«Furada Negra» de Berio Molina
Viaxe ao centro da imaxe

«Furada Negra» (2024).
Ao xove Édouard-Alfred Martel (Pontoise, 1859-Montbrisson, 1938) encantábanlle as novelas de Jules Verne, sempre cheas de volcáns, covas, selvas impenetrábeis, aventuras e enigmas. Del admiraba, sobre todo, tres virtudes: a súa insaciábel curiosidade, o seu desexo contaxioso de comprender e a súa querenza por codificar o (in)tanxíbel. Quizais fose por iso e porque a súa obra favorita era Viaxe ao centro da Terra que, en 1889, con tan só trinta anos de idade, aquel entusiasta xurista decidise baixar por vez primeira a unha das simas máis misteriosas do noso planeta: o Gouffre de Padirac. Provisto dunha lámpada de magnesio e dalgunhas candeas, o futuro pai da espeleoloxía adentrábase naquel antro coa firme convicción de que alí atoparía algo estraño e, ao mesmo tempo, fermoso que lle permitiría mostrar á humanidade que moi por debaixo da nosa anódina existencia hai outra realidade, hipotética e inquietante. En covas, buracos, concavidades, cavernas, antros, grotas, espeluncas, furadas, túneles, furocos e palafurnas.
En Furada Negra (2024), un dos filmes máis premiados dos últimos tempos en Galiza, o artista e cineasta Berio Molina (Lugo, 1979) decide subverter a anteriormente citada lóxica verniana, elaborada sobre a base dun hipotético traxecto que nos conduciría desde o aparecemento dunha minúscula inquedanza até á creación dun mapa cognitivo-perfectamente-codificado. Partindo da publicación, a finais do ano 2022, do libro Tesouro espeolóxico galego, un colosal traballo de investigación que documenta con rigor e minucia arredor de 500 cavidades do noso patrimonio subterráneo, o realizador proponnos unha nova vía de achegamento á obra cinematográfica: a do retroceso en lugar do avance. Ou sexa, ir á procura do misterio primixenio a través da relación multifacética do espectador cunha serie de imaxes, textos e excertos sonoros.
Se ben é certo que o fotograma pode chegar a ser un instrumento útil para comprender o mundo e para capturar a súa pegada, tamén o é que a súa dependencia intrínseca coa autenticidade non o converte en modo ningún nunha garantía de verdade. «Ver a paisaxe tal e como é cando non estou alí», reza o fragmento número 17 do filme que acompaña unha foto de Baiona tomada en 1936 (?) desde o interior dunha grota do Monte de San Roque. Porque, como apunta o autor do fragmento, Roni Horn, o mundo non sempre está constituído por unha realidade inmediatamente evidente e aprehensíbel, senón que o que cremos ver, en ocasións, pode converterse nunha especie de fantasma que manipula as nosas reflexións.
A estrutura episódica de Furada Negra -41 micro capítulos escrupulosamente catalogados e referenciados con todo luxo de detalles ao final da fita- xunto coa súa natureza de traballo referencial en que conviven o material fotográfico de arquivo, os textos literarios -de figuras tan destacadas como Vicente Risco, Alba Cid, Emilia Pardo Bazán ou Manuel Murguía- e as paisaxes sonoras -creadas, algunhas, polo autor e recollidas, outras, do Arquivo Sonoro de Galiza- podería levar a pensar que estamos ante un traballo documental antropolóxico, histórico ou espeleolóxico. Nada máis lonxe da verdade. O que o director pretende (e consegue) é que nos adentremos da súa man nos territorios do inframundo, mesmo sentindo, como ben describe Alba Cid, «un tremor na raíz da espiña dorsal».
Na actualidade somos prisioneiros dunha industria do cinema que nos obriga, cada día con máis forza, a permanecer inmóbeis e aletargados na caverna platónica. Alí onde se convocan os espíritos que poboan o mundo simulado, xa non ten cabida máis que o conformismo do trivial, establecido como única opción. Grazas á proposta de Berio Molina o realismo mítico rexorde desde as marxes para nos lembrar que o corazón do mundo non está necesariamente na superficie.
Paisaxes fonográficas
A historia da imaxe non se podería contar se só se tivese en conta o seu aspecto visual, pois é precisamente o seu carácter multidimensional o que permite que habite en nós como representación mental. Isto é, como reminiscencia e reverberación de sensacións táctiles, olfactivas, visuais e/ou auditivas.
Furada Negra é resultado, entre outras cousas, do traballo conxunto de catro das máis insignes figuras da arte sonora do noso país. Xunto ao director, recoñecido por obras como 28 setras, figuran as colaboracións do compositor e etnomusicólogo Carlos Suárez, autor do marabilloso álbum Post Tenebras Lux e membro do colectivo galego escoitar.org; a do deseñador sonoro Jesús Otero Seoane e a de Xoan-Xil López, toda unha eminencia no mundo da investigación e arte sonoras.
Sen dúbida vivimos nunha conxuntura histórica en que somos agredidos por continuos ruídos exteriores que contaminan e desnaturalizan, sen tregua, os sons do noso mundo. Quizais sexa este o momento de restaurar aquela fe poética no acústico e no visual que nos ligaba aos espazos. E que semella terse esvaecido das pantallas.
Suscríbete para seguir leyendo
- Los padres de la alumna con sumas erróneas en la nota de la PAU tras las revisiones denuncian «indefensión»: la corrección de la CiUG llega tras cerrar el primer llamamiento en varias comunidades
- El afloramiento de aguas profundas por el viento de nordés «congela» a los bañistas de las playas de la ría de Vigo
- Adiós a los conciertos de verano en los chiringuitos de Vigo
- Así será la revolución que vivirá el frente litoral de Vigo en Teis: alquileres «tasados» durante 75 años, calidad arquitectónica, vida comercial, grandes dotaciones públicas y un bosque
- La concesionaria del Cunqueiro cierra por primera vez el año con números rojos
- Portugal da luz verde a la acuicultura del futuro con su primera macrogranja de peces en alta mar
- Víctor Fernández, afectado por la prohibición del Concello de Vigo: «Sin conciertos en mis chiringuitos tendré que despedir a gente»
- Muere un hombre mientras se bañaba en una playa de A Illa