Fast culture
As redes sociais remodelan a forma en que miramos, lemos e lembramos

Tres persoas acceden ás redes sociales nos seus móbiles.
Unha escena bastante habitual: a sala de espera dunha consulta médica. Luns, 09.35 da mañá. Todo permanece en silencio mentres os primeiros fíos do verán esbozan a luz dourada do centro de saúde. Escóitanse pasos afastados polos corredores, voces esquivas que chegan e desaparecen e o rumor discreto ao outro lado da porta. Os minutos van pasando ao ritmo irregular das quendas, mentres os pacientes desprazan pantallas coa mirada baixa no móbil: unha receita, un Van Gogh con música viral e, de seguido, outro vídeo de humor.
Así é a cultura rápida ou fast culture, un pequeno evento comprimido en 30 segundos de atención. Pero que tipo de contidos sobreviven nun ecosistema deseñado para non deter o scroll, ese movemento «infinito» da navegación vertical? En plena era dixital, a inmediatez e o impacto visual marcan o novo consumo cultural. Isto non é casualidade. Segundo o Estudo de Redes Sociais 2025 de IAB Spain, o 86% dos internautas en España usa estes medios; e, tendo en conta que os enquisados podían escoller varias finalidades, o 81% faino para entreterse, o 66% para interactuar e o 55% para informarse. Desta forma, o cinema, a literatura, a arte... danse agora nos espazos menos pensados da vida diaria.
09.39 da mañá. Mesmo alguén que nunca visitaría un museo detense nun reel da nova exposición sobre a deseñadora Teresa Helbig no Museo do Traxe e pensa que, tal vez, podería ir. Ou non. Ás veces, basta con ler en diagonal a descrición e gardalo baixo unha das mentiras máis normalizadas: «Xa volverei a isto cando teña tempo». Pero o tempo é interrompido por esa cadea de estímulos que fai da espera unha anomalía. Así, mentres as redes sociais amplían as posibilidades de acceso á cultura, tamén remodelan a forma en que miramos, lemos e lembramos aquilo que atopamos.
O filósofo alemán Hartmut Rosa, no seu traballo sobre a aceleración social, define este fenómeno como unha «contracción do presente»: o período no que unha idea, unha obra ou unha experiencia conserva a súa capacidade para captar a nosa atención é cada vez máis breve. Como consecuencia, películas, libros e artistas compiten por non desaparecer baixo a seguinte recomendación nas plataformas. Non é só unha cuestión de hábitos: tamén de deseño. Por iso, os creadores convértense en estrategas á hora de modelar este escaparate virtual.
09.43 da mañá. Especialmente curioso é o que sucede co fenómeno do BookTok, a comunidade literaria de TikTok, que transforma a literatura nunha circulación acelerada de emocións, frases e reaccións máis que en lectura sostida, onde un libro pode nacer ou morrer pola súa capacidade de producir un fragmento compartible. É unha forma distinta de difusión cultural que, alleo a calquera discusión, o ano pasado impulsou a venda de 6,3 millóns de libros en España, segundo os datos de Media Control e NielsenIQ BookData recopilados por TikTok.
Sen que nada cambie na superficie da sala, hai algo que mudou non só na forma de mirar, senón tamén en como producimos aquilo que será mirado. O Xardín das Delicias contado en 30 segundos, un filme de autor impulsado polos clips máis viralizables, espazos interactivos creados para seren fotografiados, salas de exposición instagrameables... Todo semella dirixirse cara a mesma dirección: formatos breves, respiracións illadas dentro do fluxo continuo da rede. Neste punto, cabe preguntarse: que lugar ocupa a cultura nun espazo pensado para pasar ao seguinte contido?
«A abundancia de información xera pobreza de atención», sinalou en 1971 o Premio Nobel Herbert A. Simon. Con estas palabras, advertía dunha economía invisible que hoxe tamén condiciona o valor que lle damos ao tempo de espera. 09.49 da mañá. Unha notificación obriga a levantar os ollos. Aínda non é a quenda: emerxe da pantalla. A sala permanece quieta, algúns rostros son os mesmos, outros xa non. E a cultura fíltrase nos intersticios, pero sabemos recoñecela?
O tempo, eixe da experiencia
A cultura rápida conta cun importante potencial: é capaz de chegar a un público moito máis amplo. Esta é a principal vantaxe que atoparon as institucións artísticas nas redes sociais cando a pandemia do covid obrigou a pechar as súas portas: «Se a xente non pode visitar as nosas coleccións, as coleccións irromperán nos seus fogares a través das pantallas».
Esa posibilidade foi realmente útil durante o confinamento: a cultura mantíñase esperta, pero distanciábase do seu espazo físico para compartir escenario coas distintas realidades. Con todo, a contradición é inevitable: nunca consumimos tanta información cultural e nunca lle dedicamos tan pouco tempo a cada peza.
Que acontece co proceso artístico? Pode a síntese suprir a obra? Institucións como o Museo do Prado son referentes mundiais na creación de vídeos curtos para TikTok, reels e shorts. En menos dun minuto, desmitifican a arte, revelan anécdotas e amosan a cara oculta do museo. En certo sentido, a cultura segue a moverse cara novas experiencias multisensoriais, con formatos híbridos que mesturan música, deseño, narración visual e texto curto. Quizais o desafío sexa recoñecer o que nos detén antes de que o fluxo continúe. Son as dez, chega unha notificación: esta vez é a quenda. Apágase a pantalla do móbil; abandónase a sala.
Suscríbete para seguir leyendo
- Reino Unido activa su plan de gestión del pulpo para explotar la «plaga» a escala industrial: sus lonjas facturan ya más de 1 millón de euros por día
- El Concello «encaja» el «Vigo Arena» en Teis: así es la propuesta de vanguardia que colocará la ciudad en el mapa de los grandes conciertos
- El «Vigo Arena», llamado a saldar una deuda histórica: la ciudad olívica es la única gran urbe española sin un recinto cubierto para eventos multitudinarios
- Un día de espera y una cola que da la vuelta al auditorio de Castrelos para hacerse con una entrada para Chayanne
- La dueña china de Conservas Albo proyecta pérdidas por el descenso en las capturas de atún y krill
- La norma «vintage» de Vigo que «obliga» a todos los conductores a llevar cinta métrica en la guantera
- Tus heces por la ciencia: El Galicia Sur pide colaboración ciudadana para crear el primer observatorio de microbiota
- La comisión de fiestas del Carmen de Moaña deja la organización ante el escaso apoyo encontrado