Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Libros destacados da semana

FdV

FdV

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

VV. AA.

Da anécdota ao aforismo

Prosa introspectiva

Pilar Ponte

A través da tradición do diario literario acochado durante anos, o escritor columnista e noutrora profesor de Lingua e Literatura castelá, Xosé Manuel G. Trigo achéganos na súa nova obra un abano de anacos de vida vividos ao longo do tempo que son moito máis que simples historias.

Desta volta o moañés toma como referencia unha idea do médico e humanista Gregorio Marañón, quen afirmaba que a lectura dun diario privado sempre propicia un «diagnóstico freudiano» e expón as múltiples facetas do escritor, ás veces en exceso, en historias que van afondar, neste caso, no recordo («estampas da miña infancia»), na nostalxia e na pegada que deixan as experiencias vitais ao longo dos anos, ademais de explorar, tamén, o encontro e o contraste entre diferentes xeracións e personaxes de diferentes contextos históricos.

A obra recolle os pensamentos, crónicas do cotián e reflexións vitais acoutadas nun período vital concreto, nunha obra onde non se limita a relatar feitos, senón que filtra a realidade a través da memoria e da sensibilidade persoal. O formato autobiográfico non funciona aquí como unha memoria cronolóxica tradicional senón como unha radioloxía íntima da alma do autor, pura prosa introspectiva. O relato estrutúrase a través de anacos de vida vividos ao longo dos anos, cada data capta unha emoción ou un pensamento, non busca contar unha historia con fío condutor e funciona como unha fotografía que lle outorga grande importancia a espazos ou actos da vida rutinaria. Un feito trivial transcende a simple anécdota e convértese nun ensaio breve sobre a lingua, a beleza ou o paso do tempo e mesmo chega ao aforismo filosófico («o único que nos queda é un feixiño de instantes») ou á crónica.

A escrita analiza como o tempo transforma as emocións, os espazos, as persoas e así muda anécdotas sinxelas da vida diaria (unha contemplación ou un paseo) en reflexións filosóficas sobre a condición humana, nun texto acugulado de citas e nomes da cultura universal (Susan Fenimore Couper, Gustave Flaubert, Goethe, Marcel Proust, Louis Antoine de Bougainville, Katherine Mansfield, Truman Capote, Dostoievski...), española (Rubén Darío, Valle-Inclán, Jorge Guillén...) e galega (Otero Pedrayo, Cunqueiro, Pucho Boedo...) que enlaza coa súa vida persoal («Nacín o mesmo ano que Zelda Fitzgerald buliu a morrer (1948)»), para crear unha ponte de achegamento e empatía con quen está a ler.

Imagen

Voos diarios (2026)

Autor: Xosé Manuel G. Trigo

Editorial: Galaxia

Prezo: 15,90 euros

Historia dun vencido

Con introspección psicolóxica

Estro Montaña

Traducida por Moisés Barcia, publica Rinoceronte Senilidade (1898), a segunda novela de Italo Svevo, que nun primeiro momento pasou desapercibida para público e crítica, pero que anos despois tería o recoñecemento de James Joyce. Na novela, Emilio Brentani afronta a dificultade para dominar os seus temores e ambicións e a incapacidade deste escritor e oficinista fracasado para xestionar a relación con outros personaxes: a súa irmá, un escultor, e Angiolina, unha moza da que namora pero que non sabe encaixar na súa vida. A través desta última procurará evadirse dunha existencia abúlica, pero a súa vida é a dun vencido e de novo aparecerá a frustración, porque ela marcha con outro e a súa irmá morre.

Aos trinta e cinco anos Emilio publicara unha novela e non sabía como rematar unha segunda, era un home indeciso, a sede de amor e pracer non foran satisfeitas, a súa vida tiña un regusto amargo e tiña a conciencia de ser débil de carácter. Angiolina representaba a posibilidade de evadirse dese mundo gris; a impotencia para conseguir materializar esa ilusión provocará un retorno á senilidade dun vello de trinta e cinco anos. A tranquilidade, o coidado de si mesmo eliminará calquera outro desexo .

A arte de Svevo consiste en achegarnos os estados de ánimo de Emilio con lucidez analítica, en propoñer a natureza humana e non factores externos como causa que conduce ao trunfo ou á derrota.

Imagen

Senilidade (2026)

Autor: Italo Svevo (trad. Moisés Barcia)

Editorial: Rinoceronte

Prezo: 20 euros

Alén dos medos

Suxestivos escenarios

María Navarro

Presenta Paula Carballeira, en Sombras na noite, a figura dunha muller que decide deixar a cidade e instalarse nunha pequena aldea. A autora vén amosala á rapazada dunha forma sinxela, coa tranquilidade que ela desexa e coa dose de enigma que require a situación. Así, pouco a pouco e de forma sixilosa, vai introducindo as personaxes, a contorna, a flora e a fauna, creando unha atmosfera de escenarios suxestivos que activan a imaxinación, aderezando con algunhas pingas de humor que permiten rebaixar a tensión para que o medo sexa asumible e que, ao final, devolva a orde a Vilariño e a paz á protagonista.

Enfrontarse ao misterio literario ensínalle aos rapaces e rapazas unha lección de vida fundamental: non sempre hai que temer o descoñecido, senón que se pode investigar, comprender e superar. O medo aliméntase da escuridade e da falta de información, a acción implica facer preguntas e observar sen xulgar de antemán e o efecto supón dar o paso de explorar, transformar unha emoción pasiva nunha actitude activa e dinámica que alimenta a curiosidade. Sombras na noite fai boa a idea de Marie Curie, quen aseguraba que na vida non hai nada que temer, só hai cousas que comprender. Agora é momento de comprender máis para temer menos xa que, en palabras de Carballeira, «quen morre con medo, non descansa. Quen vive con medo, tampouco.»

Imagen

Alén dos medos (2026)

Autor: Paula Carballeira (ils. Iván R.)

Editorial: Triqueta

Prezo: 19,95 euros

O soño que nos mira

Desacougo e indagación

Oriana Méndez

A colección FABA, impulsada por Fabulatorio e dirixida por Jesús Castro Yáñez, inaugúrase con dous títulos que permiten albiscar unha orientación editorial: Desprender no sono, tradución ao galego de Alice Oswald realizada polo propio Castro Yáñez, e Primeiro espello, da recoñecida poeta Olalla Cociña. Ambos os volumes, distintos en rexistro, comparten interese pola exploración da experiencia non ordinaria. Mentres Oswald traballa a relación co mundo natural e coa oralidade, Cociña constrúe un espazo ligado ao soño e á fragmentación da conciencia.

Os poemas de Primeiro espello avanzan por asociacións de imaxes e escenas, con aparicións domésticas —cans, gatos, paxaros de papel— que entran no texto desprazadas do seu uso ou do seu contexto habituais. Son os elementos escordados do corpo do poema. E a pegada que os textos deixan na lectora é transcendente. Ildefonso Rodríguez fala no prólogo dunha «confraría dos contasoños», entendendo que o libro fai do soño unha forma de coñecemento. Esa idea resulta útil para entrar no conxunto: transformar o soño nunha materia verbal exacta, ora inquietante, ora luminosa.

«O que tu non dis pero eu sei, é meu? / De quen é o que sei que pensas pero non dis?», formúlase nun dos poemas máis fascinantes, que evidencia un desacougo e unha indagación presentes nos poemas: o que sabemos das cousas tamén pode ser tan só unha posibilidade.

Imagen

Primeiro espello (2026)

Autor: Olalla Cociña

Editorial: Fabulatorio

Prezo: 15,20 euros

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents