Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Banda deseñada

Os trasnos de Inés Vázquez

Aventura, misterio e fantasía

Viñetas de «Severina e a raíña dos trasnos» (Inés Vázquez Ramallal, 2025).

Viñetas de «Severina e a raíña dos trasnos» (Inés Vázquez Ramallal, 2025). / Cortesía de Demo Editorial

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

Aínda que ás veces non teña tanta visibilidade como outros xéneros, a banda deseñada galega está moi viva. Motivo polo que está incluída nos Premios Follas Novas do Libro Galego, certame organizado conxuntamente pola Asociación Galega de Editoras (AGE), a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) e a Federación de Librarías de Galicia (FLG) desde hai dez anos.

Na edición deste ano premiábanse as obras publicadas ao longo de 2025. A gañadora do Premio ao Libro de Banda Deseñada, Gráfico e Humor foi Rosalía Oculta (Editorial Galaxia), cómic co que a súa autora, Paula Mayor, tamén gañou o Premio Castelao de Banda Deseñada 2023 e ao que lle dedicamos unha extensa recensión en abril do ano pasado. Entre a lista de nomeamentos atopámonos moitas coñecidas e coñecidos: A miña outra vida (Miguel Rojo en Retranca), Adelina (Sandra Lodi en Galaxia), Carrilanas bestiais (Esteban Souto en Xerais), Lela, a superavoa (Xosé Tomás en Xerais) e Severina e a raíña dos trasnos (Inés Vázquez en Demo Editorial). Unha boa lista de recomendacións de lecturas de cara ao verán.

Severina e a raíña dos trasnos publicouse en decembro de 2025. Esta novela sitúanos nunha Santiago de Compostela decimonónica alternativa na que Severina, a moza protagonista, é unha muller con inquietudes científicas que vive nunha casa connotada polos sucesos estraños que nela pasaron. Sucesos relacionados co mundo dos trasnos, sucesos que levan a Severina a verse envolvida nun misterio sobrenatural que difumina cada vez máis a fronteira entre o real e o fantástico. A medida que investiga o misterio que rodea á súa familia e á súa contorna, atópase absorta en segredos ligados a antigas crenzas e a unha complexa relación entre humanos e criaturas fantásticas. En fin, atópase coa maxia. A historia combina sagazmente aventura, misterio e fantasía, construíndo un universo no que a tradición folclórica galega se reinterpreta desde unha óptica contemporánea. Contrapón, sen opoñer, a razón ilustrada e o pensamento máxico e actualiza figuras tradicionais como os trasnos ou as menciñeiras.

A idea naceu dun soño da autora, no que unha criatura nocturna voaba sobre os tellados e se coaba nunha casa a fisgonear. Acababa fuxindo para esconderse no interior dunha árbore oca chea de artiluxios. Ao espertar, deuse conta de que esa criatura non podía ser outra que un trasno e empezou a tirar do fío.

Vázquez retrata as rúas e os tellados composteláns cun debuxo preciosista e detallado que atrapa desde a primeira viñeta. Unha composición atmosférica que retrata unha Santiago húmida, cargada de sombras misteriosas. A autora recréase con encadres amplos para salientar a monumentalidade da cidade, que pecha selectivamente cando desexa mostrar un extra de tensión. Predominan os tons apagados que reforzan un ton melancólico, reservando unha paleta de cores vivas para achegar luminosidade ás irrupcións máxicas.

Inés Vázquez Ramallal (A Coruña, 1993) non planeaba ser autora de cómics. A súa paixón inicial eran o cine, pero tras traballar en Lighthouse Studios, encargándose do deseño de fondos e a colocación de personaxes, decatouse do abrumadoramente cara e complexa que sería unha produción propia, así que buscou outro xeito de contar historias. Matriculouse na escola de BD O Garaxe Hermético.

Debutou en 2021 con Aldara. A lenda do cervo branco, tamén publicada por Demo, unha novela na que xa mostraba o seu interese pola mitoloxía galega e os segredos familiares, nesta ocasión situándoos entre o rural e a natureza salvaxe. Esta primeira obra gañou o Premios Follas Novas 2022 na categoría Banda Deseñada.

Editorial Yisus, novo selo adicado á banda deseñada en galego

Nace un novo selo editorial adicado á BD en galego. Trátase da Editorial Yisus, un proxecto editorial nado na Coruña que se centrará na publicación de mangas en galego e que arrinca o 11 de xuño coa obra Algún día volverémonos ver, da autora chinesa Smalltung, autora novel «doujin» (creadora de autopublicaciones) entusiasta do xénero «yuri» (lésbico ou de relacións íntimas entre mulleres). O cómic retrata historias situadas no Hong Kong de 2019 e explora con sensibilidade temas como o amor, a perda ou a resiliencia.

Doutra banda, a Xunta de Galicia participou na Feira Internacional do Cómic de Barcelona 2026, FICOMIC, na súa 44 edición celebrada entre o 15 e o 17 de maio, Día das Letras Galegas. Contou cun expositor propio deseñado pola ilustradora Sandra Lodi, que tamén realizou diferentes obradoiros, e capitaneado por Manel Cráneo, quen presenta a nova edición anual de Viñetas desde o Atlántico, e a editorial infantil Bululú, centrada no álbum ilustrado.

Deste xeito, Galicia consolida a súa presenza nesta importante cita sectorial co obxectivo de facer medrar aínda máis a presenza no eido da banda deseñada.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents