«O libro de Barro»
Deseño, modernidade e identidade

Exposición «O arquivo de Barro». / Fundación Didac
A Fundación Didac (Dardo Instituto do Deseño e das Artes Contemporáneas) de Santiago de Compostela vén de publicar o volume O libro de Barro, obra dedicada á traxectoria do deseñador Pepe Barro (Pontedeume, 1955). O título permite, por medio dun amplo repaso textual e gráfico, un completo achegamento á totalidade do traballo creativo dunha personalidade senlleira da cultura galega das últimas cinco décadas, documentando o seu traballo de deseñador mais tamén o aspecto máis íntimo de debuxante, presente nos seus cadernos.
Por medio dunha publicación de coidadísimo deseño podemos seguir 50 anos de estudo, análise e creación, unha traxectoria cunha notábel evolución marcada sempre pola vontade de ligar a modernidade á tradición da cultura galega e aos seus valores identitarios máis fondos.
Programaticamente, toda a obra de Pepe Barro está ligada ao diálogo coa sociedade e ao compromiso social e ten como cerna argumental Galicia. Debe ser entendida a súa traxectoria en continuidade -unha continuidade intensamente creativa- cunha tradición da modernidade que tivo fitos como o Laboratorio de Formas, creado nos anos sesenta Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane e ligado ao proxecto de Sargadelos, que pretendía dotar a nosa nación de institucións con capacidade para abrir novos traxectos interdisciplinares de investigación para a arte e o deseño. Un sentido que se complementaba coa recuperación da memoria, todo concibido para servir de elo entre a modernidade da época e a tradición e historia de Galicia no ámbito do creativo. É dicir, un diálogo entre unha tradición claramente nacional e unha vontade de universalidade, mais tamén un diálogo por riba dos límites temporais, co compromiso de transmitir ese coñecemento, proxectándoo e renovándoo.
En sintonía con estes referentes e partindo dos principios de identidade e modernidade, que forman unha parella dialéctica mais que de opostos, Pepe Barro foi elaborando os seus deseños de xeito enormemente suxestivo, e neles as formas simples sempre ocupan un papel relevante. Un aspecto que singulariza alguns dos seus traballos é precisamente a dialéctica fidelidade/alteración dos trazos nucleares da tradición galega, que fica habitualmente subxacente en toda a súa produción.
Alén diso, con moita frecuencia as súas creacións nacen como construcións plásticas previamente coñecidas, adoptando o espazo como elemento estrutural e de tensión, procurando un sentido sintético. Estamos, xa que logo, perante un tipo deseño que parte da idea da deconstrución da realidade e que consegue propiciar a reflexión sobre aspectos chave do sentido político, histórico e estético, fundamentalmente a relación entre pensamento e forma, co espazo como territorio de debate e de combate, o que daría lugar a algúns dos deseños máis representativos do país ao longo destas últimas décadas.
Este carácter referencial é ben evidente ao achegármonos aos abondosos deseños e cadernos reproducidos no libro, traballos que estimulan reflexións sobre o sentido profundo, sobre o valor plural, mesmo desde a perspectiva puramente lingüístico-conceptual, do deseño na sociedade contemporánea, na cal non hai practicamente ningunha parte da nosa realidade en que non estea presente.
Ademais, unha das principais cualidades de labor de Pepe Barro é a capacidade de abrirse ao pasado -fundamental o seu labor como historiador do noso deseño-, o que lle permite apreender unha morea de leis anónimas racionais, coherentes e austeras das formais tradicionais e primixenias, un deseño sen deseñadores, que, tendo como alicerces o rigor formal, obedecía a regras simples que estaban no seu ambiente inmediato e á experiencia secular, formando estruturas que son paradigma de excelencia.
A imaxe do país
Pensando no traballo de Pepe Barro, que sempre se situou na linguaxe do deseño gráfico internacional, venme a mente o pensamento de Le Corbusier que explicaba o interese de observar os edificios tradicionais para a nova arquitectura, proposta polos grandes mestres da arte moderna. Velaí as súas palabras, que poderíamos levar ao ámbito do deseño: «Non se trata de resucitarmos vellos folclores sen ningún valor na actualidade nin vellos oficios superados pola técnica moderna, senón de espertar a nosa mente, de facer brillar a lei da harmonía, de definir a regra da unidade, de avivar o enxeño alargando a imaxinación e descubrindo o futuro nun pasado marabilloso».
A cerna non é, como sabe moi ben Pepe Barro, imitar formalmente, é observar, analizar, procurar as solucións intelixentes, elementais que os que nos precederon deron aos problemas impostos polo ambiente: clima, materiais, tecnoloxía, economía e organización social.
En resumo, estamos perante un libro fulcral para entender a modernidade estética no noso país e por medio del podemos achegarnos a aspectos fundamentais do debate cultural e político da Galicia das últimas décadas desde a obra dunha figura central da nosa cultura.
Suscríbete para seguir leyendo
- Los padres de la alumna con sumas erróneas en la nota de la PAU tras las revisiones denuncian «indefensión»: la corrección de la CiUG llega tras cerrar el primer llamamiento en varias comunidades
- Luto en Lalín por la muerte del expresidente del Motoclub Kilómetro 0, Juan Carlos Blanco
- Así será la revolución que vivirá el frente litoral de Vigo en Teis: alquileres «tasados» durante 75 años, calidad arquitectónica, vida comercial, grandes dotaciones públicas y un bosque
- El doble crimen de la calle Oporto de Vigo cumple 20 años con el asesino en semilibertad
- Valença estudia trasladar la estación del AVE Vigo-Oporto a las afueras de la villa fronteriza
- Condenan a un vecino de Vigo a abandonar la vivienda por las continuas molestias al resto de la comunidad
- Víctor Fernández, afectado por la prohibición del Concello de Vigo: «Sin conciertos en mis chiringuitos tendré que despedir a gente»
- Muere un hombre mientras se bañaba en una playa de A Illa