Libros destacados da semana

FdV / FdV
VV. AA.
Memory Card
A dobre ou nada
Iago Fernández
Malia ser un tanto aparatoso, o mellor termo que atopo para definir esta novela é «instalación narrativa». Empregouno unha vez o crítico Ignacio Echevarría para falar de Un verdor terrible, a segunda novela de Benjamin Labatut. En poucas palabras, unha «instalación narrativa» sería un conxunto de pezas literarias autoconclusivas e con características estruturais máis ou menos diferenciadas. Un verdor terrible, por exemplo, comeza cun ensaio, segue cunha cadea de relatos e remata cunha narración alegórica. A unidade e o sentido dependen das pontes temáticas e conceptuais entre as partes e do atractivo contrapuntístico do conxunto.
No caso de Boundaries Road temos tres pezas. A primeira conta a experiencia de Cecilia coma emigrante e céntrase na convivencia dela coa parella londinense que lle aluga o cuarto onde dorme e traballa. A segunda, narrada pola propia Cecilia, detalla unha busca dixital de información para probar a existencia dun suposto cadro de Picasso. A terceira é unha noveliña sobre un vello emigrante xudeu que vive en Londres e, ao trabar nunha manga, activa a lembranza de tempos pasados. Entre elas podemos atopar múltiples fíos condutores. Os máis evidentes son o da emigración, que conecta as vivencias de Cecilia coas do vello emigrante xudeu, e o da memoria, que percorre toda a novela e desencadea os efectos máis conmovedores.
Respecto a este último, penso no comezo da segunda peza, onde Cecilia reflexiona a propósito dun neno a piques de comer unha galleta. Entre outras cousas, dise que chegará un día no que ese neno xa feito home lamberá outra galleta e espertará a lembranza da afastada lambetada orixinal. Continuamos lendo e, ao comezo da terceira peza, decatámonos de que ese neno da galleta transformouse, na imaxinación de Cecilia, no vello emigrante xudeu que proba a manga e lembra os tempos idos. Así, malia que Boundaries Road semelle unha proposta deliberadamente dispersa, está chea de fíos que a unifican e reorientan a lectura.
Unha novela destas características, tan arriscada e ben resolta, amosa que Cecilia F. Santomé (autora, narradora e protagonista) acaba de se converter nunha das escritoras máis interesantes do panorama galego. E que, atendendo á súa anterior novela, As despedidas, pode reinventarse completamente dun libro para o seguinte sen comprometer en ningún momento a calidade artística.
Pimentel sempre
Unha necesaria edición
Laura Paz Fentanes
Alvarellos vén de publicar Cunetas, de Luís Pimentel, con prólogo de Claudio Rodríguez Fer e epílogo de Xurxo Martínez González. O primeiro traza na introdución un breve percorrido pola biografía do autor e pola historia do poemario, datado en 1947 e escrito orixinalmente en castelán.
Cunetas está composto por catro poemas contra a violencia fascista durante a Guerra Civil. Polo contido temático, inclúense sete poesías máis (1951 e 1981), segundo o ano de escrita ou de publicación nos casos nos que non se dispón doutra data. Finalmente, aparece o célebre «Cunetas», un poema en lingua galega, apócrifo falsamente atribuído a Pimentel, como apunta Rodríguez Fer. Mais non é esta a única composición en galego presente no poemario, xa que na segunda parte se reproduce «Forastero» coa tradución galega de «o poeta e amigo Carballo Calero», dedicatario do texto.
Cunetas publícase nun momento crítico a nivel global, como apunta Xurxo Martínez. En Cunetas, os versos sinalan os tempos de violencia extrema que presenciou Pimentel para a súa sorpresa, tal e como di cando escribe: «Yo creí que en este pueblo pequeño / no había asesinos». Case 80 anos despois, aínda se poden entender as súas palabras a Ricardo Carballo Calero: «Ti sabes que todos os días / hai un home morto / que ninguén coñece aínda, / en cuia (sic) ollada derradeira / ficou / unha praza baleira / decoñecida pra il (sic)».
Vigo, taboleiro de xogos
Amable e equilibrada visión
María Navarro
En Vigo pequeno Oliva amosa a cidade máis grande de Galicia, deténdose naqueles lugares significativos da urbe. No seu percorrido referencia a ponte de Rande, o Teatro García Barbón, o Sereo da Porta do Sol, as ostreiras da Pedra, a Praza de América ou o Halo entre outros tantos espazos atractivos que lle outorgan a Vigo o carácter industrial, canalla e monumental. Trátase dunha invitación a contemplar a cidade custodiada polas Illas Cíes, a perderse polo Casco Vello, a subir ao Castro ou a contemplar o atardecer dende Samil onde o ceo se tinxe de tons imposibles.
A forma de dirixirse á cativada cun ton desenfadado, cercano, divertido e fresco semella unha boa estratexia de comunicación. Vigo deixa de ser un mapa de datos e lugares e convértese nun taboleiro de xogos no que a historia dos lugares se transforma nun relato impresionante, no que se fomenta autonomía e a observación, no que se crea unha conexión emocional co entorno con posibilidade de trasladala ao lugar físico que permitirá que a rapazada mire a cidade de verdade.
Ramón R.Veiga e Rubén González, isto é, escritor e ilustrador aúnan as súas creacións para ofrecer un volume no que non falta a anécdota, o dato simpático e o trazo de apariencia pulcra e moderna con liñas definidas e precisas que pretende comunicar a mensaxe de forma directa, amable e visualmente equilibrada moi acaído ao texto.
Contra a autoridade familiar
Interesante debut
Fabio Rivas
«Durante moitos anos entendín que meu pai me levantase a man cando me portaba mal. Para min era a mellor forma de educarme, pois tamén Luci e eu nos pegabamos cando a outra se excedía e despois pediámonos perdón.» De pouco ou nada serve intentar eliminar as humidades das paredes rascando a capa de pintura afectada e botando outra man por riba. Ás veces cómpre subir ao tellado e renovar as tellas velloucas polas que se filtra a auga; outras, é preciso reabrir camiño ata a cerna do formigón, picar sen medo, retirar o material podre e enfrontarse ao que leva anos agochado. Sexa como for, para liberarse desa humidade que che acaba roendo os pulmóns é imprescindible atacar o problema de raíz e non conformarse con ocultar as súas pegadas baixo unha aparencia de pulcritude. O labor é incómodo, mesmo doloroso, porque obriga a levantar po, a desordenar a casa e mirar en fite aquilo que se pretendeu ignorar. Velaquí, dalgún xeito, unha metáfora que sintetiza unha novela que fala de familia, de querenza e mais das feridas que nacen na infancia.
Unha agradable descuberta este As humidades, a ópera prima de Alba Tomé, obra finalista do premio Illa Nova de Narrativa no 2025 —hai ben pouco falamos por aquí da novela gañadora, Perder o norte—, que premia autores e autoras de ata 35 anos. Outro novo acerto para a colección «Ronsel», que nos volve advertir sobre o futuro das nosas letras.
Suscríbete para seguir leyendo
- Los padres de la alumna con sumas erróneas en la nota de la PAU tras las revisiones denuncian «indefensión»: la corrección de la CiUG llega tras cerrar el primer llamamiento en varias comunidades
- El afloramiento de aguas profundas por el viento de nordés «congela» a los bañistas de las playas de la ría de Vigo
- Adiós a los conciertos de verano en los chiringuitos de Vigo
- Así será la revolución que vivirá el frente litoral de Vigo en Teis: alquileres «tasados» durante 75 años, calidad arquitectónica, vida comercial, grandes dotaciones públicas y un bosque
- La concesionaria del Cunqueiro cierra por primera vez el año con números rojos
- Portugal da luz verde a la acuicultura del futuro con su primera macrogranja de peces en alta mar
- Víctor Fernández, afectado por la prohibición del Concello de Vigo: «Sin conciertos en mis chiringuitos tendré que despedir a gente»
- Muere un hombre mientras se bañaba en una playa de A Illa