Ismael Cabaleiro: «Fóra»
Como unha porta, como unha chave

Ismael Cabaleiro. / BREIKUS
O músico de Arcade Ismael Cabaleiro leva xa uns cantos anos demostrando, e facendo carreira, para consolidarse como un dos nosos violinistas de cabeceira. Inicialmente con formación clásica, moi cedo as súas inquedanzas pola música moderna provocaron el un afán por explorar outros estilos para xa, nomeadamente, acadar o recoñecemento como un dos nosos violinistas de jazz máis notables. Agora mesmo, Cabaleiro vén de presentar Fóra, un EP que abre unha nova porta á esa curiosidade persoal por percorrer novos estilos, nun disco que significa o seu segundo traballo como lider de formación.
E cóntanos Cabaleiro que Fóra foi concibido como unha porta e tamén como unha chave: un espazo dende o que explorar outros estilos, ampliar horizontes musicais e afondar na construción dunha voz propia como autor. Así, sobre a pedra angular da súa formación en jazz, o músico desenvolve neste traballo unha proposta marcada pola apertura sonora e mais a improvisación, mesturando influencias da música tradicional, o bluegrass e outras linguaxes contemporáneas na procura dun discurso propio, persoal e altamente evocador. Todo composto e gravado, corda a corda, integramente por el nun exercicio que se antolla sobresaínte tanto en termos de execución como de resultado sónico e orgánico cunhas cancións que soan tremendamente a madeira e verdade.
Trátase, entón, dun labor formado por cinco pezas nas que todo ole a unha mestura perfecta de contemporaneidade e a raíces de aquí e de aló. Con «Sombras» abre a fiestra dunha tarde temperada de certa nostalxia e lume, comezando unha viaxe que se antolla atlántica, celta, blues e compostelá cunha «Ao meu xeito» que se propón como unha verdadeira e emocional declaración de intencións. Continúa «No canto dun violín cego», poñendo voz e conto a golpe de romance e viaxes seculares para despois traernos de volta con crema do «blues fiddle» cunha «The squirrell» que tanto nos pon a suar nos humidais do Delta do Mississippi como a saltar de póla en póla, e de inmensa ledicia, na vella carballeira da aldea dos teus avós. E remata a entrega cunha «Fóra» que de novo nos trae a idea dos principios musicais dun compositor que semella atopar moito do que busca para deixárnolo rexistrado nun disco que se torna delicatessen na súa escoita atenta.
Agora, conta outra vola Ismael, que aínda que o disco foi gravado integramente por el, a posta en escena contará con Elena Domínguez ao violonchelo e Juanjo Fernández nos sintetizadores e piano, formando un trío que amplía as posibilidades tímbricas e expresivas dun repertorio e dun proxecto que contará ademais con varias pezas audiovisuais que expanden o universo de Fóra. A Casa das Crechas, capela sacra da música en directo, do folk e do jazz, en Compostela, foi o punto de presentación e partida e anuncian tamén o seu paso por Noia, Vigo, Arcade e Pontevedra, levando o universo sonoro de Fóra a distintos escenarios galegos durante os próximos meses.
No adeus a Sonny Rollins
Soubemos, hai uns días, do pasamento de Sonny Rollins, lenda da música jazz e figura épica do xénero cunha presenza, un traballo e un legado que se antolla inabarcable e imprescindible. Co alcume de «Coloso» ou «Xigante» e con esa imaxe xenial dos últimos anos, co pelo desatado e canoso, soprando polo seu saxo tenor e sentando cátedra jazzística ao longo de sete décadas, Rollins seica morreu na súa casa de Woodstock, no Estado de Nova York, segundo confirmaron os seus achegados e seica, aos seus 95 anos, levaba dez retirado e con algún problema de saúde, quen sabe se provocado polos excesos de toda unha vida.

Sonny Rollins. / FdV
Tocou con xente como Thelonious Monk, Dizzy Gillespie, Miles Davis ou Max Roach. Tamén colaborou con nomes como Herbie Hancock, Elvin Jones, Don Cherry, Ron Carter ou Coleman Hawkins entre outros moitos. Para os cinéfilos foi o compositor da banda sonora da película Alfie e para os melómanos unha das figuras do jazz máis respectadas e veneradas da historia do xénero con decenas de discos e algúns da dimensión de The Bridge (1962) ou o anterior Saxophone Colossus (1956), a súa obra mestra indiscutible e un dos traballos máis celebrados polos entendidos na historia do jazz.
Toda unha longa vida sendo unha lenda pero sempre buscando mellorar e innovando cun instrumento do que será para sempre un dos seus grandes espíritus gardiáns. O jazz, a música moderna e unha lexión de melómanos en todo o mundo abofé que sempre poñerán o seu legado na dimensión que se merece.
Suscríbete para seguir leyendo
- El Concello «encaja» el «Vigo Arena» en Teis: así es la propuesta de vanguardia que colocará la ciudad en el mapa de los grandes conciertos
- Un centenar de personas conforman la batida más multitudinaria para encontrar a María Pereira
- La Panificadora de Vigo creará jurisprudencia nacional
- Tus heces por la ciencia: El Galicia Sur pide colaboración ciudadana para crear el primer observatorio de microbiota
- Depredadores terrestres en alta mar: «Capturábamos incontables tiburones. Hasta el punto de destruir el ecosistema»
- Las manchas naranjas en el mar por microalgas invaden playas de Aldán y O Hío
- Solo se fabrican un máximo 5 al año totalmente a mano y en Ourense: Así es el reloj gallego más exclusivo desde hace un siglo
- Cancelado el festival de este sábado en el Museo do Mar en Vigo por «deficiencias» en la documentación entregada