Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Libros destacados da semana

FdV

FdV / FdV

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

VV. AA.

Crime e espionaxe na ría de Vigo

Máis luces que sombras

Fabio Rivas

«É un privilexio vivir neste lugar, un auténtico paraíso. Gozar da paz que emana desta contorna natural, afastada de toda clase de turbulencias, non ten prezo. Créanme, sei do que falo.» Con O Pazo das Marismas, o xa veterano escritor Alberte Blanco (Cobres-Vilaboa, 1951) vén de ser finalista, por segunda vez, no Premio Xerais de Novela. A obra lévanos á ría de Vigo, nos tempos da Primeira Guerra Mundial, e combina o xénero policial coa novela de espías, todo orballado polo clima atlántico e as tensión dunha neutralidade española que, en Vigo, era máis ben un espazo de batalla encuberto entre as potencias imperiais.

É grazas a este clima atlántico que Blanco consegue recrear unha atmosfera opresiva arredor das marismas do Ulló. O pazo funciona coma o centro gravitacional onde converxen personaxes de mundos antagónicos: a burguesía viguesa, oficiais alemáns, axentes británicos e traballadores do campo en plena efervescencia sindical. A personaxe de Alicia Carballo, que exerce de motor narrativo para o relato, unha muller cunha personalidade forxada na Alemaña espartaquista e cosmopolita, representa a ruptura cos atavismos dunha Galicia rural e conservadora.

No plano estilístico, a novela é correcta e mantén, case sempre, un ritmo áxil, especialmente nas escenas de acción, coma a Operación Cíes, onde se captura, e ben capturado, a épica e a crueldade da guerra en augas neutrais. Así e todo, Blanco peca dun exceso de diálogos expositivos. En ocasións, os personaxes explican máis da conta, entre eles, detalles que o lectorado xa debería intuír sen tanta abundancia de literalidade. Como consecuencia, algúns dos capítulos vense freados cando, en realidade, cumpriría manter a cadencia dinámica habitual. Ben é certo que estes momentos de sobreexplicación non chegan a comprometer o conxunto da novela. De feito, responden en boa medida á vontade do autor de contextualizar un período histórico pouco frecuentado pola narrativa galega e de facer accesibles ao lectorado os complexos xogos diplomáticos, militares e ideolóxicos que se desenvolven arredor da Gran Guerra.

Malia caer ás veces nunha tendencia moi próxima ao didactismo, as virtudes deste O Pazo das Marismas superan as súas limitacións. O relato, entretido de seu, ha ser atractivo para quen teña interese nas novelas de espías e mais na intriga histórica.

Imagen

O Pazo das Marismas (2026)

Autor: Alberte Blanco Casal

Editorial:Xerais

Prezo: 20,42 euros

Memoria da realidade social

Íntima e emocional

Xosé Feixó

As tres beiras, publicada por Aira Editorial, da autoría de Marta Estévez (Vigo, 1972), é unha novela que entrelaza a memoria familiar coa complexa realidade social de Galicia a finais do século XX, conxugando no argumento dous planos temporais ben diferenciados: o presente, na pandemia do 2020, no que Ulises torna en barco á illa atlántica onde viviu a súa nenez, e o pasado, xa que este illamento actúa como catalizador para relembrar aqueles anos xunto aos seus avós, na década dos 80, época de contrastes ben notables.

A obra retrata con crueza a infancia da xeración nada nos anos 70 e os azoutes que transformaron a sociedade galega daquel entón, abordado temas devastadores como o auxe do narcotráfico, a crise da heroína, a irrupción da sida e a reconversión naval. Ademais, súmase tamén a dor do desarraigo a través de galegos que emigraron a Venezuela e tornaron a unha terra complexa, afrontando as dificultades e o trauma do retorno.

Os personaxes aparecen feridos pola distancia, sendo Ulises o fío condutor que fai abrollar a realidade dunha xeración de avós doída polas desgrazas sociais. Xorde así un universo de segredos familiares e traumas históricos na paisaxe e luz únicas das illas atlánticas: unha viaxe íntima e emocional a unha dura realidade histórica do pasado que marcou unha xeración, de lectura agradable de forma e estilo, e de dureza de contido e fondo sentimento.

Imagen

As tres beiras (2026)

Autora: Marta Estévez

Editorial:Aira

Prezo: 21,90 euros

Lección de autenticidade

Nostáxica e acolledora

María Navarro

Diego Bará e Bea Gregores ofrécenlle ao lectorado mozo biopoemas sobre dúas persoas cuxas vidas seguen presentes na memoria colectiva; a querenza pola lingua, pola cultura e pola identidade do pobo galego fan que Virxinia e Castelao se convirtan en referentes para xeracións futuras.

O formato poético-narrativo non pode ser máis acaído para recoller a traxectoria vital de quen procurou autenticidade e universalismo dende o punto de vista histórico e social, dirixindo a ollada á esencia humana, ás emocións, ao desarraigo e ao impacto universal das personaxes. A estradense e o rianxeiro formaron unha familia e tentaron facer país traspasando as fronteiras físicas e imaxinarias, escribiron e falaron alí onde os escoitaban, coidáronse mutuamente e demostraron que a súa loita acadou resultados positivos.

Nun disparo de beleza visual e lírica ilustradora e escritor achegan datos, animan a pensar, escollen feitos, invitan á reflexión e pousan a ollada na figura menos contemplada para outorgarlle a visibilidade que se merecía porque «Virxinia é todo un exemplo de bravura e dignidade» e é de xustiza recoñecer a súa valía. As ilustracións baseadas nas imaxes de liña clara onde os contornos das personaxes e os elementos arquitectónicos están delimitados por unha liña fina homoxénea e moi limpa, unido á utilización dunha gama cromática restrinxida, evocan unha atmosfera de época, nostálxica e acolledora, para contar a vida de Virxinia e Castelao.

Imagen

Virxinia e Castelao (2026)

Autor: Diego Bará (Ilustracións: Bea Gregores)

Editorial:Cumio

Prezo: 16,95 euros

Percorrido inquietante

O que Loeiro agacha

Pilar Ponte

Di Arantza Portabales que se trata da súa novela máis cruel e violenta. Non nos engana: abofé que Asasinato no muíño do cura non decepciona. A obra ten un comezo arrepiante cunha matanza no outono de 1984 a noite en que morre Berta Freijomil, unha nena de nove anos. A continuación lévanos a 2025 onda a protagonista, Alba Mariño, auxiliar nunha residencia de anciáns que se traslada dende Lugo a Loeiro na procura do seu pasado. Alí, no lugar en que xa se ambientara Asasinato na casa rosa, Alba agarda descubrir que hai tras desa cicatriz que lle cruza a cabeza.

Mais Loeiro non está exento de misterios e así avanzamos a lectura vivindo na tensión que se establece entre esta muller amnésica e e as tres netas do crego de Loeiro, tías de Berta Freijomil, que coñecendo o seu pasado, loitan por esquecelo. Un percorrido lector que se fai inquietante e duro nun retrato da violencia machista estrutural que moldeaba a realidade da época nunha localidade pequena.

Neste volume van seguir como condutores da trama a ex-inspectora Iria Santaclara, o seu antigo xefe, o inspector xubilado César Araújo e Sinda, «a Gestapo», mestra xubilada que sabe todo o que ocorre na localidade e que medra como personaxe e aínda nos namora máis nesta entrega da saga.

Imagen

Asasinato no muíño do cura (2026)

Autora: Arantza Portabales

Editorial:Galaxia

Prezo: 21,80 euros

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents