Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Plantas heráldicas en Galiza

Cando as flores deveñen símbolos identitarios

A oliveira do Paseo de Alfonso XII de Vigo

Eli Regueira

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

Os elementos botánicos son unha constante nos escudos das nosas cidades e vilas. Din as estatísticas que arredor da metade dos escudos da nosa terra -incluíndo os municipais, familiares, ou os presentes en pazos ou casas fidalgas- presentan flores, pólas, árbores ou similares elementos vexetais. O significado cultural deses elementos, unido ao imaxinario colectivo, lémbranos quen somos fronte aos demais, aínda que esa simboloxía ás veces non é a día de hoxe tan sinxela de interpretar. Ademais, os símbolos mudan de significados co paso do tempo, constituíndo un reflexo vivo das identidades colectivas. É dato a destacar tamén que estas simboloxías mudan da costa ao interior, aparecendo nas zonas costeiras símbolos máis híbridos, comerciais, marítimos, urbanos fronte ao interior onde atopamos simboloxía máis territorial.

Para comezar co que máis nos toca, a oliveira de Vigo revive nestes últimos tempos o seu valor simbólico e asúmese con orgullo como emblema de toda a cidade. Como toda icona, a oliveira funciona como memoria construída, na que se di que a actual oliveira do Paseo de Afonso é filla dunha oliveira orixinaria que estaba sita no adro da Igrexa de Santa María que, segundo a lenda, foi plantada polos templarios. Esta oliveira primixenia resistiu os ataques dos ingleses, a Reconquista, a explosión do polvorín no castelo de San Sebastian e demais vicisitudes históricas que afectaron grandemente á igrexa orixinaria, pero que a árbore resistiu en pé. As obras da actual igrexa neoclásica obrigaron a talar a oliveira pero foi Don Manuel Ángel Pereira quen recolleu unha póla e plantouna na horta da súa casa. Alí medrou e posteriormente pasará a chantarse na súa ubicación actual. En 1917 consolídase o modelo de escudo de Vigo coa oliveira e o castelo, símbolos da defensa e da resistencia da cidade, nun proceso que xa viña fraguándose desde o século XIX.

Se continuamos con este tipo de plantas menos autóctonas, a camelia atopa tamén un lugar destacado. Trátase dunha flor asiática, importada, que se converteu en símbolo de riqueza, gusto e cosmopolitismo e así aparece en múltiples xardíns nobiliarios e espazos burgueses urbanos. Fronte a ella, o carballo, posiblemente a árbore de maior peso simbólico de Galiza. Se a oliveira marca o urbano e a camelia o luxo, o carballo aparece ligado á idea de territorio, forza, continuidade, raíz, orixe. Se nas liñaxes fidalgas aparecía co significado de estabilidade e nobreza, co paso do tempo estendeuse o seu ámbito e pasou mesmo a representar a ecoloxía e unha determinada maneira de entender a nosa terra (o carballo fronte ao eucalipto, por exemplo). E ademais non aparece só, e refórzase o significado simbólico da carballeira, coma lugar da festa comunitaria, símbolos acollidos polo galeguismo decimonónico e polo nacionalismo galego. Árbore frecuente é tamén o loureiro, símbolo histórico de gloria e triunfo, en forma árbore, pólas ou coroas de follas; aínda que tamén aparece como protector e menciñeiro en festas rituais coma o San Xoán. E non podemos pechar sen mencionar o castiñeiro, aquela árbore que durante séculos constituiu a base alimentaria da nosa terra. Neste caso, o seu simbolismo adoita a ser funcional e vital e recolle ademais o significado produtivo e comunitario do souto.

Toda esta simboloxía adopta novas formas nos tempos actuais: a patrimonialización do territorio coa protección dos espazos naturais; o turismo cultural que visita pazos e casas fidalgas e indaga no significado de brasóns e xardíns; no deseño, en empresas tan representativas coma Sargadelos que converte en símbolos contemporáneos e xeométricos as plantas da nosa terra; na literatura e a arte; na marca Galiza… e un sinfín de novos significados e matices que van evolucionando connosco e van constituindo a nosa identidade colectiva.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents