Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Arte/sociedade

Cidades murais

A expansión en Galicia

Mural de Lula Gocena avenida da Florida (Vigo).

Mural de Lula Gocena avenida da Florida (Vigo). / FDV

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

A arte urbana convive cunha realidade incómoda: a da súa propia desaparición. Moitos dos murais que hoxe visten as rúas de Vigo naceron para combater o «feísmo» arquitectónico, cubrindo as paredes espidas tras o derrubo dalgún edificio. Así, nese xogo intermitente de ausencias, o baleiro énchese de cor. Pero a cidade móvese e, cando unha promotora decide comprar un soar abandonado, esa beleza transitoria cédelle paso á súa propia razón de ser.

Agora, unha nova promoción de vivendas á altura do número 43 da Avenida da Florida fará desaparecer un dos murais máis recoñecibles de Lula Goce (Baiona, 1976). Tamén, un dos máis celebrados: a prestixiosa plataforma Street Art Cities situouno, en setembro de 2020, entre os mellores do mundo. Mais a arte urbana é, por definición, efémera: a pintura que un día serviu para maquillar unha ferida queda sepultada por outra capa de cemento.

E isto xa era así antes da existencia do proxecto Vigo, cidade de cor. «Débese trazar unha liña entre o muralismo clásico e o novo muralismo contemporáneo», sinala a investigadora polaca Antonina Wróbel na súa tese doutoral sobre a identidade galega na arte mural. Foi na primeira metade do século XX cando un grupo artístico coñecido como Os Renovadores, entre os que se atopaban Luís Seoane, Manuel Colmeiro e Carlos Maside, fixo das paredes un soporte colectivo. Cada un deles seguía o ronsel da tradición pictórica, ao tempo que difuminaba as fronteiras da creatividade. Levaron a arte aos espazos públicos, nun diálogo coa veciñanza que comezou moito antes das «medianeiras» pensadas para Instagram. Décadas despois, cos graffitis dos anos 80 e 90, xurdiu unha nova linguaxe visual: máis híbrida, popular e intimamente vencellada á rúa. Aquelas intervencións, aínda chamadas a desaparecer, funcionaban como unha forma de apropiación do espazo urbano. Co tempo, esa expresión marxinal foi entrando nas institucións e nos programas públicos, ata converterse nun dos símbolos máis visibles da transformación estética nas cidades.

«Un mural é tamén unha forma de negociar a identidade», puntualiza a investigadora. A referencia é clara: sobre as paredes proxéctase un potente imaxinario popular que vai desde escenas cotiás ata símbolos e tradicións reinterpretadas cunha ollada contemporánea. Nese diálogo entre memoria e presente, Yoseba MP converte as mulleres maiores do rural en figuras case sobrenaturais, reivindicando un traballo tantas veces invisibilizado; mentres que Mon Devane inmortalizou en Coia a ostreira, unha coñecida mariscadora do barrio que dedicou a súa vida a este oficio.

Na actualidade, a expansión do muralismo ten moito que ver co impacto dos festivais de arte urbana. En Ferrol, «As Meninas de Canido» leva transformando desde 2008 un barrio degradado nun museo espontáneo ao aire libre, a través de múltiples reinterpretacións da obra de Velázquez. Na mesma liña, Desordes Creativas – impulsado por membros do grupo musical Dios Ke Te Crew – contribuíu á profesionalización dunha escena muralista que acabaría explotando ao longo dos 2000. Foise configurando así un arquivo visual no que mesmo os rostros de figuras históricas como Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán ou Maruja Mallo conversan coas paisaxes urbanas da Galicia contemporánea.

Agora ben, cara onde vai esta nova dimensión? Antonina Wróbel advirte dunha contradición: se ben o mural embelece, dignifica e atrae visitantes, tamén «pode levar á estetización dos problemas sociais e urbanos, onde un cambio superficial na imaxe da cidade enmascara problemas estruturais máis profundos». O risco aparece cando a cor substitúe o debate. A cidade móvese, constrúe e borra; e a arte urbana comunica, mesmo desde a súa desaparición.

O risco da cidade-postal

Que existe un boom do muralismo en Galicia é evidente. Non sucede só en Vigo: concellos como os de Oleiros, Ordes, Carballo ou Santiago levan tempo promovendo a conversión das medianeiras en grandes lenzos para reconfigurar a paisaxe urbana. Significa isto que estamos perante un cambio na forma de valorar e entender a pintura? Se no século XVIII, ante a ausencia da fotografía, esta cumpría unha función de rexistro histórico documental, cal é o seu papel agora?

Alén de analizar cada peza en si mesma, o muralismo actúa como un catalizador da chamada «xentrificación artística». É dicir, a arte urbana incrementa o atractivo visual das cidades máis alá dos museos, eleva a visibilidade dos barrios e favorece a chegada de investimentos inmobiliarios e novos residentes. Nun contexto cada vez máis institucionalizado, os murais adquiren tamén unha dimensión de marketing cultural. Especialmente, nunha sociedade marcada pola inmediatez das redes sociais, onde o «instagrameable» cobra unha singular presenza.

Nesa contradición convive boa parte do muralismo actual: entre a vontade de humanizar e preservar a identidade artística galega e o risco de converter a paisaxe nun produto visual. «Nunha postal para os visitantes», matiza Antonina Wróbel na súa tese. Agora ben, a arte urbana segue abrindo espazos de encontro e mirada compartida, mentres a cidade cambia.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents