Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Arte: exposicións

As viñetas que non foron ao prelo

Obras en papel do primeiro Laxeiro

Laxeiro, as viñetas que non foron ao prelo

Eli Regueira

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

A Fundación Laxeiro presenta a exposición Laxeiro, as viñetas que non foron ao prelo, un proxecto que inclúe seis obras sobre papel inéditas da primeira etapa do pintor. A exposición, cunha moi atractiva montaxe, permite enxergar traballos descoñecidos na liña daqueles que Laxeiro publicou na prensa, en concreto nos xornais FARO DE VIGO e El Pueblo Gallego, entre os anos 1928 e 1930. A mostra entendemos que é unha achega de investigación e catalogación de primeira orde, xa que presenta composicións especialmente relevantes para entendermos a súa posterior evolución, en especial as obras intituladas Enterro (ca. 1929), Velorio (1926), Namorados (1929) e Sen título (ca. 1930), esta última con tema de maternidade.

Como o título da mostra referencia, este tipo de obras semellan ligadas ao momento en que Laxeiro comeza a súa actividade en prensa como creador de ilustracións -ou debuxante de «monos», como tamén eran chamados este tipo de debuxos naquela altura-. En concreto estas colaboracións tiveron inicio no FARO DE VIGO o 20 de setembro de 1928, cando o artista ten pouco máis de vinte anos.

Estamos, pois, perante a auténtica prehistoria do pintor, un Laxeiro xuvenil que se debate entre a tradición que ten orixe en Goya e que tiña plena presenza neses anos no traballo de Gutiérrez Solana no contexto español, un realismo con trazos de patetismo e vontade de empatía cos sectores populares representados, en especial co mundo labrego. Un mundo estético que tamén se percibía en autores galegos da anterior xeración, como é o caso de Xesús Corredoyra ou mesmo en certas etapas da obra de Castelao.

Laxeiro, aínda lonxe do seu estilo pictórico do anos trinta, tenta nestas obras captar os trazos do xeito máis sintético posíbel para verificar e comprender os elementos esenciais do tipo humano representado, ás veces con vontade caricaturesca mais sen acritude (Muiñeiras, ca. 1929). O resultado, como en calquera artista de personalidade, revela a comprensión do representado, esa captación do popular que coñece de primeira man nas feiras do Lalín natal da súa experiencia vital e do seu traballo de mocidade como barbeiro pintor. O debuxo é, pois, unha maneira de penetrar no mundo real e comprendelo mellor, un exercicio que se converteu en esencial en Laxeiro desde os seus tempos de mocidade.

A obra que é se cadra máis relevante das presentes na exposición: Enterro (ca. 1929) patentiza a procura dunha linguaxe que se afaste do simple formalismo, que vai levar o pintor a crear peculiares lecturas da modernidade, en contacto coa problemática coeva e coa tradición galega románica e popular como algúns dos resortes temáticos e formais, ao que se unen evidentes citas do realismo social do XIX: Daumier, Millet e Courbet. Neste Enterro, unha composición en friso con motivos de marcada expresividade, percibimo indirectos ecos de Un enterrement à Ornans [Enterro en Ornans] (1849) de Courbet, un aspecto que tamén se pode detectar noutros autores galegos nesa altura, en especial nalgunhas obras de Manuel Colmeiro.

Sintonía coa renovación

En traballos como a escena de maternidade Sen título (ca. 1930) e Namorados (1929), Laxeiro presenta unhas figuras humanas rotundas: unha volumétrica meternidade e unha parella de fasquía popular. Son exemplos dos temas costumistas e folclorizantes galegos, mais cun tratamento planimétrico modernizador, que lembra algúns dos debuxos de Castelao do Album Nós no formal, sen as doses de contido social presente no traballo do rianxeiro.

Laxeiro combina con grande estilización elementos modernizadores no uso de superficies planas esquemáticas, ocupando o espazo como nun tímpano medieval, o que xa sitúa estas obras na órbita do traballo plástico que están a realizar nesta altura pintores como Arturo Souto, Carlos Maside ou Manuel Colmeiro. Neste sentido cómpre situarmos estas obras en relación coa consolidación do movemento d’Os Novos, que sen dúbida xa está o influír sobre o noso pintor e que o levará a realizar pouco despois, no período republicano, algunha das súas pinturas senlleiras.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents