Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Mortos de fame

As letras da derrota

Representación de «Luces de bohemia» polo Centro Dramático Nacional.

Representación de «Luces de bohemia» polo Centro Dramático Nacional.

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Armando Requeixo

Armando Requeixo

Nada máis triste para un ser que agasallou á humanidade coa beleza da palabra e a xenialidade da escrita que rematar os seus días na miseria máis absoluta logo de ternos ofrecido toda a riqueza insondable da súa arte.

Talvez un dos casos máis rechamantes deste infortunio foi o de Edgar Allan Poe (1809-1849). Pasou toda a existencia ao bordo da insolvencia, agoniando pola falta de cartos, pois as revistas nas que colaboraba pagábanlle pouco, os dereitos das súas obras eran exiguos e tampouco axudaba á súa economía a avolta vida que levaba. O resultado foi que un día de comezos de 1849 apareceu tirado nunha rúa de Baltimore nun estado lamentable, totalmente desorientado, sucio e vestido con roupas baratas que, por riba, non eran súas. No seu delirio, ingresou no Hospital Washington College, onde pasou catro días debaténdose entre a derrota e a inconsciencia e repetindo obsesivamente o nome de Reynolds ata que faleceu. Segundo algúns, antes de morrer pronunciou a célebre sentenza «Que Deus se apiade da miña pobre ánima!».

O certo é que aínda hoxe non sabemos ben que lle puido pasar, aínda que as teorías máis solventes apuntan a que puido ser obxecto dunha fraude electoral ou cooping, pois nesa época as bandas políticas secuestraban transeúntes, drogábanos, mudábanlles a roupa e obrigábanos a votar múltiples veces en diferentes centros, e parece que o lugar no que atoparon a Poe funcionaba temporalmente como centro de votación e o tal Reynolds se callar podía ser un axente electoral da zona.

Terrible foi tamén a morte do poeta Gérard de Nerval (1808‑1855). Durante anos padeceu crisis de esquizofrenia, depresións e arrautos psicóticos crónicos, o que fixo que pasase os días entrando e saíndo de psiquiátricos e que lle fose imposible ter ingresos estables. Para acabar de complicalo todo, o seu grande amor platónico, a actriz Jenny Colon, faleceu sumíndoo nunha espiral de delirios místico-relixiosos e nunha melancolía sen fin que o facía vagar sen rumbo polas frías rúas de París baixo a invernía. Ao final, apareceu colgado duns barrotes nunha escura calella. Seica uns días antes lle deixara unha premonitoria nota á súa tía na que escribiu: «Non me esperes esta tarde, porque a noite será negra e branca».

Non mellor pasar tivo o igualmente poeta Charles Baudelaire (1821-1867), que viviu arruinado porque As flores do mal sufriu condena xudicial e estivo retido por «ofensa á moral pública». Amais, o escritor contraeu de novo a sífilis polo seu estilo bohemio de vida, o que fixo que acabase tendo un derrame cerebral, parálise e afasia e que exhalase o seu derradeiro suspiro nun estado de extrema pobreza e decadencia física, esquecido nunha clínica de repouso da Rúa de Dôme en París, na compaña unicamente de súa nai. Hoxe os seus restos descansan no Cemiterio de Montparnasse, xunto aos da súa proxenitora e, tamén, aos do seu padrasto, a quen odiou profundamente.

Tan intensa, fulgurante e admirable coma tráxica foi a vida e a morte de Oscar Wilde (1854‑1900). Acusado por «indecencia grave» e «cometer actos inmorais con diversos rapaces», ingresou no cárcere de Reading por mor da súa homosexualidade, onde permaneceu durante dous anos con traballos forzados que quebrantaron definitivamente a súa saúde. Ao saír do presidio perdera a fortuna, os dereitos de autor e a reputación, véndose obrigado a vivir en pensións baratas, acumulando débedas, ata que sufriu unha otite que derivou nunha meninxite mortal e rematou con el no ruinoso Hotel d’Alsace, onde vivía baixo o pseudónimo de Sebastian Melmoth. Fiel ao sublime sarcasmo que o caracterizou sempre, existe a lenda de que, pouco antes de morrer e vendo a decadencia na que moraba, afirmou: «O papel pintado do meu cuarto e eu estamos librando un duelo a morte. Un dos dous ten que irse».

Príncipe da bohemia

Poderían aducirse moitos outros exemplos de vidas tronzadas pola necesidade e a fame, mais terminarei cunha mostra que amosa por si soa os extremos da penuria que certos escritores tiveron que padecer e que xerou unha auténtica lenda literaria. Estou a me referir ao final de Alejandro Sawa (1862-1909), arquetipo da bohemia peninsular, «hiperbólico andaluz, poeta de odas e madrigais», como foi definido. Sawa, vítima da vida disoluta que levou, acabou por enfermar e perder a visión, ao tempo que padecía crises graves de loucura e delirios. Aos poucos, foi caendo na miseria máis absoluta, entalado polo frío e a fame, esquecido nunha triste bufarda da rúa madrileña do Conde Duque. O propio episodio do seu pasamento de tan extremo semella irreal: empeñárao todo, non lle quedaba nada. Tan precaria foi a súa derradeira hora que non tiña nin roupa e morreu cuberto unicamente por unha saba. Para máis (literal) inri, o escritor Ernesto Bark, amigo de Sawa, sementou a dúbida de se estaba realmente morto ou só sufrira un ataque de catalepsia. Finalmente, ao precintar o ataúde semella que un cravo se lle chantou na sen, o que provocou que agromase un fío de sangue que estiñou pronto.

Morto de fame, si, mais inmortal. El é o auténtico Max Estrella das Luces de Bohemia de Valle-Inclán, o protagonista de varias pasaxes de A árbore da ciencia de Pío Baroja e o escritor do que Manuel Machado deixou dito: «Xamais un home máis nacido/ para o pracer foi á dor/ máis dereito». A morte da vida, un oxímoro, para alcanzar a eternidade que non sabe de indixencias.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents