Os «outros» nas Artes
Animais humanos /Animais «non humanos»

Bisontes prehistóricos nas Covas de Altamira. / Esteban Cobo
Esquecer non sempre é síntoma de irrelevancia, pode devir unha estratexia para non confrontar con algo que ameaza a percepción de control. É posíbel que por iso non lembramos que somos animais, e pode parecer que este esquecer non ten ningunha importancia, mais con todo produce unha separación da natureza que non é nada saudábel. Nestes días, os británicos conmemoran o bicentenario da sociedade británica que fundou o zoolóxico de Londres; non teño moi claro se estes espazos merecen festexos xa que non entendo moi ben a súa supervivencia pero pode ser unha boa oportunidade para reflexionar sobre a nosa animalidade.
Aínda que bioloxicamente somos animais, culturalmente construímos unha identidade baseada na diferenza e isto é extensíbel a todos os que non son un dos nosos. Sucede que para unha parte dos seres humanos, os animais non poden supoñerse «uns outros» porque simplemente «non son», e será por iso, daquela, que chaman «tradicións» a rituais nos que someten a estes, que «non son», a horríbeis tormentos. Para outras persoas, o límite entre os humanos e os outros animais é difuso: tanto nun lado da intersección destes conxuntos categoriais como no outro, para estes non existen outros «máis outros» que «os animais non humanos.»
Tal vez todo sexa pola necesidade de construír seguridade. Recoñecernos como animais significa observar a nosa vulnerabilidade, a do corpo coas súas enfermidades e esa tendencia irremediábel que ten a carne para morrer e descompoñerse, e tamén polos límites da nosa racionalidade cartesiana que, por moito que quera impulsarse por riba desa natureza animal, sempre vai dar coa imaxe da contundente fraxilidade da vida. René Descartes chegou a describir os animais como autómatas, comezando así un percorrido centrado en construír a singularidade humana, consolidando unha fronteira infranqueábel entre humanos e animais, resaltando así unha carencia moi nosa, porque a identidade humana se constrúe en relación ao «non humano», tanto o animal como co resto dos ecosistemas.
Sen dúbida é na arte onde unha fronteira como esta, en permenente conflito, se converte nun espazo de interese. Dende a antigüidade até a actualidade están presentes de xeito constante as exploracións da relación entre os seres humanos e outras especies. A presenza de animais na arte evoluciona dende a supervivencia á evocación emocional. Así, nas pinturas rupestres son protagonistas bisontes, cabalos e cervos aos que hoxe atribuímos funcións ritualistas vinculadas á seguridade e a fertilidade e intuíndo a presenza dunha percepción de totalidade co ecosistema.
Na Antigüidade, os animais adquiren connotacións relixiosas e politicas, sendo con frecuencia mediadores entre o humano e o sagrado e na Idade Media, nos bestiarios, o simbolismo adquire sentido moral e os animais representan propiedades humanas, é o caso dos cordeiros, os lobos, os cans ou os unicornios, entre moitos outros.
A arte non nos arrastra fóra da natureza; pola contra, lémbranos a nosa condición como consciencia simbólica e esta natureza é unha forma particular de habitala. Somos animais que pintamos cadros, escribimos poesías, que nos preocupamos polos sentidos da vida e pola morte e tamén somos animais que coidamos doutras especies.
A famosa experiencia de Jacques Derrida fronte á outridade radical, mentres observa espido o seu gato, desafía a superioridade racional do home cartesiano, poñendo de relevo a súa vulnerabilidade e a alteridade insondábel encarnada nese animal co que non é posíbel a comunicación cunha linguaxe humana. Constrúe así unha ética para observar e para facernos responsábeis dos seres que non comparten a nosa linguaxe, recoñecendo a súa existencia e o seu sufrimento.
Pode que o problema de por que esquecemos que somos animais, podemos transcendelo preguntándonos que clase de animais queremos ser. Unha interrogante que interpele a nosa dimensión biolóxica, ética e artística, e por todo iso é profundamente humana.
Suscríbete para seguir leyendo
- Los padres de la alumna con sumas erróneas en la nota de la PAU tras las revisiones denuncian «indefensión»: la corrección de la CiUG llega tras cerrar el primer llamamiento en varias comunidades
- Luto en Lalín por la muerte del expresidente del Motoclub Kilómetro 0, Juan Carlos Blanco
- Así será la revolución que vivirá el frente litoral de Vigo en Teis: alquileres «tasados» durante 75 años, calidad arquitectónica, vida comercial, grandes dotaciones públicas y un bosque
- El doble crimen de la calle Oporto de Vigo cumple 20 años con el asesino en semilibertad
- Valença estudia trasladar la estación del AVE Vigo-Oporto a las afueras de la villa fronteriza
- Condenan a un vecino de Vigo a abandonar la vivienda por las continuas molestias al resto de la comunidad
- Víctor Fernández, afectado por la prohibición del Concello de Vigo: «Sin conciertos en mis chiringuitos tendré que despedir a gente»
- Muere un hombre mientras se bañaba en una playa de A Illa