Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Arquitectura/urbanismo

O «efecto 2008»

«Grandes obras» e nova sensibilidade

«Os Redeiros», obra de Ramón Conde situada na Gran Vía de Vigo.

«Os Redeiros», obra de Ramón Conde situada na Gran Vía de Vigo. / Eli Regueira

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

Os últimos anos da xa lonxana crise do 2008 aínda inflúen na maneira na que entendemos a paisaxe urbana. Emerxen así hoxe, en latitudes como a coruñesa, barrios de novo cuño como Monte Mero, co que as saias da península xa rematarán as súas costuras en aceiro e cristal, sen espazo para as casas de mestres de obra ou as vellas quintas decimonónicas de capa caída. Isto ten dobre polémica, a do pequeno que permanece e o grande que chega. O debate cambiou, non sei se para mellor, pois o celo contra o cambio urbanístico e a nova construción, nado dun escéptico e san conservadorismo, pode transformarse en acrobacias arcaicas. Estas, porén, son de moito interese político e escaso interese cidadán, sen vivenda nova asequible na que vivir.

Non vemos igual as grandes intervencións urbanísticas. O 2008 cambiounos. Temos tres escenas significativas. A primeira sitúanos en Vigo, na Gran Vía, arredor das esculturas de Ramón Conde e dese difícil encaixe entre a obra pública e a cidade acelerada, pero a cuestión ten algo de síntoma contemporáneo. A Gran Vía, convertida nos últimos anos nun eixo de mobilidade, de ramplas, fluxos e tránsito peonil, chocou daquela, a finais dos anos 2010, cun símbolo da cidade, o Monumento ao Traballo, tamén coñecido como «Os Redeiros», obra de Ramón Conde instalada ao comezo da Gran Vía.

É unha das imaxes máis recoñecibles da cidade olívica. Nela, sete grosas figuras tiran dunha rede en homenaxe da memoria obreira e mariñeira de Vigo. Cando se discutiu o seu posible traslado, o argumento municipal apuntaba á mobilidade e á seguridade, xa que o monumento, no lugar no que estaba, dificultaría o paso cara ás ramplas coloristas da Gran Vía. Conde mesmo defendeu que «Os Redeiros» fora concibida para aquela localización, e que a súa forza dependía dese lugar concreto, o contacto co comezo da Gran Vía, no punto no que a cidade ascende dende o porto comercial á cidade concentrada. E aí seguen. As imaxes importan.

No caso da Coruña de Paco Vázquez, este quería resolver a vella cuestión de como reconciliar a cidade co seu bordo marítimo. Lamento dicir que aínda non se resolveu. O rexedor encargara ap arquirecoñecido arquitecto Ricardo Bofill, en 1985, redefinir a fachada marítima coruñesa cun proxecto do posmodernismo kitsch de estraños templetes neoclásicos e unha evocación grecorromana moi en consoancia con proxectos do Grupo Tau nesa mesma época, como o desafortunado Pazo da Ópera. Columnas, perspectivas, orde monumental… a proposta prevía reordenar uns cinco quilómetros, do centro a Riazor, con actuacións potencialmente conflituosas por afectar zonas verdes e mesmo esixir expropiacións espectaculares. O delirio rematou co escarnio da prensa e unha vistosa exposición no museo Kiosko-Alfonso.

O 2008 non nos deixou igual. Foi, curiosamente, nese ano cando o Concello de Santiago chegou a formular outra vez a posibilidade de unir a Cidade da Cultura co casco histórico mediante un teleférico. A idea contaba, segundo se explicou daquela, coa procura de financiamento compartido entre socios privados, o Estado, a Xunta e o Concello. A proposta parecía querer solucionar cunha imaxe espectacular a difícil relación entre o Gaiás e mais a cidade real, unha costura que só afinará o tempo, pois o Gaiás sempre padeceu unha estraña condición de illa. A Cidade da Cultura quedou como símbolo epifánico dos felices anos 90, o dun país que quería proxectar grandeza institucional nun tempo de optimismo político e económico. O teleférico, idea recorrente nas campañas, podería encaixar ben inda hoxe, no ambiente barroco e algo distópico dos tristes anos 2020, de feito, seica dous arquitectos volveron sacar á palestra este asunto.

Abrir polémicas necesarias

A cidade de Ourense ten diante un problema urbanístico polémico e máis básico, o seu aire. A recente alerta pola concentración de partículas avisa de que unha cidade instalada nun val ten que repensar o asunto da circulación urbana, e a resposta pasa por revisar cousas cotiás. Como se entra e se sae da cidade, canto espazo ocupa o coche, que transporte público temos, canta sombra hai nas rúas, que zonas verdes funcionan e que barrios quedan máis expostos ao ruído, á calor e á mala calidade ambiental, como aqueles próximos á estación de tren e a necesidade imperiosa de humanizar o barrio do Vinteún. A orografía, en fin, explica parte do problema, aínda que non chega como desculpa.

Por ser unha cidade difícil, Ourense precisa menos dependencia do vehículo privado e máis atención á saúde diaria dos veciños. E si: despois de 2008 aprendemos a desconfiar das grandes promesas urbanísticas. Por iso, amén de escaleiras mecánicas, conviría entender tamén a necesidade positiva, esta vez, de abrir polémicas urbanísticas, pero necesarias.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents