Libros destacados da semana

FdV / FdV
VV. AA.
Formas de onte
Recordatorios do 36
Iago Fernández
Na literatura contemporánea non hai moitos autores que, coma António Lobo Antunes, declaren abertamente diante dos micrófonos: «A min a trama impórtame un pito». Pero, cando nos topamos cun deses autores, cómpre recibilo co debido interese e coa debida esperanza. No caso de que consiga saír adiante, o máis habitual é que, antes ou despois, ocupe unha localidade preferente na literatura que lle corresponde, tal e como aconteceu con Sebald, Bernhard e un considerable etcétera. Ao mesmo tempo, non debemos esquecer que a minusvaloración das tramas -e, pola contra, a sobrevaloración do estilo e da forma- só é un dos moitos prexuízos herdados do vello imperio da literatura modernista.
Formulo estas cuestións xa que o debut novelístico de Luis Caparrós Esperante supón unha desas raras ocasións nas que a trama fica, voluntaria ou involuntariamente, nun segundo plano. A chuvia sobre o mar conta a historia dunha parella de mozos, Amaro e Luscinda, que se aloxan no casal do tío del e, durante unha tempada, levan unha vida burguesa, ensimismada e privilexiada. A continuación estala a Guerra Civil española, desatando os conflitos de rigor e confrontando o trío de personaxes cos seus medos, miserias e incertezas. Non obstante, malia os feitos narrativos estar debidamente aproveitados, a desmesura lírica e retórica da voz narradora aplaca a trama dende a primeira páxina.
Se Caparrós Esperante debutara na segunda metade do século pasado, supoño que disporiamos de maiores alicientes para celebrar o refinamento poético, o alento musical ou o ton decadente dunha novela así. Nesta altura do século XXI, semella necesaria a incorporación dalgún elemento que, estética ou discursivamente, catapulte A chuvia sobre o mar cara ao noso presente histórico. Namentres Caparrós Esperante elabora o súa seguinte traballo, os seguidores de António Lobo Antunes ou incluso de certa Ana María Matute sentiranse razoablemente satisfeitos con esta primeira achega. Os demais, en calquera caso, recibirán un recordatorio que sempre paga a pena subliñar en tempos de asedio político: a traxedia do 36 tamén foi o resultado das indisposicións, os equívocos e os titubeos daqueles privilexiados que, coma Casares Quiroga ou Manuel Azaña, non souberon interceder a tempo. Coido que, canto máis nos aproximamos ao 2036, máis sentido posúen estes recordatorios.
Dura e poética
Da necesaria resistencia
Xosé Feixó
Mulleres empilladas, da recoñecida autora brasileira de novela negra Patrícia Melo (São Paulo, 1962), é unha obra impactante, dura e poética ao mesmo tempo, que trata a lacra do feminicidio e a violencia machista no Brasil, publicada agora en galego por Rinoceronte. Nela cóntase a historia dunha nova avogada de São Paulo que foxe dunha relación sentimental tóxica. Vai para o estado de Acre, no corazón da selva, ao obxecto seguir unha serie de xuízos por asasinatos de violencia machista.
Involúcrase de cheo nestes horribles casos, e conecta cunha realidade perpendicular e horizontal que afecta a mulleres de tódalas etnias e clases sociais. Ao mesmo tempo, ao participar coas comunidades indíxenas en rituais ancestrais con ayahuasca, viaxa introspectivamente no seu pasado, e recupera recordos reprimidos da infancia, traumáticos, que marcaron o seu destino.
Ao tempo, converte a obra nun manifesto político de denuncia social sobre a impunidade xurídica e a urxencia de visibilizar e acabar cos abusos sobre as mulleres.
De estilo cru, directo e documental, aínda que de ton poético, mestura ficción e datos reais co misticismo indíxena como vía de sanación a través da reconexión cos traumas, poñendo de manifesto o gran sufrimento e a necesaria resistencia individual e colectiva das mulleres.
O valor da amizade
Tenro e expresivo relato
María Navarro
O valor da amizade ten en Álex ten vergoña un referente extraordinario: a historia que Natalia Shaloshvili vén de escribir e concibir plasticamente bota man dun recurso clásico para introducir os primeiros lectores nunha temática que lles resulta cercana e que os pode axudar a construíren o seu propio universo persoal e aínda aqueloutro que ten que ver coas relacións cos demais nunha etapa na que é importantísimo establecer conexións necesarias no proceso de maduración.
Leo recibe a visita de Álex e a súa nai e axiña decide propoñerlle seren cociñeiros, estrelas de rock e astronautas, alternativas que a rapaza vai rexeitando porque afirma ter vergoña, situación que o rapaz comprende e dende aquí actúa para facer que ela se sinta mellor. As personaxes demostran que a través do xogo pódense entablar relacións co outro, permite atopar unha linguaxe común, conectar desde a autenticidade, a diversión e o respecto mutuo e, como no caso da protagonista, afrontar a timidez que a ten paralizada. Tanto é así que o xogo é unha das ferramentas máis potentes que temos para aprender a convivir e a entender mellor o mundo que nos rodea.
As ilustracións que posúen un estilo característico da literatura infantil contemporánea procuran a calidez e a textura imperfecta do feito a man. Foxen do realismo e do trazo pulido e apostan por formas simplificadas e contornos desdebuxados para darlle un aire tenro e expresivo ás imaxes, o que permite, sen dúbida, unha lectura enriquecedora.
Un pasado incómodo
De «locus amoenus» a «locus terríbilis»
Pilar Ponte
Quen se achegue á novela Reserva Natural, novena entrega deste xénero literario do vigués Álex Mene, doutor en Belas Artes que exerce como catedrático de debuxo nun instituto galego, non vai quedar indiferente, porque segundo avance na trama se vai ir envolvendo nun ambiente de misterio no que quedará atrapado ata a última páxina, de xeito paralelo ao que lle acontece á narradora e protagonista principal.
O que comeza sendo unha viaxe idílica dunha parella que leva seis meses convivindo vaise ir transformando aos poucos nun pesadelo que atrapará a protagonista. Abel convida a Aroa a facer unha escapada polas montañas fronteirizas de Galicia con León e así aproveitar para lle presentar uns antigos amigos que se recluíron nesas paraxes e se dedican á cría de cans. Unha vez alí a protagonista irá descubrindo unha serie de detalles a través de interaccións incómodas e revelacións progresivas que lle van ir amosando o que se resiste a asumir. Todo isto inserido nunha natureza salvaxe que a envolve e oprime do mesmo xeito que o ladrar continuo dos cans do predio.
O que comezou sendo un locus amoenus vaise ir transformando nun locus terríbilis, adiantado pola figura dunha muller persignándose tras dunha ventá, do que Aroa xa non poderá escapar, e no que intuímos que a viaxe vai mudar drasticamente.
Suscríbete para seguir leyendo
- Los padres de la alumna con sumas erróneas en la nota de la PAU tras las revisiones denuncian «indefensión»: la corrección de la CiUG llega tras cerrar el primer llamamiento en varias comunidades
- El afloramiento de aguas profundas por el viento de nordés «congela» a los bañistas de las playas de la ría de Vigo
- Adiós a los conciertos de verano en los chiringuitos de Vigo
- Así será la revolución que vivirá el frente litoral de Vigo en Teis: alquileres «tasados» durante 75 años, calidad arquitectónica, vida comercial, grandes dotaciones públicas y un bosque
- La concesionaria del Cunqueiro cierra por primera vez el año con números rojos
- Portugal da luz verde a la acuicultura del futuro con su primera macrogranja de peces en alta mar
- Víctor Fernández, afectado por la prohibición del Concello de Vigo: «Sin conciertos en mis chiringuitos tendré que despedir a gente»
- Muere un hombre mientras se bañaba en una playa de A Illa