Letras de quiosco
Novelas baratas e traumas sociais

Fotograma de «O falcón maltés» (John Huston, 1941).
Cando nas épocas de crise social, como foron a Gran Depresión americana ou a posguerra española, o lecer individual foi satisfeito pola publicación de novelas baratas. Se colectivamente estaban os deportes, a radio, o baile ou inocentes xogos de cartas, a radio aínda non se fixera autónoma. A lectura era a única evasión posible.
Nos Estados Unidos estas noveliñas constituíron xéneros como o pulp (polo papel barato no que se publicaban) con subxéneros diversos como o hardboiled, de detectives rudos e sexo e moita violencia. Cabe salientar entre os seus autores a Horace McCoy, Dashiell Hammett, Raymond Chandler ou Erle Stanley Gardner, autores convertidos en clásicos co tempo e nas antípodas da finura británica de Agatha Christie ou Arthur Conan Doyle.
As miserias da posguerra española foron máis doadas de dixerir coa aparición de noveliñas de evasión que nunca pretenderon sentar cátedra nin seren materia de estudo nas universidades. E tal evasión era común a homes e a mulleres, con independencia da súa condición de alfabetizados. Eles preferían acción e elas, sentimentos. Para os homes, noveliñas do oeste e de xénero criminal (coas limitacións que impoñía aquel primeiro franquismo); para as mulleres, amores felices e asemade imposibles.
Sen dúbida, no xénero deste neo western español cabe salientar a Marcial Lafuente Estefanía. Enxeñeiro de formación, viaxou aos Estados Unidos entre 1928 e 1931. Oficial no exército republicano (estivo afiliado á CNT), tras renderse foi encarcerado. Con recursos limitados e sen futuro profesional, comezou a escribir relatos ambientados no Oeste americano grazas aos coñecementos que tiña do país. Seguiu o consello que Enrique Jardiel Poncela lle dera durante a guerra: «Se queres gañar cartos, escribe para que a xente se divirta».
Desde os seus inicios na viguesa Ediciones Cíes, empregou pseudónimos como Tony Spring ou Arizona. Novelas de non máis de cen páxinas, impresas en papel barato e a un prezo de cinco pesetas. Alén das novelas do Oeste, aventurouse co xénero romántico empregando o nome da súa muller. Bo coñecedor da literatura do Século de Ouro español, colleu os seus esquemas e substituíu as espadas por revólveres Colt do 45, con diálogos curtos e intensos.
Tamén no xénero do Oeste cabe salientar a Silver Kane, outro autor obrigado ou comprometido a entregar unha novela por semana. Baixo este alcume agochábase Francisco Fernández Ledesma, con cincocentas noveliñas publicadas recoñecidas (por el, poderían ser máis). Era, como di o escritor A. G. Porta, un deses escritores que confeccionaban as súas novelas cun mapa e unha guía telefónica. Escritor precoz, ben axiña enviou orixinais á Editorial Molina, na súa Barcelona natal. Avogado en exercicio e xornalista por vocación, chegou a ser redactor xefe de La Vanguardia. Coñecedor das rúas da súa cidade, emerxeu co seu nome cando publicou Expediente Barcelona, coa que inauguraba a traxectoria do seu insólito inspector Ricardo Méndez, novela á que seguiu Crónica sentimental en rojo, que obtivo o premio Planeta de 1984.
No xénero romántico, brillou con luz propia a asturiana Corín Tellado. Autora prolífica coma ninguén, está documentado (Unesco, 1962) como o/a autor/a en español máis lido/a despois de Miguel de Cervantes. Da súa man saíron unhas cinco mil novelas. As máis delas románticas se ben, xa en tempos de liberdade, tamén as houbo eróticas aínda que tivese que empregar un pseudónimo e facer ver que eran tradución do inglés. Para Guillermo Cabrera Infante, Corín Tellado era unha «inocente pornógrafa» pola súa habelencia para describir a paixón sen sexo.
Con pistolas, gabardina ou beixos imposibles, os nosos pais e as nosas nais (ou nós mesmos), gozamos da lectura con estas noveliñas, ás veces agochadas por vergonza.
Un selo vigués
Malia as limitacións editoriais que Galicia tiña xa antes da Guerra Cvil, acabada esta, en Vigo fundouse unha editorial que contribuíu á extensión desas noveliñas coñecidas como de «a peso». Os Barrientos rexentaban unha libraría no número 13 da rúa Elduayen, chamada «Tetilla» polo alcume familiar. A principal tarefa era imprimir tarxetas postais. En 1943 Marcial Lafuente Estefanía propúxolles que imprimisen a súa primeira novela, La mascota de la pradera. Os Barrientos inauguraron con ela Ediciones Cíes e a colección Rodeo. A distribución fíxose en quioscos de prensa e o éxito foi inmediato. O lector entregaba a novela lida e podía adquirir outra a prezo rebaixado.
Á colección engadiuse Fidel Prado, xornalista, escritor e letrista de cuplés. Rodeo publicou oitocentos títulos ata 1951, cando quebrou. Os máis dos seus autores pasaron á nómina de Bruguera. Eugenio Barrientos inaugurou en 1949 a colección Princesita, de novela romántica, na que comezou a publicar Corín Tellado. De xénero policial, encetaron a colección Biblioteca X, na que Tellado e Lafuente publicaron con pseudónimo. Pechada a editorial viguesa en 1958, os dereitos pasaron a Bruguera. Desaparecida esta en 2002, os herdeiros fundaron unha nova editorial, homónima, en Alacante.
Suscríbete para seguir leyendo
- Los padres de la alumna con sumas erróneas en la nota de la PAU tras las revisiones denuncian «indefensión»: la corrección de la CiUG llega tras cerrar el primer llamamiento en varias comunidades
- Luto en Lalín por la muerte del expresidente del Motoclub Kilómetro 0, Juan Carlos Blanco
- Así será la revolución que vivirá el frente litoral de Vigo en Teis: alquileres «tasados» durante 75 años, calidad arquitectónica, vida comercial, grandes dotaciones públicas y un bosque
- El doble crimen de la calle Oporto de Vigo cumple 20 años con el asesino en semilibertad
- Valença estudia trasladar la estación del AVE Vigo-Oporto a las afueras de la villa fronteriza
- Condenan a un vecino de Vigo a abandonar la vivienda por las continuas molestias al resto de la comunidad
- Víctor Fernández, afectado por la prohibición del Concello de Vigo: «Sin conciertos en mis chiringuitos tendré que despedir a gente»
- Muere un hombre mientras se bañaba en una playa de A Illa
