Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O Gaudí «menor»

No centenario do arquitecto

No centenario de Gaudí

Eli Regueira

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Joaquim Ventura

Joaquim Ventura

Cos arquitectos que acadan a condición de estrelas prodúcese decote unha simplificación por parte do público, xeralmente turistas, que acoden a admirar as súas obras. Sucedeu e sucede coas de Antoni Gaudí, o arquitecto nacido en Reus, de quen hogano conmemoramos o centenario da súa morte. Teño con el unha especial relación porque desde a casa dos meus pais vía perfectamente as catro torres senlleiras da fachada do Nacemento da Sagrada Familia.

Estas torres foron durante decenas de anos o skyline do Eixample. Detida a construción do templo expiatorio á morte do seu autor, a chegada da República, a Guerra Civil e a etapa que a seguiu, deixáronas como un monumento inerte ata a década dos sesenta. Non entrarei a xulgar as obras de continuación, excluídas obviamente da consideración de patrimonio mundial da Humanidade pola Unesco. O certo é que os millóns de turistas que as visitan quedan abraiados polo conxunto, sen distinción entre a parte inicial e a continuación. Pura parvada.

Sen tirarlle ningún mérito, á obra de Gaudí sucédelle o que J. V. Sueiro dicía verbo da cociña galega: padece o efecto bolboreta. O forasteiro queda co máis espectacular (o marisco) sen reparar nunha sinxela empanada, igualmente satisfactoria. O mesmo se pensamos na citada Sagrada Familia, no Parque Güell, na Casa Milà ou na Casa Batlló.

Malia estar afeito ás catro torres senlleiras, de sempre me prestou máis unha construción menor: a escola parroquial. Un edificio que mereceu as louvanzas do propio Le Corbusier en 1928. Tratábase dun elemento puramente utilitario ao cal, porén, Gaudí soubo darlle un aire de lixeireza grazas ás ondulacións do tellado nun impresionante exercicio entre contido e continente. Unha solución, o emprego da bóveda catalá, que xa dispoñera na que foi unha das súas primeiras construcións: a fábrica da Cooperativa Obreira de Mataró (Can Asensio) da que unicamente queda a nave de branqueo (actualmente acolle a colección de Lluís Basat) e un enxeñosísimo edículo de aseos. Dos traballos que fixo unha vez rematou a carreira, consérvanse uns farois na Plaça Reial e a capela-panteón do Palacio de Sobrellano (Comilas).

Un edificio barcelonés que aínda non foi incluído na lista da Unesco é o colexio das Teresianas, na antiga vila de Sant Gervasi. O seu exterior está claramente influído polo gótico catalán. No entanto, como o seu interior tiña que ser utilitario, Gaudí deseñou uns arcos catenarios en parábola que, amáis de reforzar a estrutura, permiten unha gran luminosidade nos corredores.

Outra construción absolutamente utilitaria e que pasou desapercibida durante anos foi o Chalet del Catllaràs, en La Pobla de Lillet. Foi erguido para acoller os enxeñeiros das minas de carbón que explotaba a cementeira Asland (propiedade dos Güell). Se ben que Gaudí non dirixiu a obra, recentes estudos veñen de confirmar a autoría do reusense.

Pero nun senso oposto, Gaudí era capaz de facer dos elementos aparentemente máis simples e necesarios auténticas obras de arte. Así, as chemineas da Casa Milà (la Pedrera), convertidas nun auténtico exército. Pensadas para seren recubertas de trencadís, moitas quedaron espidas por problemas financeiros dos propietarios. O resultado, na miña opinión, foi mellor.

Si que foron recubertas os pavillóns de entrada ao Parque Güell: un como conserxería e outro como residencia do porteiro. Feitos en pedra vista, os tellados están cubertos de mosaico roto (trencadís), coroados por rebentaboises na cúpula; no primeiro érguese unha torre helicoidal a cadros brancos e azuis de trencadís (que atempera a intensidade das cores), rematada por unha cruz de catro brazos. Sen esquecer os mosaicos rotos que cobren o muro de entrada coas palabras «Parque» e «Güell.»

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents