Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

«Ave Maria, gratia plena»

Teoloxía, tradición, historia

«A Anunciación» (Fra Angelico,  Museo do Prado).

«A Anunciación» (Fra Angelico, Museo do Prado).

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Joaquim Ventura

Joaquim Ventura

Xa nos comezos do cristianismo a figura de Xesús foi divinizada (e con el, a da súa nai María). Unha divinización en igualdade con Deus Pai e co Espírito Santo no conxunto da Santísima Trindade, establecida no concilio de Nicea en 325. Pero coa extensión da crenza cristiá e mais o paso do tempo, esa tripla divindade resultaba distante dos fieis, tanto de maneira colectiva como individual.

Por iso, fronte ao culto á Santísima Trindade (latría), na Idade Media comezou a devoción a María (hiperdulía), incluso por riba das advocacións ao Pai ou ao Fillo. María, muller ao cabo, aparecía máis accesible e por iso foi considerada intermediaria, avogada, para pedir concesións ao seu Fillo. Un papel que foi amplificado polas coleccións de milagres, desde os de Gautier de Coincy e de Gonzalo de Berceo ata as nosas Cantigas de Santa María, de Afonso o Sabio. Trátase, pois, dunha popularidade que medrou ata o punto de que as advocacións marianas pasaron a ser xerais, incluso cando había patróns locais distintos. Unha apropiación de María a cuxo nome se engadía a advocación ou o topónimo e o establecemento de diversas categorías, cabería dicir, segundo o culto que xerasen.

Tanto a teoloxía, xa desde os inicios do cristianismo, como a tradición popular agocharon o papel histórico que xogou a nai de Xesús. A teoloxía porque limitou o seu papel a ser o receptáculo privilexiado para traer ao mundo a Xesús, sempre coa condición dunha xestación do seu fillo asexuada e permanente, á que se engadiu a súa propia concepción sen pecado orixinal. Unha exaltación aparente xa que sempre quedaba supeditada pola súa condición feminina.

Para recuperar a dimensión persoal e histórica de María, James D. Tabor presenta agora María desconocida (Editorial Kairós). Tabor é profesor de estudos bíblicos e desde o rigor científico e a súa experiencia en diversas escavacións en Terra Santa, intentou establecer a contorna familiar na que naceu a nai de Xesús e a herdanza que lle puido transmitir. Así, unha primeira conclusión que establece e a da dobre liñaxe: a da do rei David e a súa pertenza a unha familia sacerdotal. Medrou, polo tanto, María nun ambiente con certa dimensión social nun momento de fortes convulsións políticas entre a ocupación romana e a imposición de Herodes o Grande como rei, considerada usurpadora por boa parte dos xudeus. A concepción de Xesús, cando tería catorce anos, sería posiblemente con alguén da súa contorna, circunstancia que puido resolver grazas ao seu matrimonio con Xosé, con quen tería despois diversos fillos.

Tabor espiga nas Escrituras para detectar aqueles datos que virían confirmalo malia o silencio expreso posterior da Igrexa. Así, Xesús tería irmáns, como Santiago, que lideraría o seu movemento despois da crucifixión, preterido pola Igrexa como «discípulo predilecto» a prol de Xoán, fillo de Zebedeo. Ou Salomé, presente no Calvario coa propia María e María Magdalena, a compañeira de Xesús.

A orientación que ben axiña Pedro e Paulo deron ao movemento liderado por Xesús -e que o seu curmán Xoán o Batista encetara- foi de misoxinia doutrinal. Iso supoñía agochar a importancia de María na transmisión cultural cara a Xesús e aos seus outros fillos. Incluso a súa dimensión humana quedaba negada -pura como era considerada e polo tanto non corruptible- a partir do establecemento da súa «dormición» (non morte) e posterior asunción aos ceos.

Tabor considera, se atendemos ao que Lucas dicía no seu evanxeo, que María transmitiu a Xesús a idea de xustiza social: «Derrubou os poderosos e empoleirou os humildes». A mensaxe de María, os dez mandamentos de Moisés e o Sermón da Montaña (recollido por Mateo), coas benaventuranzas, e a idea do perdón constituirían a base da doutrina de Xesús.

Devoción de noso

Sendo como foi, e é, Galicia un país atomizado canto á poboación, cada aldea esixiu unha capela. Nese abano de devocións, a tida a María ten que estar presente malia que haxa unha maior comparecencia dos santos, comezando polo propio Santiago.

Porén, se consideramos o conxunto e malia a importante presenza de mosteiros cluniacenses desde os anos do arcebispo Xelmírez, Galicia non ten unha devoción nacional a unha Virxe concreta, como si amosan –da man dos bieitos- Cataluña con Montserrat; Navarra con Leire; ou A Rioxa con Valvanera. E Asturias con Covadonga, ou Aragón coa do Pilar, elevada a padroa non só desa terra senón tamén da Hispanidade e da Garda Civil.

Hai devocións locais máis ou menos importantes. Velaí a Peregrina pontevedresa ou incluso unha virxe de importación como a de Montserrat, en Monforte de Lemos. Pero se atendemos a unha dimensión que exceda o local, temos que acudir aos santuarios. E destes hai polo país adiante moitos como cristianización de vellos cultos pagáns. Desde a Santa María da Lanzada, pasando pola do Cebreiro, as da Barca de Muxía e Valdeorras, ou as diversas dos Milagres. E sen discusión e en todas as vilas costeiras, a Virxe do Carme, padroa dos mariñeiros, con permiso das diversas da Guía, comezando pola de Vigo

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents