Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A palabra perfecta

Construír a precisión

Traballo de dixitalización.

Traballo de dixitalización. / RAG

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

Lin nun artigo que «escribir guións de cinema ou literatura implica ter o tempo para reaccionar sobre o que falta na vida. É construír diálogos que no día a día xamais poderían ser tan perfectos». Porén, valorar por riba de todo a racionalidade como se fose a única forma de abordar o coñecemento, e deixando fóra a espontaneidade e a intuición, non devén desexábel. Unha parte moi importante da vida xógase intuitivamente. Pero o máis importante da afirmación é que o mundo entra no cerebro: trátase dun mundo abarcábel por el? A esta complexidade hai que engadir que tomamos moitas decisións dende lugares descoñecidos para nós, e non me refiro a unha cuestión funcional ou estrutural do cerebro senón dende espazos e estados mentais con acceso, digamos, restrinxido.

Non está no meu ánimo cuestionar o acerto de expresións e oportunidades formidábeis do cinema; como non lembrar aquela pistola que apuntaba, acompañada da célebre frase «Falas conmigo?» de Travis Bickle en Taxi Driver ou quen non pensou alguna vez en Marlon Brando preto de pronunciar aquel «vou facerlle unha proposta que non poderá rexeitar», de Vito Corleone. Son perfectas porque só hai unha opción no devir dos feitos e temos consciencia desa única posibilidade que ofrecen. É probábel que, postos a utilizar a fórmula, o río da vida non siga o mesmo curso.

Outra cuestión na afirmación que nos ocupa é «o tempo para reaccionar sobre o que falta na vida.» Sería conveniente cambiar o verbo «reaccionar» porque reaccionar implica non ter tempo, por iso mesmo reaccionamos. Reaccionar é unha acción preconciente e iso é o que facemos na vida real. Se a vantaxe do guionista é o tempo, entón temos que falar de reflexionar ou racionalizar; é dicir, responder. Porque comparar reaccionar con responder é como igualar o parloteo espontáneo da mente co pensamento, e estes son fenómenos con atributos diferentes. Quen ten tempo, ten a posibilidade de responder e non de reaccionar. Mais reaccionar ás veces está moi ben, xa que sentarse a elaborar a mellor resposta non é moi axeitado se estamos ante un conato de incendio na casa ou cando colles o neno da perna antes de que caia da cama.

Non imos negar que atopar a palabra xusta ás veces é importante. Pode que se falas cunha persoa que intenta facerte corresponsable de algo que non vai contigo, Clark Gable resulte inspirador: «Francamente, querida/o, non me importa un can». Seguramente para algúns é máis importante ter a palabra xusta que para outros. Se eres xuiza ou xuíz, ter a palabra xusta é dobremente importante polo que atañe ao significado xurídico do concepto pero tamén pola concreción, porque un xuíz dando rodeos, máis que xuíz, é un torturador. No entanto tamén hai algo de rixidez na palabra «xusta» porque se xusta significa exactitude, non parece que reflicta as posibilidades infinitas da realidade. Tamén hai xente namorada da provisionalidade e eses son moi creativos e nada afeccionados ás palabras xustas. Para ter a palabra xusta tes que estar disposta a non probar novas respostas. E que pasa cos perfeccionistas? Esas persoas que sempre pensan en facelo un pouquiño mellor, o «xusto» acaba con esa ilusión, sería unha pena! Os idealistas, son tamén un bo exemplo, dan rodeos para mellorar, non se conforman; para eles o «xusto» nunca pecha todo.

Entón, atopar a palabra xusta non é unha cuestión de tempo senón de poder, porque o escritor é deus e na vida real, como moito, somos serafíns. En realidade, o cinema e mais os libros son «o material co que se forxan os soños», están precisamente para proporcionarnos a fantasía de ter as palabras xustas, e que bonita é a fantasía! porque cando estamos no fragor da batalla, carecemos da distancia suficiente, do tempo e do poder para construír diálogos precisos, pero despois de todo, como diria Osgood Fielding III en Con saias e a rachar: «Ninguén é perfecto».

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents