Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Arte e moda

Virtudes do deseño

Pastiche, homenaxe, recreación

Unha persoa contempla unha das obras que Andy Warhol dedicou a Marilyn Monroe.

Unha persoa contempla unha das obras que Andy Warhol dedicou a Marilyn Monroe. / Jorge Zapata

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

Hai algo de parodia no deseño industrial cando nos presentan un obxecto de sempre intelixentemente mellorado logo de infinitos cálculos e refundacións éticas. Ao mirar unha recén redeseñada cadeira, cafeteira, lareira ou encimeira, un non pode deixar de cavilar aquilo de «a rose is a rose,» pois non semella tan novidosa a xenuína creación como a queren facer ver.

Todo son «nuances» ou matices no eido do deseño: un pequeno troco nesta parte, outro noutro pantone ou aínda un troco no material dan lugar a una peza nova. Claro que, de cando en vez, hai o que agora chamamos «disrupcións», ou sexa, un gran troco arriscado, evidente, paradigmático ou iconoclasta que provoca una convulsión nos mercados, nas vidas e na estética. A aparición dos smartphones é un bo exemplo. Os vestidos tubulares de Chanel nos anos 1920 son tamén disruptivos. O deseño da moto vespa ou os autos eléctricos serían asemade exemplos illados destes trocos totais.

En xeral, acadar un novo deseño evidencia un longo traballo preparatorio con estudos, cálculos, debuxos e colaboracións coa industria. E, sobre todo, nun novo deseño aparece a especulación. A valoración de pros e contras para avanzar e ao facelo poñer en dúbida o statu quo. Construír un futuro mellor cos elementos ampliados do pasado era a máxima que definía o traballo de Karl Lagerfeld nunha cita que parece rescatar un aforismo de Goethe.

Todos estes factores xuntos fan pensar no pastiche; é dicir, unha obra artística, literaria, musical, cinematográfica ou unha creación de deseño que rende homenaxe, imita ou combina os estilos ou elementos doutros autores ou xéneros. E acontece que a nosa é, sen dúbida, a xeira do pastiche, unha concepción de estilo de estilos que ten arranque na monarquía constitucional de Isabel II e Francisco de Asís en España e no Segundo Imperio francés con Napoleón III e Euxenia de Montijo. O chamado «estilo belas artes», apoiado pola puxanza dos exeños derivados das revolucións industriais fixeron posible edificios como a ópera Garnier en París ou o Teatro Real en Madrid. Edificios pastiche que renden homenaxe a todos os estilos.

En xaneiro de 1909, unha estafa realizada por un tal Henri Lemoine contra a compañía De Beers, dedicada á explotación de minas de diamantes, acadou notoriedade mundial. O señor Lemoine convenceu a Julius Werner, director da compañía de pedras preciosas, de que viña de descubrir un método para fabricar diamantes. Todo aquilo era un fraude que rematou nos tribunais e nos xornais, converténdose no maior asunto de discusión nas rúas naquela época do tempo perdido xunto co tamén polémico tema do caso Dreyfus.

Lemoine e os seus diamantes de laboratorio non pasaron desapercibidos a Marcel Proust quen tomou o tema para publicar nos feulleitons da época breves relatos. Un recopilatorio dese apetitoso asunto dos diamantes e outras misceláneas foron publicadas por Proust nun volumen titulado Pastiches e mélanges en 1919.

A «nuance» ou matiz é que Proust escribía sobre esa banalidade dos diamantes e outros temas nun estilo de pastiche; é dicir, imitando o estilo literario de Balzac, Flaubert, Sainte-Beuve ou Saint-Simon. A forma moderna do pastiche arranca daquela nun fraude de diamantes, segue na contemporaneidade nas cabezas de Marilyn Monroe feitas en impresión de seda por Andy Warhol e está na hipermodernidade nas camisetas con debuxos de Ed Ruscha producidas por Dior con deseño de JW Anderson na colección cruise 2027. Pastiche, homenaxe, recreación, variacións sobre un tema.

Instalacións da bienal Mayrit (Madrid). | |

Instalacións da bienal Mayrit (Madrid). / FDV

Mayrit, a bienal

O deseño é pensamento, é especulación para trocar a realidade e acadar un mundo mellor. Virgil Abloh, o finado deseñador de Louis Vuitton e Off-White, declaraba a súa vontade de deseñar para incorporar no cada día os soños que tiña cando era un rapaz negro nunha familia de inmigrantes de Ghana en Illinois (EEUU).

O deseño recolle ademais o Zeitgeist ou o espírito do tempo. Arestora vén de acontecer en Madrid a bienal de deseño Mayrit: unha convocatoria que reúne deseño, arquitectura e arte contemporánea cada dous anos. A reunión ten una enorme capacidade de convocatoria porque apurra as teimas que lle interesan á mocidade no formato que lle interesa á mocidade.

Hai varios galegos á fronte de Mayrit, entre eles Joel Blanco e Miguel Leiro. Nas súas narrativas non atopamos a consecución dun obxecto específico, máis ben están interesados no pastiche, no debate, na ensoñación e na especulación. Moito ten que ver o universo Mayrit con universo de vídeoxogo no que creceron estas xeneracións de creadores. Con eles están presentes tamén en Mayrit os deseñadores belgas Espace Aygo quen crean un espazo co sponsor da empresa galega Finsa. De novo un espazo para a reciclaxe, o emprego de materiais sustentables nunha vontade de experiencia espacial, pastiche, pensamento e debate.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents