Escritores do Rexurdimento e Vigo
150 anos de Vesteiro Torres e Xoán Manuel Pintos

Xoán Manuel Pintos e Teodosio Vesteiro Torres.
FARO DE VIGO anunciaba, á volta do verán de 1875, a publicación dun suplemento cultural «Semanario del Faro». O propósito era «excluír la política para hacer más amena la colección». Saía todos os sábados, día de lecer para uns poucos e xornada laboral para case todos. De entre as sinaturas inaugurais, aparece o mozo vigués, nado na parte baixa da rúa Abelaira Menéndez e de aspecto lánguido e ollos decadentes, que responde por Teodosio Vesteiro Torres. Residente daquela na rúa Caballero de Gracia (Madrid), impulsou con alento patrio a sociedade Galicia Literaria. Un capítulo máis da tradición, escomenzada por Sarmiento no XVIII, de xuntar galegos na capital española para falar arredor de nós.
O club asociou xente coma Francisco Añón, Curros Enríquez ou Emilia Calé (curmá de Vesteiro). As reunións semanais acabarán por adiarse deica ir a ralentí, a funcionar case por lenta inercia como paso previo á defunción. Isto afectou de maneira severa o ánimo de Vesteiro quen, dende a morte da nai, sondaba a miúdo os baixos fondos da alma. O día do seu aniversario, «tras solitariamente rumiar la muerte en un banco del Paseo del Prado» (en préstamo de Gamallo Fierros), apañou o revólver, púxoo na tempa e disparou.
A súa morte abriu un debate público por culpa da negativa de Pedro A. Alarcón a colaborar na coroa poética. O motivo moral (só Deus quita a vida) propiciou unha reacción airada: covarde, ridículo, desertor, mísero... FARO DE VIGO sae en defensa do defunto, sen xustificar o acto, pero comprendendo a tortura de quen se sente expulso da vida.
O legado literario de Vesteiro é abundante. No Seminario de Tui, dinme, consérvanse manuscritos inéditos, partituras de zarzuelas e pezas para piano, poesías e prosas á espera da súa rehabilitación. Cómpre esta restauración pública da súa obra. En todo caso, deixounos volumes de interese local (Monografías de Vigo) e nacional (Galería de gallegos ilustres). Pero destacaría desta caudalosa herdanza un par de motivos: ser o primeiro en difundir as cantigas de Martín Codax (en artigo dedicado ao pedagogo vigués Joaquín Avendaño, pai do famoso pintor que exixe unha nova e ambiciosa exposición en Vigo) e ter impulsado Galicia Literaria.
O hinterland atlántico deulle perpetuidade no rueiro. Un parque, preto da metamorfoseada igrexa de San Martiño de Coia (coa antiga espadana ciscada coma un cactus no deserto), leva o seu nome malia que os camiñantes non se decaten nin saiban quen é.

Praza do poeta Teodosio Vesteiro Torres no barrio vigués de Coia. / Eli Regueira
A potencialidade da súa obra defínese por galega. Quen o coñeceron contaban que a distancia con Galiza avivara o compromiso e animara os estudos na historia, identidade e cultura. En definitiva, un Adrián Solovio (trasunto de Otero Pedrayo) avant la lettre. Á súa morte Xoán Manuel Pintos, cabezaleiro do Rexurdimento pleno, escríbelle un inacabado poema fúnebre. A parca volvía segarnos a vida dun veciño, porque Pintos era o rexistrador da propiedade en Vigo, cidade onde morre no mesmo mes e no mesmo ano ca Vesteiro; é dicir, xuño de 1876.
Ambos escritores participaban nesa tezume de versos, prosas, música e conversa arredor do Rexurdimento. A creación tribútana no saber e no difundir da identidade, na chamada á conciencia popular e na acusación de apostasía a quen optan por ser quen realmente non son. A redacción de FARO DE VIGO laiábase da morte do «cantor patrio, tan patrio que su musa favorita estaba poseída en el dialecto del país».
Da importancia literaria e lingüística de Pintos tense escrito abondo. Dígase que, como Vesteiro con Martín Codax, el tamén fixo por rescatar e enxalzar un coloso de mente ilustrada: Martín Sarmiento. As súas Coplas (escritas en galego contra 1745) foron editadas por vez primeira ao coidado de Pintos.
Narcisa Pérez Reoyo
Desta vez quixera subliñar un aspecto, decote esquecido, que comparten Pintos e Vesteiro. Refírome ás contribucións á música galega. Vén de publicarse Do baile da gaita á muiñeira (Galaxia, 2026), do amigo Julio Alonso. Este ensaio, de letra divulgativa e condensación documental, sitúa o traxe, o baile e o instrumento no centro de estudo. A conclusión é como estes elementos conforman pezas necesarias para completar o imaxinario nacional colectivo. Esa idea de Galiza que aínda predomina en nós é resultado dun proceso construtivo, dunha armazón discursiva, dunha tarefa contra vento e maré capaz de instalar na conciencia e no corazón do pobo galego os trazos que nos caracterizan como comunidade nacional.

Narcisa Pérez Reoyo. / .
Se Vesteiro asoma entre os inauguradores do suplemento cultural, débese dicir que Pintos asoma nun FARO DE VIGO acabado de nacer. Nun solto de 1912 lemos que, grazas á Angel de Lema, o autor d'A gaita gallega aparece entre «los primeros que con sus escritos y su firma valiosísima nutrieron sus columnas».
No mesmo mes, no mesmo ano, tamén falecía Narcisa Pérez Reoyo. Unha poeta precoz, con libro publicado aos 16 anos e prólogo de Murguía. Morreu moi noviña pero deixou un libro de extensión extraordinaria: Horas perdidas (1873), por riba das 800 páxinas! Unha lírica de marcado ton relixioso, místico, oracional.
Suscríbete para seguir leyendo
- Los padres de la alumna con sumas erróneas en la nota de la PAU tras las revisiones denuncian «indefensión»: la corrección de la CiUG llega tras cerrar el primer llamamiento en varias comunidades
- El afloramiento de aguas profundas por el viento de nordés «congela» a los bañistas de las playas de la ría de Vigo
- Adiós a los conciertos de verano en los chiringuitos de Vigo
- Así será la revolución que vivirá el frente litoral de Vigo en Teis: alquileres «tasados» durante 75 años, calidad arquitectónica, vida comercial, grandes dotaciones públicas y un bosque
- La concesionaria del Cunqueiro cierra por primera vez el año con números rojos
- Portugal da luz verde a la acuicultura del futuro con su primera macrogranja de peces en alta mar
- Víctor Fernández, afectado por la prohibición del Concello de Vigo: «Sin conciertos en mis chiringuitos tendré que despedir a gente»
- Muere un hombre mientras se bañaba en una playa de A Illa