Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Contra toda norma

Indecencia, muller, pedra

AveLina Pérez.

AveLina Pérez. / Iñaki Osorio

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

A norma social adoita explicarse como un conxunto de comportamentos que un determinado grupo ou elite establece, de modo informal ou a modo de contrato formal, como fundamento e garantía da convivencia, polo que se espera e sanciona o seu cumprimento por parte de todas as persoas que constitúen o corpo social. Pero non sempre ocorre así, polo que as sociedades establecen pautas de control social para facer fronte a todas as conductas que non se axustan aos parámetros establecidos, ou os rexeitan. En consecuencia, toda acción humana se pode analizar en relación á norma, como ben explica Giorgio Agamben nunha nota titulada Il lecito, l’obbligatorio e il proibito, que data en novembro de 2022 e se pode ler no portal italiano Quodlibet.

O dito texto semella ser o punto de partida dunha nova peza de AveLina Pérez, Incidencia, muller, pedra, coa que gañou en 2024 o Premio Álvaro Cunqueiro, que edita Xerais. Así, no abrente podemos ler un fragmento no que Agamben comenta os espazos de liberdade que as sociedades, e os grupos que as controlan, deixan ás persoas, e o texto de AveLina explora ata que punto eses espazos existen ou non, e do que acontece cando as persoas configuran un mundo persoal que non segue as pautas dos que habita ou soña a maioría social, ou prescriben as elites.

Por iso nese abrente tamén se ofrece outro fragmento, tirado do ensaio Writing for the Theatre (1962), no que Harold Pinter presenta unha sorte de poética dos seus mundos, que iniciara en 1961 con Writing for myself (1961); unha ruptura radical coa visión dominante do realismo. Eses dous fragmentos axudan a explicar a peza que presentamos, quer na dimensión persoal, quer na social.

Esta recrea unha serie de encontros entre unha muller e un terapeuta dos servizos de saúde. Ela é enviada a terapia polo xulgado debido a un incidente nun supermercado, supostamente cualificado como escándalo público. Semella que despois de ter enchido a conciencia sete carros de compra cos produtos máis diversos, e pasar todo por caixa, decide finalmente non aboar o importe ao entender que non necesita tanta cousa. Unha forma de denuncia polo consumismo acelerado da sociedade actual? Ao mellor.

A peza constrúese a partir dos diálogos entre Ela e máis El, o terapeuta, e polo medio vanse inserindo outros textos, con monólogos, anotacións e notas de voz de cada un deles, nuns casos referidos ao proceso da terapia, e no caso da muller relativos por veces ao seu mundo persoal. Experiencias e vivencias diante das que resulta difícil decidir canto teñen de real e canto de ficción, ou se a irrealidade posible do que Ela verbaliza non é unha maneira de botar por terra calquera posibilidade de comunicación, relación, e, en último termo, de terapia e reinserción. Nesa dirección, os diferentes textos que van emerxendo na páxina serven para construír eses dous personaxes, moi desiguais na súa produción lingüística, nas súas pautas comunicativas, nos seus silencios, nas súas razóns vitais ou na súa visión dunha realidade interpersoal marcada por un mandato xudicial.

Como se declara no texto da contracapa, a peza busca poñer de relevo as dificultades para que as persoas cunha sensibilidade diferente, e con valores opostos aos sancionados pola norma social dominante, poidan desenvolver o seu proxecto de vida, sen verse sometidas ao escrutinio ou á censura dos máis. Hai por tanto un desexo de ridiculizar as posicións desde as que se exerce o poder e a violencia institucional contra os que se senten diferentes, que defenden un mundo alternativo, unha sorte de paraíso en paralelo, no que a vida é marabillosa, fascinante, plena, e desde o que se traslada unha notable superioridade moral, outra forma de poder e dominación. Nesa visión binaria, allea á escala de grises, o texto pode semellar un chisco dogmático. Lean e decidan.

Volver ao 68

Aínda que o maio do 68 acabou sendo o fito máis lembrado, aquel movemento polas liberdades iníciase anos antes en diferentes países, en Europa encirrado pola Internacional Situacionista e nos Estados Unidos por mor da guerra de Vietnam. Neste país abrollaron moitas iniciativas que promovían unha acción escénica efémera, con colectivos como o San Francisco Mime Troupe ou The Diggers, co teatro de guerrilla.

Por eses anos, na Arxentina, artistas vinculados ao Instituto Di Tella desenvolven accións de teatro espontáneo que Augusto Boal aproveita para formular o seu teatro invisible. A consigna era sacar o teatro dos teatros, realizando accións capaces de provocar pensamento e reflexión, ou cuestionar normas, principios e valores, mostrando outras alternativas, como nos propón o personaxe feminino nesta peza, realizando actos cotiás que poden resultar rechamantes e mesmo perturbadores, cuestionando sempre calquera forma de poder e dominación, afirmando a desobediencia civil nas liortas de todos os días. A subversión no nivel micro, lonxe das grandes narrativas e relatos. Guerra cultural.

Suscríbete para seguir leyendo

TEMAS

Tracking Pixel Contents