Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Libros destacados da semana

FdV

FdV / FdV

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

VV. AA.

Fóra apocalípticos e integrados

A cartografía do noso presente

Lois Alcayde Dans

Dentro dun mundo que pide mapas de navegación vén saído do prelo un ensaio escrito cunha prosa rica, precisa e moi ben alimentada de referencias. Hai en Agora non é antes, de Antón Baamonde (Galaxia, 2026) unha vontade honesta de pensar o presente galego e europeo para hoxe e non para onte.

Baamonde escribe desde unha tradición progresista recoñecible, que lle dá personalidade ó libro, mais tamén explica algunhas das súas limitacións. O ensaio semella, ás veces, preso dunha certa incomodidade diante da emerxencia dun mundo conservador que xa non pode ser despachado só como anomalía ou residuo do pasado. A lectura dese espazo ideolóxico é, ás veces, máis defensiva ca dialóxica, coma se ao autor lle custase conceder densidade intelectual ou histórica ao adversario. Esa distancia impide ampliar o marco da análise e comprender mellor por que certas ideas e malestares gañan hoxe capacidade de interpelación social..

Porén, o ensaio acerta, e de cheo, ó sinalar unha terceira vía ben clara para entender unha Galicia moderna, urbana e de clase media. Unha vía desatendida, como ben referencia, quer por unha tradición política «integrada» que quere ancorarse nun rural bucólico e nun pasado determinista, quer por unha vía «apocalíptica» inda hoxe nas coordenadas maoístas previas á caída do Muro de Berlín. É, en fin, a obra dun autor lúcido ante unha época que xa non encaixa nos mapas recibidos. É un ensaio en Galicia que provoca, que abre melóns (ben!) e que nos fala dunhas coordenadas de aspiracións altas e non de complexos cainitas.

Imagen

Agora non é antes (2026)

Autor: Antón Baamonde

Editorial: Galaxia

Prezo: 23,60 euros

A terra dos devanceiros

Sorpresiva lectura

Xosé Feixó

A saga do desarraigado, de Francisco A. Vidal (Palmeira, Ribeira, 1957), é unha novela publicada por Morgante e ambientada entre as costas da Bretaña, Galicia e as terras frías de Xutlandia, onde o autor explora as raíces, a identidade e o desarraigo. A historia segue a Nuno —Ivar Penca Negra, un rapaz de 18 anos—, fillo dunha escrava galega e dun cabaleiro desaparecido, criado entre normandos baixo a disciplina do ferro e a voz dun monxe. Desde a soidade e o arrepentimento, o protagonista reconstrúe a súa vida e foxe dun destino imposto, lanzándose ao océano para buscar a terra dos seus devanceiros.

O regreso a Galicia convértese nunha viaxe interior marcada pola tensión entre dous mundos: o Valhalla e o Paraíso, a espada e o pergamiño, o sangue normando e a memoria galega, combinando aventura, reflexión e rigor documental, moi traballado para acadar o perfil axeitado, sobre as incursións normandas, ao tempo que afonda na loita dos emigrantes por atopar un lugar propio.

Destaca o texto pola axilidade narrativa, polas sorpresas argumentais e mais a capacidade do autor para ser quen de trasladar ao século XI un conflito universal: o medo ao alleo, a procura das orixes e a batalla íntima por decidir quen somos realmente. Sen dúbida de lectura agradable, recomendable e sorpresiva, á que o lector sentirase atado.

Imagen

A saga do desarraigado (2026)

Autor: Francisco A. Vidal

Editorial: Rinoceronte

Prezo: 19 euros

A voz das esquecidas

Unha biografía novelada

María Navarro

As personaxes de Circe ou o pracer azul e de Morgana en Esmelle, a través dun recurso narrativo máxico e moi potente, abandonan a tinta para darnos a benvida ao universo de Begoña Caamaño, de modo que as criaturas reinterpretadas dirixen a súa ollada cara a un aspecto da vida e da obra da homenaxeada nas Letras Galegas 2026 para permitir que o lectorado se achegue dende unha perspectiva singular a esta figura imprescindible da literatura contemporánea.

Da man de Penélope coñeceremos a súa infancia no barrio do Calvario en Vigo, e anos nos que «a imaxinación e as palabras se entrelazan»; Morgana falará do seu paso pola radio; Xenebra do seu tempo como xornalista e Circe narrará o seu activismo feminista e cultural. Ademais tamén tomará a palabra Begoña para dirixirse ás catro mulleres e agradecerlles a súa voz no proceso de construción dun mundo mellor, para que deixen de ser «ecos de epopeas alleas» e «pezas de xadrez inventado por homes» e deveñan «sementes de palabras, para quen queira continuar o camiño». Un epílogo no que se fai referencia a cuestións que teñen que ver cos seus derradeiros días e a pegada das súas novelas e do seu activismo pecha a biografía novelada que leva por título Begoña e o pracer da amizade.

A artífice do volume, Beatriz Maceda, convídanos neste volume, dunha forma maxistral, «a descubrir a forma da amizade, a importancia da memoria e o poder das mulleres quen, como Begoña, lles devolveron a voz ás esquecidas».

Imagen

Begoña e o pracer da amizade (2026)

Autora: Beatriz Maceda

Editorial: Xerais

Prezo: 12,30 euros

Tomar posición

Os aforismos inéditos de Celso Emilio

Laura Paz Fentanes

Poemáforos de Celso Emilio Ferreiro, editado e prologado por Amara Doceval e epilogado por Ledicia Costas, é o segundo libro (e o que fecha os inéditos galegos do autor) da colección «Moraima» da Editorial Elvira, iniciada con Pido unha patria ao mundo(2025).

O aforismo é unha forma con orixe na Antiga Grecia, de contido que vai dende o literario até o filosófico e cun carácter que parece indiscutíbel. Quizais por iso, Poemáforos, escrito hai case 60 anos, garda tanta vixencia. Ferreiro escribe sobre a poesía, a función do poeta, a loita de clases, a xustiza social, a emigración, o galeguismo, a liberdade, a política, a relixión, Celanova... Composicións nas que non está exento un veo de humor, que lle outorga aínda máis forza ás sentenzas.

A obra remata con algunhas citas doutros escritores. Ademais, inclúese outro material de igual interese. A cronobiografía de Ferreiro dende os anos 30 até o seu falecemento, dende a Celanova natal, pasando por Pontevedra, Vigo e Venezuela (precisamente en Caracas, a comezos dos 70 e con 60 anos, é onde escribe estes aforismos) até Madrid. E a reprodución dos autógrafos cedidos por Antón Patiño, quen lle enviara ao poeta as 500 postais para que llas devolvera cos textos que hoxe vén a luz. Se eu non consigo animarvos a ler o libro, que o faga o propio autor, porque como diría el «Leer (sic) poesía galega / é xa tomar unha posición».

Imagen

Poemáforos (2026)

Autor: Celso Emilio Ferreiro

Editorial: Elvira

Prezo: 22 euros

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents