

Para realizar un dos devanditos censos, contactaron cun pescador dos arredores e propuxéronlle que, por unhas cantas pesetas, os levase ás illas e fondease en distintos puntos do litoral. Dende a barca, os mozos dividían as fachadas das illas en cadrantes e, coa axuda duns prismáticos, contabilizaban os niños das distintas especies. Logo facían unha estimación das poboacións aviares e deixaban constancia nos cadernos de campo. Repasando os boletíns científicos onde plasmaban as súas investigacións, podémonos facer unha idea do que enfocaron cos prismáticos mentres trataban de se acompasar co abaneo das ondas: gaivotas patiamarelas, biluricos, cormoráns moñudos, ostreiros, algúns mazaricos…

En 1976, o GOG deixou de existir como tal para transformarse na sección de ornitoloxía da SGHN (Sociedade Galega de Historia Natural), unha das organizacións ecoloxistas e conservacionistas máis importantes de Galicia. Neste novo contexto, aqueles mozos retomaron as súas tarefas científicas habituais e, ao ano seguinte, volveron ás Cíes para completaren un novo censo. E así continuaron incansablemente, cimentando unha tradición de estudo e divulgación que segue a ser esencial. Grazas aos seus boletíns, podemos reconstruír con axilidade a historia aviar da meirande parte das costas galegas.

O que os censos revelan das Cíes é que, ata os 80, foron un ecosistema mariño relativamente estable e tipicamente galego. De aí en diante, a primeira variación que experimentaron foi a desaparición definitiva do arao común como especie reprodutora, e a segunda, o aumento explosivo de gaivotas patiamarelas.

Nos 2000, catástrofe do Prestige mediante, as furnas e os cantís das illas deixaron de aloxar tantos niños de cormoráns moñudos como adoitaban. E, na última década, a posibilidade de entrar nun novo ciclo de expansión poboacional ficou esvaecida: os cormoráns moñudos convertéronse nunha especie de conservación prioritaria e a poboación de gaivotas patiamarelas caeu de xeito dramático. Se hoxe mirásemos as Cíes dende a barca dalgún pescador amable, veríamos un panorama cuns ceos máis baleiros e empobrecidos.

Malia todo, a variación maior que experimentaron as illas dende o 73 non é de natureza aviar, transcorre nos meses tórridos do ano e involucra as navieiras que operan na Ría de Vigo. Probablemente os membros do GOG nunca estiveran a tempo de advertila; nós, coma todos os anos, non tardaremos en dar conta dela. Irrompe, por certo, na casa natal das aves e altera a súa tempada de reprodución.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents