Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Furada, alén da especulación

Con poesía e post-punk

Adrián Riveiro Rodríguez e Pablo Gómez Portas: o dúo Furada.

Adrián Riveiro Rodríguez e Pablo Gómez Portas: o dúo Furada. / Alba Casas

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

Canto alimenta o espírito escoitarmos discos que se manifestan decididamente en contra das liñas comerciais que marcan o camiño ao que se entende como éxito! En tempos de tanta especulación e tanto descarrilamento artístico, trátase de entregas nos que a música e mais o discurso semellan quedaren decote no fondo do armario. Mais de cando en vez prodúcense, con todo, fantásticas sorpresas e aparecen proxectos que disparan balas, necesarias e certeiras, para arrepoñerse a tanto aparente e imperante desleixo coa calidade.

Así acaba de estrear o seu disco de debut un dúo chegado de Crecente e co nome de Furada. Eles son Adrián Riveiro Rodríguez (guitarra, teclados) e Pablo Gómez Portas (voz), e contan que nacen como proxecto no contexto da exposición «Mariñeira» de Begoña Arce no Café Uf! en Vigo. Alí cadraron, xuntáronse e falaron de literatura, de poesía, de Blake, de Nietzsche, de Rimbaud, de Pizarnik e de tantos mundos comúns. E igual é precisamente aí, onde as coordenadas se fan tan referenciais, cando un proxecto pode nacer tan auténtico e interesante dende o minuto un.

Furada son rara avis cunha mestura de poesía, carga filosófica e moito post-punk de cheiro a electrónica e certo, e gozoso, aroma pop. Soan convencidos e tremendamente contemporáneos nunha especie de revolta poética de chupas escuras e imperdibles pendurados. Viscerais e directos pero nunca obvios nin cómodos, cunha sorte de encomenda relixiosa ao ímpentu do momento primixenio de crearen as cancións para non traizoar nunca a idea primaria do que se quere e necesita transmitir.

Apuntan que o nome do proxecto é unha declaración de intencións. «O nome comeza coma Pedrafurada, un xacemento de pinturas rupestres no Brasil que desafia a idea da xenealoxía da chegada ao hemisferio americano. Pretendía ter un significado de continuidade cun sentido primitivista das emocións humanas. Logo derivaría cara Furada para encaixalo nunha escena máis disrruptiva pola que estabamos transitando».

Así pois é como nos entregan as súas primeiras dez cancións: coma un credo recitado entre punkismo, Pereiros, Xelas, Joy Division e tantas cousas contadas e cantadas que nos poñen na tesitura obrigada de sentarnos a escoitalos con calma e atención. Non son, Furada, un grupo para audicións preguiceiras ao menos que queiras perderte moito do que aportan pero tampouco son para nada un deses grupos de cancións inaccesibles como podemos constatar en títulos como «Edra», «Aliñados» ou a nosa preferida «Brillo das cortinas», que se mostran como fantásticas bolas de demolición á fronte dun disco que se posiciona indiscutiblemente como unha das grandes alfaias do post punk no noso país.

Furada (Ferror Records, 2026) sairá editado en vinilo en setembro de 2026 e na súa capa podemos ver a loita das mulleres e veciños de Redondela, nas cargas policiais durante o peche de Telanosa, imaxe captada por Delmi Álvarez no ano 1986, dándolle o empaque perfecto a un proxecto que xa podes e debes buscar e escoitar en todas as plaformas de música na internet.

Neil Young: Unplugged

Trinta e tres anos, a idade de Cristo, pasaron desde aquel 1993 no que Neil Young publicou o seu sobresaínte disco Unplugged, rexistrado para a MTV. Contan que foi ao segundo intento cando o canadense deu por aprobado o resultado dun concerto que na súa primeira posta en directo acabou, din, cun monumental cabreo, e incluso espantada do estudio de gravación.

Con cazadora de coiro, lentes de sol, retorcido sobre a súa guitarra acústica, sen afeitar, desaliñado e con cara de poucos amigos, o caso é que nesa segunda tentativa atopamos de vez a un Neil Young sobresaínte, certeiro, carismático, intenso, íntimo, afiado e altamente luminoso.

Hai quen aínda a día de hoxe critica o resultado, sabendo dos antecedentes acústicos dun músico que xa tiña acadado o olimpo absoluto do xénero «unplugged», sendo un dos seus máis avantaxados inventores. Mais neste do 93 pasean moitas cancións honestas, espidas e emocionantes nunha interpretación na que a besta, por moi fera que sexa, parece deixarse domar aínda sen perder nin un ápice da súa hipnótica enerxía vital, espiritual e musical.

Editado no seu día nun vinilo doble e ofrecendo versións acústicas e tan palpitantes de clásicos inesquecibles como «Like a Hurricane», «The Needle and the Damage Done» ou a fantásticamente interpretada, solo de harmónica incluído, «Mr Soul». Con toda a forza e crueza marca da casa, podemos concluír a esta altura do negocio que o disco, reeditado neste 2026, xa pode ser considerado como unha das grandes alfaias da discografía acústica universal.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents