Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Crónica dos Premios Gran de Area de Arquitectura

O esforzo por saber conservar

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

Os premios Gran de Area permítennos, dende hai uns cantos anos, debullar o mapa dunha gran parte da arquitectura galega recente. Nesta edición, entre as obras recoñecidas polo COAG, destaca unha tendencia clara remarcada dende o remate dos anos 90, unha liña que parte do respecto ao xa construído e olla cara á rehabilitación e mais o coidado do patrimonio. Nun tempo no que a obra nova adoitaba concentrar máis atención pública, esta liña devén especialmente interesante.

A primeira parada debe ser Vigo. A restauración da vivenda particular do arquitecto Xosé Bar Boo, en Marqués de Valladares 27, realizada por Pablo Menéndez Paz, ten un valor evidente polo peso do seu autor orixinal, ao cal xa lle adicamos unha páxina neste medio. Bar Boo foi unha figura central na chegada da arquitectura moderna a Galicia, aínda segue a conservar toda a súa frescura, e deixou en Vigo algunhas obras fundamentais para entender outra maneira de habitar a cidade, máis atenta á luz, aos patios, aos materiais e á vida interior dos edificios.

A intervención premiada interesa porque traballa sobre un espazo con valor arquitectónico e biográfico. Nunha obra deste tipo, o difícil está en actualizar sen borrar, precisamente, o vangardista que para Galicia foi a sinatura deste arquitecto. O recoñecemento serve tamén para lembrar que a arquitectura do século XX xa forma parte do noso patrimonio e require unha atención semellante á que durante moito tempo reservamos a edificios máis antigos.

A segunda obra lévanos a Bueu, ao Museo Massó, coa intervención de Alberto Redondo Porto, José Martín Valladares Durán e Marcial Rodríguez Rodríguez. O edificio pertence á memoria industrial e mariñeira da vila, polo que a súa conservación toca un tecido común e unha historia que é compartida. O proxecto mantén a lectura das distintas etapas construtivas e adapta os espazos ao uso museístico sen eliminar a súa condición orixinal.

O caso Massó é relevante porque Galicia aínda está a ordenar a súa relación co patrimonio industrial. Durante anos, fábricas, conserveiras, talleres e instalacións portuarias quedaron nunha zona de sombra tristeira entre o abandono e a nostalxia. Intervencións así axudan a incorporalos con normalidade ao relato cultural do país. Temos aínda pendente, paga a pena dicilo, un uso interesante para lugares como a vella fábrica Cros, no Burgo, en Culleredo, aínda co seu esquelete de formigón cal elexía distópica, parte desa sombra de inercia algo tristeira e o egoísmo político para non chegar a acordos.

Exterior do rehabilitado mosteiro de Oia.

Exterior do rehabilitado mosteiro de Oia.

A terceira das nosas escollas mira cara Oia, coa ordenación do recinto monacal e do encontro costeiro do Real Mosteiro, obra de Rodríguez máis Pintos Arquitectos e Santiago Pintos Pena. O conxunto ten unha presenza moi forte na costa, polo que calquera actuación esixe medir a escala. O proxecto aborda o mosteiro, as hortas, os xardíns e as áreas próximas cunha visión conxunta, atendendo tanto á conservación como á posibilidade de novos usos.

Estas tres obras teñen escalas distintas, mais xuntas comparten unha actitude prudente ante o construído. Non sei se a nova arquitectura, busca substituír a memoria do lugar, pero si consegue facela comprensible no presente. A edición deste ano dos Gran de Area confírmanos así unha sensibilidade cada vez máis compartida na arquitectura galega, a que nos coloca no mapa ibérico como exemplo.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents