Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Cos gatos do horto

O Santiago branco de Víctor López Cotelo

Casas no barrio compostelán de Bonaval.

Casas no barrio compostelán de Bonaval.

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

Moitos dos que no seu paseo cotián por Santiago de Compostela chegan á pasarela enverdecida que comunica o parque de Bonaval co barrio que rodea a ruela da Caramoniña —zona medieval e tamén corredoira de esmorgantes— pensan que un bo día podería ser a vía de paso ao mundo dos soños. Sabémolo porque preto dela hai gatos do horto, coma os que idolatraba Borges, e partes nas que aínda se escoitan polo Santiago moderno algunhas palabras en románico nos seus relanzos coas portas abertas.

O paso elevado de Bonaval semella unha cousa xaponesa; xa lles digo que asiática, fina e leve, como lle gustaban as edificacións de madeira e papel ao xenial escritor, tan reaccionario como melancólico, Junichiro Tanizaki. A peza, parte dun proxecto deleitoso, comunica dous mundos: o do barrio de San Pedro e o da súa incorrixible irmá, a Almáciga. É aí onde está Bonaval, o lugar onde nos anos noventa os arquitectos Álvaro Siza e Isabel Aguirre executaron a reforma deste verxel, antes cemiterio.

Casas coma deusas extraídas do maxín dun deus pagán, así penso que saíu da cabeza de Víctor López Cotelo, o arquitecto madrileño premiado no 2025 co Premio Nacional de Arquitectura 2024, este casarío enxertado de pisos e vivendas unifamiliares colocado nun dos balcóns máis fermosos da cidade. Dende aquí calquera habitante destes bloques brancos, de horizontalidade e sinxeleza luxosa, pode pousar a mirada na orografía centenaria e nos revoltos de vivos e mortos da timbal caótico que é Santiago.

O veciño destas casas, á vez centro e periferia da urbe compostelá, comproba, tal e como puiden facelo eu nun día de xantar, a sinfonía de cúpulas barrocas que se abre no horizonte. É a coroa propia de Compostela, e ten a súa contraparte en López Cotelo coa sensibilidade das cores claras, amarelas e verdes, todas elas fundidas no branco cremoso que quizais sexa unha concesión amable do benfeitor arquitecto á súa terra natal. Así, a Caramoniña mira para adiante, e nela hai, abertas ao interior das casas, bufardas que deixan pasar a luz do sol, delicados azulexos e materiais sinxelos, case franciscanos, pero co mesmo colorido ca o caro contraste do españolísimo e radical ollo de Almodóvar.

Conforman este proxecto de López Cotelo varias vivendas conectadas por escalóns, terrazas e zonas verdes. Hai nelas unha vontade de que o espazo público peneire no privado, até o punto de que eu, que lles son un comensal curioso, puiden distinguir dende o comedor dunha das vivendas unifamiliares —de extensos salóns e longas terrazas asomadas á estreita rúa— varias persoas, tan bulideiras coma quen lles escribe, apostadas entre as pedras que se confunden cos muros do vello cemiterio de Bonaval de enfronte.

As casas da Caramoniña, do ano 2009, supuxeron a recuperación do barrio situado nas pousadeiras do mosteiro de Santa Clara, antes afastado do centro e aínda en amable contacto coas leiras e os sucos que quedan nelas. Santiago segue sendo unha cidade na cal o paseante que vén da pasarela de Bonaval e observa, embaixo, a ruela de pedra mollada e accidental, aínda pode conversar con aqueles dos que lles falaba: os gatos do horto, sabios coma o Cristo hortense da catedral, e os vellos afincados nas partes altas, que traballan a terra entre as vivendas das novas clases acomodadas dos servizos e da tecnoloxía. Do horto municipal ao garaxe, e deste ao xardín, case non hai fronteira clara entre o exterior e o interior, iso é a chave da beleza discreta.

Este inmenso solar, de varios módulos, ramplas e curvas que confunden o que é beirarrúa co que é parte da finca, demostra que é posible ser galego universal, e así o é López Cotelo, que recolleu o galardón o pasado 18 de xuño, na Universidade de Granada. Compartimos cos casteláns o feito de que un templo marque a vida cotiá, e abofé compartimos tamén a mesma luz que reverbera nas caras brancas das casas encaladas polas costiñas de Castela a Vella. Nós ás veces mantémolas igual de brancas e sorprendidas polo sol; doutras, pintámolas de branco fronte aos muros espidos do cemiterio de Bonaval.

Antiga vaquería nas Galeras. Santiago de Compostela

Antiga vaquería nas Galeras. / FdV

Un paseo por Galeras

López Cotelo deixou noutra zona verde unha recuperación que tamén revitalizou un barrio degradado da vella capital galega: o de Galeras. Así, ao pé do río Sarela, no seu paseo polas saias de Montepío, aparécese a vella vaquería, unha das moitas industrias que se colocaban ao pé dos ríos para aproveitar as augas ou deixar nelas os seus lixiviados.

A vella vaquería dispón de varios módulos, nunha convivencia entre os que veñen de tempos pretéritos e os de nova construción. Entre estes últimos destaca a nave horizontal, da cor da avelá, que preside e chama a atención dentro do conxunto, unha sorte de vivendas adosadas nun mesmo corpo con espazos comúns.

As súas entradas son varias. Unha está próxima ao pequeno templo de San Paio do Monte, nas saias do barrio do Carme, onde o Sarela se viste fachendoso de hoteis, vivendas adosadas de catedráticos, empresarios e outras xentes descoñecidas. Aí López Cotelo ten, mirando á igrexa, un módulo ben especial, cun frontal que é un balcón cuberto, unha nave a dúas alturas, acristalada, que debe ser deleite de invernadoiro, comedor ou simplemente sala para estar. Enriba e ás beiras afloran as terrazas, e todo parece unha escusa para abrir as cadeiras e sentar. É outra das insistencias vangardistas deste merecido premiado: que os veciños falen entre si.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents