Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Arqueoloxía

Os petróglifos do Coto da Serra

Unha nova estación de arte rupestre en Xunqueiras

Perspectiva do panel principal dos petróglifos do Coto da Serra.

Perspectiva do panel principal dos petróglifos do Coto da Serra. / Alberte Reboreda

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

A directiva da comunidade de montes de Xunqueiras (Pazos de Borbén) vén de descubrir a primeira estación de arte rupestre da súa parroquia. Situada ao pé do Coto da Serra, unha elevación que domina o Monte das Chans, os gravados localízanse nas proximidades da mámoa da Cavada dos Píos, erroneamente identificada pola administración como «da Fontaíña». O panel principal mostra unha ampla laxe granítica de superficie suavemente inclinada e intensamente meteorizada con múltiples diáclases. A estación sitúase nun contexto topográfico dominante, a 397 m de altitude, condición frecuente nos petróglifos atlánticos da Idade do Bronce (ca. 2200–800 a.C.) do noroeste peninsular.

Desde o punto de vista iconográfico, o panel principal está formado fundamentalmente por combinacións circulares (rings na literatura arqueolóxica); é dicir, motivos compostos por unha coviña central rodeada por un único anel concéntrico gravado mediante picado. Obsérvanse nove destes motivos —dous deles sen coviña central— distribuídos por toda a superficie visible da rocha, que presentan un diámetro comprendido entre os 15 e os 20 cm. Arredor destes motivos xeométricos dispóñense numerosas coviñas illadas e tamén unidas aos círculos, configurando unha curiosa composición radial ou satelizada pouco habitual na arte rupestre galaica. Esta asociación entre círculos concéntricos e coviñas é exclusiva deste sector do panel. Os motivos circulares non posúen uns sucos uniformes, xa que mentres uns se conservan en bo estado, outros aparecen máis esvaecidos.

As coviñas (cup-marks) constitúen o segundo elemento iconográfico dominante. Os exemplares que contamos distribúense por toda a superficie gravada, tanto de forma illada como formando pequenas agrupacións. Presentan sección circular e diámetros aparentemente homoxéneos, o que proba a súa natureza antrópica. Algunhas delas parecen integrarse arredor dos esquemas circulares, mentres que outras ocupan espazos intermedios entre os distintos motivos.

O repertorio visible encaixa, polo tanto, dentro do grupo clásico dos petróglifos de círculos concéntricos e coviñas, un dos conxuntos máis característicos da arte rupestre atlántica do noroeste peninsular.

En conxunto, o panel destaca pola elevada densidade de motivos, pola reiteración das combinacións circulares e pola organización aparentemente aleatoria dos gravados sobre unha superficie granítica de gran visibilidade.

Nunha cota inferior ao panel principal que vimos de describir apréciase outro conxunto de gravados realizados sobre unha superficie de menor tamaño. Aquí as cazoletas ou coviñas son os motivos máis abondosos (unha trintena) e protagónicos. Trátase de pequenas incisións circulares ou semiesféricas gravadas na pedra que, neste caso, preséntanse exentas ou dotadas de sucos que, en ocasións, as conectan entre si.

Observamos variacións no diámetro e na profundidade, de xeito que algunhas coviñas son moi nítidas e profundas, mentres que outras presentan un maior grao de erosión polo paso do tempo e menor visibilidade pola acción dos liques.

Diferentes sucos lineais ou canles (grooves), moitos deles conectados a unha ou dúas cazoletas, aparecen neste sector do panel. Estes gravados lineais obtidos por piqueteado e/ou abrasión fan as veces de canles de desaugue ou unión. Precisamente o curso de fluídos e a interconexión de cavidades son un motivo clásico que a miúdo se asocia funcional ou simbolicamente con este tipo de motivos.

Calco dixital do panel nº 2 dos petróglifos do Coto da Serra. Alberte Reboreda

Calco dixital do panel nº 2 dos petróglifos do Coto da Serra. / Alberte Reboreda

Tamén cruciformes

Xunto aos motivos que vimos de describir destaca tamén a presenza dalgúns cruciformes (crosses). De tipoloxía latina, foron gravados en dúas versións diferenciadas; unha delas é a convencional, ben illada ou chantada nun motivo circular. Noutra versión (que tamén aparece na estación do Coto da Lameira ou Laxe Escorregadoira, na parroquia veciña de Moscoxo) a cruz aparece encapsulada ou contorneada cun bordo exterior que envolve o motivo principal, facéndoo máis visible e destacado.

Neste punto compre recordar que a presenza de cruces adoita responder a procesos de cristianización de espazos pagáns que tiveron lugar en época medieval ou moderna, e que puideron funcionar como marcas de termo e lindes.

A estación do Coto da Serra constitúe, en definitiva, un notable exemplo de arte rupestre xeométrica ao aire libre, integrado na tradición simbólica atlántica que caracteriza a arte prehistórica en Galicia e o norte de Portugal. Estes gravados amplían o mapa simbólico da comarca de Vigo e lembra a necesidade de protexer un patrimonio vulnerable que segue a emerxer, silencioso e sorprendente, baixo o mato e entre o fume dos incendios.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents