Cinema e feminismo
No adeus a Josefina Molina

Daniel Dicenta e Lola Herrera en «Función de noche» (Josefina Molina, 1981).
Ao obxecto de fixar a auténtica dimensión da figura de Josefina Molina, tanto no ámbito cinematográfico como nas trincheiras pioneiras da loita feminista, propoño poñer en contexto unha das longametraxes máis emblemáticas da súa filmografía: Función de noche (1981). Vaiamos por partes. O 22 de xuño de 1981, o Congreso dos Deputados aprobaba por maioría simple (162 votos a favor, 128 en contra e 7 abstencións) a lei do divorcio, revogando deste xeito unha regulación franquista que especificaba que o matrimonio era unha unión «canónica e indisoluble». Naquela votación, individual e secreta, votaran en contra integramente o partido Alianza Popular de Manuel Fraga e mais a facción democristiá da UCD, liderada por Óscar Alzaga. Mentres, o presidente do goberno, Leopoldo Calvo Sotelo, encabezou e dentro da mesma coalición centrista, o sector aperturista.
En outubro de 1981 estreábase Función de noche, unha espléndida e intrépida fita sobre a separación conxugal. O filme, un innovador híbrido que zigzaguea entre a ficción e o documental, sitúanos no teatro onde a actriz Lola Herrera, desde 1976, representa todas as noites o papel de Carmen Sotillo no monólogo de Delibes Cinco horas con Mario, baixo a dirección da propia Josefina Molina. A actriz leva anos separado do seu marido, o tamén actor Daniel Dicenta, quen, un día, entre dúas funcións, mantén unha longa conversa coa súa exmuller. Falan, entre recordos e desencontros, da súa vida en común e das causas da separación.
O cuño feminista atopámolo con excelencia xa no arranque da película. Lola Herrera acode aos xulgados para tramitar a nulidade do seu matrimonio con Daniel Dicenta. Alí, un sacerdote representante do tribunal eclesiástico do Arcebispado de Madrid le en voz alta a demanda de nulidade emitida polo avogado da actriz. Cunha linguaxe gris, excesivamente xurista e regada de referencias canónicas, o relixioso, cun recitado monocorde, fai mención á data na que Lola contraeu matrimonio e asemade do nacemento dos seus fillos, Natalia e Daniel Dicenta, mentres unha montaxe paralela amosa como a actriz accede desde os camerinos do teatro ata o escenario para encarnar a Carmen Sotillo, a viúva de Mario. É dicir, en apenas dous minutos, Josefina Molina proclama o seu parecer sobre a institución do matrimonio do xeito máis árido posible: por medio do relato oral, da conta da austeridade afectiva que expira, mentres que a través das imaxes identifícana cunha viúva que vai pasar cinco horas falando co corpo sen vida do seu esposo, cando este xa non a pode oír.
Durante as conversas co seu exmarido Daniel Dicenta, filmadas sen guión—neste punto é inevitable acordarse de El desencanto (1976) de Jaime Chavarri—, e alternadas coa representación do monólogo de Miguel Delibes, Lola Herrera exclama en voz alta: «Eu non vivín». Son 45 anos deste berro de liberdade feminista que demanda a quebra dos grillóns que impón unha unión rexida, antes da lei de 1981, polo principio de venia mariti (licenza marital).
A viúva Carmen Sotillo, en cambio, é unha muller conformista cunha mentalidade profundamente tradicional. A crítica feminista da obra Cinco horas con Mario non procede das súas palabras senón da forma na que Miguel Delibes amosa que tipo de muller fabricaba o franquismo. Josefina Molina manifestou que esta novela é unha autopsia dunha xeración de mulleres frustradas pola educación represiva. E aí atopamos a xenial cabriola do filme, esa que escenifica unha segunda liberación por parte de Lola Herrera, a liberación do pensamento asimilado por Carmen Sotillo.
O berro «Eu non vivín» de Lola Herrera segue a rebotar nas escarpas ríxidas da sociedade, pero cunha intensidade reforzada e amplificada grazas á literatura e á cinematografía desenvolvidas por mulleres nos últimos tempos.
Suscríbete para seguir leyendo
- El afloramiento de aguas profundas por el viento de nordés «congela» a los bañistas de las playas de la ría de Vigo
- Adiós a los conciertos de verano en los chiringuitos de Vigo
- La concesionaria del Cunqueiro cierra por primera vez el año con números rojos
- Portugal da luz verde a la acuicultura del futuro con su primera macrogranja de peces en alta mar
- «Hemos visitado colegios y sorprende que niños de primaria no sepan identificar un pez tan característico y gallego como el rape»
- El Concello de Vigo prohíbe la pantalla de la Diputación en Praza da Estrela para ver el España-Bélgica y Luisa Sánchez lo achaca al «sectarismo» del alcalde
- La Guardia Civil confirma que la mujer de A Portela, en Bueu, llevaba tres semanas muerta en su casa
- Condenan al Sergas por la extirpación «a ciegas» del útero a una joven de 33 años en Vigo