«Eu tamén navegar»
Cuestionando a razón patriarcal

Eli Regueira
Os versos de Xohana Torres «Eu tamén navegar» ecoan no título e na totalidade do proxecto O mar tamén é noso que se pode contemplar na Casa das Artes de Vigo até o mes de agosto.
«Existe a maxia e pode ser de todos / eu tamén navegar» dicía a escritora galega no seu extraordinario poema «Penélope» onde ligaba o sentido de liberdade feminina a unha actitude activa que superase a submisión que representaba a perpetua «agarda» da razón patriarcal. Pois ben; este tema constitúe a cerna do proxecto da artista Alicia Framis (Barcelona, 1967), que conta co traballo curatorial de Paula Cabaleiro, onde por medio de fotografías do Arquivo Pacheco -nucleo fundamental da fotografía histórica de Vigo- analiza e pescuda desde unha ollada feminista o concepto de «espera».
A base visual está na utilización moi reflexiva do arquivo, e no emprego ben delicado da IA, activando momentos de presenza feminina anónima, enfatizando os espazos reais históricos de sociabilidade en que as mulleres aparecen en plena conexión co pasado local, que é ao mesmo tempo universal, e que sutilmente nos son presentadas como plenamente situadas na nosa contemporaneidade.
A reflexión da artista está centrada no sentido das accións máis cotiás, que ao estaren conxeladas e despois activadas, permiten un achegamento á realidade actual, que se concreta coa ollada de mulleres do noso presente e a escrita e a acción performativa de tres poetas galegas: Chus Pato, Yolanda Castaño e Silvia Penas e unha envolvente banda sonora, cantada coa boca pecha polo Coro Feminino Concepción Arenal da Fundación Coral Casablanca.

Unha das pezas presentes na mostra. / Eli Regueira
O discurso artístico de Alicia Framis xorde da relación entre a análise, experiencia vital e creativa e a condición feminina e incorpora á súa obra accións performativas, que cuestionan a convención social e o relato sobre as mulleres. As imaxes aluden constantemente a unha muller cuxa acción procura o condicionamento da ollada do outro, que non se entende como resignada na súa «agarda». Estamos perante un tipo de traballo que parte de procesos analíticos e autorreflexivos, que entenden a actividade creativa vinculada a unha intensa dualidade, marcada pola tensión entre a experiencia vital e o seu contacto co contexto sociocultural, aspectos que inciden na escisión persoal como fonte de creatividade.
A ollada sobre un tempo que non é tan distante do noso seméllanos, cando contemplamos a exposición, dunha riqueza de suxestións moi considerábel. Vemos unha sociedade nunha evolución intensísima e unhas mulleres que tentan quebrar muros e crear espazos de liberdade, un proceso dunha forte intensidade que os documentos fotográficos transmiten por medio dunhas obras de enorme riqueza de matices.
Análise e creación
A exposición lémbranos que a utilización das artes plásticas como linguaxe ao servizo da intervención social conta cunha longa tradición na Historia da Arte. Na obra de Alicia Framis os procesos de análise e creación ligados ao feminismo e á desmontaxe das estruturas patriarcais desenvólvense desde esta tradición, cunha vontade de transformar o relato, xogando a sororidade un papel central nesta conquista da liberdade para corpos e mentes. A escolla e manipulación das imaxes presenta unha pautada retórica da representación, o que transmite unha intensidade especial ás fotografías e deixa espazo para a sorpresa que as imaxes proxectan.
Este mundo proxectado, que evidencia o control (e tamén o cuestionamento do mesmo), coas súas fracturas ideolóxicas, é ben perceptíbel no título, ese mar, tamén patrimonio feminino, que pon de manifesto as estratexias de opresión.
En resumo, un proxecto interesantísimo que permite tamén percibir como é posíbel afrontar temas que tradicionalmente tiveron un forte calado social e que nestes tempos de anestesia social teñen unha percepción e un tratamento distinto ás concepcións tradicionais da arte social, mais que seguen a ser obxecto de análise e interpretación desde a creación artística.
- Los padres de la alumna con sumas erróneas en la nota de la PAU tras las revisiones denuncian «indefensión»: la corrección de la CiUG llega tras cerrar el primer llamamiento en varias comunidades
- Luto en Lalín por la muerte del expresidente del Motoclub Kilómetro 0, Juan Carlos Blanco
- Así será la revolución que vivirá el frente litoral de Vigo en Teis: alquileres «tasados» durante 75 años, calidad arquitectónica, vida comercial, grandes dotaciones públicas y un bosque
- El doble crimen de la calle Oporto de Vigo cumple 20 años con el asesino en semilibertad
- Valença estudia trasladar la estación del AVE Vigo-Oporto a las afueras de la villa fronteriza
- Condenan a un vecino de Vigo a abandonar la vivienda por las continuas molestias al resto de la comunidad
- Víctor Fernández, afectado por la prohibición del Concello de Vigo: «Sin conciertos en mis chiringuitos tendré que despedir a gente»
- Muere un hombre mientras se bañaba en una playa de A Illa