Arte: exposicións
Un futuro para o CGAC
Por un humanismo de locus

Membros da asociación Vegliota protestan no CGAC contra a decisión da Xunta de nomear a Eva López Tarrío como directora do CGAC. / Xoán Álvarez
A situación creada polo novo método de elección de dirección do Centro Galego de Arte Contemporánea, imposto pola Xunta de Galicia desde a Consellería de Cultura, quebra o modelo de xestión do museo referencial da arte contemporánea no noso país. O centro compostelán sempre estivo dirixido desde o ámbito profesional, o que implicaba -cos seus altos e baixos- unha vontade de autonomía da institución que entendía que a misión do museo estaba ligada á xeración de debates, á creación de coñecemento e á defensa do patrimonio, desde criterios de rigor homologábeis con outros centros do ámbito internacional. Con todo, non se pode agachar que os problemas do CGAC non son froito exclusivo de decisións das últimas semanas, e que a súa crise debe contarse por anos e non por días.
Persoalmente, e desde as páxinas do «Faro da Cultura» do FARO DE VIGO, e desde outros medios, seguín e sigo con atención e interese o traballo desenvolvido polo centro, que supuxo nas súas etapas iniciais unha mudanza radical no noso contexto cultural con exposicións homologábeis a institucións internacionais e cunha programación: cursos, conferencias, ciclos, de importancia para todo o país, que achegou as novas xeracións ao goce da arte contemporánea, aspecto este último do cal puiden dar fe como profesor.
Considero especialmente preocupante, como xa foi manifestado por diversos profesionais ao longo das últimas semanas nunha auténtica enxurrada de declaracións e posicionamentos, a vontade da administración de ligar o futuro do CGAC a eventos «xacobeos», un modelo de cultura «turistificado», alleo á vitaliadade do medio cultural galego e fondamente vulgarizador.
É obvio que a elección de dirección funcionarial, contraposta ao ámbito profesional, é dicir, a elección non realizada mediante concurso público, pretende reforzar un modelo de programación dirixido desde arriba e absolutamente alleo a criterios de excelencia. No momento penoso en que está a cultura dependente do sector público no noso país, este tipo de prácticas lévanos case que con certeza á defunción do museo tal como o coñecemos e á súa conversión noutro novo espazo inerte para a vida cultural, infelizmente algo abondo repetido no noso presente.
Xerar coñecemento
Hai xa algúns anos, o historiador de arte Jean Clair avisaba do perigo da utopía totalitaria do global –hoxe representada por un mercado especulativo que esgana o territorio e espalla un consumo rápido de imaxes e de lugares–. Ao tempo, sinalaba o mesmo ensasísta que precisabamos como alternativa un humanismo do locus, unha comunidade de memoria e futuro. O noso contexto artístico insírese, pois, nesa problemática a nivel universal mais non está exento de singularidade, creatividade e dunha reflexión sobre esta problemática. A resposta dada estes días polos nosos creadores e axentes culturais, claremente posicionados, implica un nítido compromiso reflexivo. É unha mostra de que o presente artístico continúa a ser un ben común e que existe unha clara vontade de creación desde a unha dialéctica marcadamente crítica, cunha vontade de abertura ao mundo desde unha intensa percepción do medio cultural máis achegado ao territorio e os seus problemas inmediatos.
Lonxe dun modelo de turismo de baixo custe, un centro como o CGAC debe ser un espazo para xerar coñecemento reflexivo sobre a arte actual e sobre o pasado máis inmediato, para establecer pontes entre o ámbito galego e o internacional, para dialogar co mundo creativo e docente, en resumo debe contribuír ao asentamento dun espazo democrático de creación e debate, alleo á infantilización do consumo pseudocultural que nos asalta. Un espazo que permita contemplar a cultura como o que é: «algo natural», lonxe dunha visión da creación artística como un obxecto contemplado e fosilizado, ben pola contra, que nos presente as artes como cousas vivas, cun pasado e unha realidade actuante que as ilumine e dote de significados mudábeis.
Suscríbete para seguir leyendo
- Sargento Matanza, el militar que hará el salto de precisión en paracaídas el Día de las Fuerzas Armadas: «Me tiro una media de cinco veces al día»
- La Xunta recomienda mascarillas y gafas en la calle ante la llegada de partículas en suspensión del Norte de África
- Olalla, acogedora de dos hermanos con dedicación exclusiva: «Ni lo haces por ti ni por trabajo o vocación, es una forma de vida»
- Los científicos alertan de que el megayacimiento de gas entre Mauritania y Senegal, la infraestructura más profunda de África, pone contra las cuerdas a la pesca
- Una boda de altura, mucho baile, visita a Urgencias y una luna de miel sobre ruedas
- El Día de las Fuerzas Armadas en Vigo, minuto a minuto
- Armón Vigo se estrena en buques militares con la botadura del «HMS Sälen», el primer barco para la Armada de Suecia
- La Comisión Europea plantea que los aeropuertos de Oporto y Santiago no puedan ofrecer ayudas a las aerolíneas