Mercedes Ruibal e Agustín Pérez Bellas
Arte en parella no Museo de Pontevedra

«Figura» (1954), obra de Mercedes Ruibal, á dereita en 1971. / Museo de Pontevedra / Cameselle
Celebrando o centenario do nacemento Mercedes Ruibal (Pontevedra, 1926- Madrid, 2003), o Museo de Pontevedra revisa a traxectoria artística da pintora e mais da súa parella, o arquitecto e pintor Agustín Pérez Bellas (Vigo, 1927-1982). Con estancias formativas en Italia, onde se relacionan intensamente con Rafael Alberti, esta parella de artistas mantivo contactos con boa parte da intelectualidade española e galega.
Os inicios de Mercedes Ruibal cómpre situalos na Arxentina, onde se forma a carón de Laxeiro e nas súas visitas aos museos de Buenos Aires. De alí retorna a Galicia a finais dos anos cincuenta. Ruibal é dona dun estilo que poderiamos balizar entre referentes do movemento renovador da arte galega d’Os Novos, en especial Laxeiro, e os ecos da pintura informalista que se manifestan en boa parte da figuración dos anos sesenta e setenta no seu ámbito formativo arxentino e tamén no contexto galego e español. No que atinxe á nosa artista, velaí está o conxunto da súa obra desde finais dos cincuenta como proba desta asimilación de referentes estéticos, aos que suma unha intensa ollada social e de compromiso antifranquista.
A pintura de Mercedes Ruibal aparece imbricada nos dificultosos esforzos modernizadores que se desenvolven no espazo cultural galego destes anos, nun contexto en que os maiores contactos internacionais e a propia dinámica interna fai que vaian aparecendo síntomas de renovación que favorecerán a eclosión artística. Que Mercedes Ruibal supera estas dificultades percíbese con toda rotundidade ao contemplarmos o seu traballo de finais dos sesenta e inicios dos setenta de temática social, co pano de fondo da ditadura franquista, obras de intensa forza plástica e calidade que proxectan o profundo desacougo que causa o seu tratamento da figura humana, tendo como tema os conflitos bélicos e políticos dos anos sesenta e setenta: Vietnam ou o golpe de Estado en Chile.
Ao tempo, é evidente que a investigación plástica de Mercedes Ruibal se fai en diálogo coa tradición –unha tradición que é moi afín ao popular e ao escultórico, como acontece con moita arte galega– escolmando dela elementos significativos, perseguidos de xeito obsesivo, e cheos, nos mellores momentos, de intensa forza plástica. Desde os retablos e tímpanos de igrexas rurais até boa parte da tradición pictórica figurativa, sérvese de elementos de grande alento expresivo para forzar a rosca, para escavar todo o pasado artístico, mais coa plena consciencia de que se fai parte del.
As tintas de Pérez Bellas
A obra de Agustín Pérez Bellas -maioritariamente tintas negras-, moi diferente, ten un carácter fortemente expresionista. A súa figuración está chea de mulleres e homes mergullados en mundos enserillados entre soños e xogos ocultos, con figuras enleadas en perigosas ligazóns, ás veces con evidentes alusións eróticas. Nas obras centradas na presenza feminina mostra outra das características que singularizan o seu estilo, como é a capacidade de recrear e transmitir os sentimentos e emocións humanas con suxestións cargadas de confusas alusións, facendo que se respire frecuentemente unha tensión psíquica, sexual ou de opresiva violencia.
O mundo creado polo noso pintor é, daquela, unha mestura de testemuños de perversidade e dominio, un mundo recoñecíbel e que ten un contexto social recoñecíbel no seu tempo histórico. É unha pintura envolvida nunha atmosfera tensa mesmo cando recrea temas clásicos. Son temas que permiten reelaborar os xogos e tensións psicolóxicas entre os personaxes, os ollares, os movementos convulsos e tamén favorecen o estudo compositivo.
En Pérez Bellas observamos, xa que logo, algunhas das características destas correntes figurativas contemporáneas máis creativas como é a tensión entre obxecto e abstracción, evidenciando a dialéctica interior-exterior e suxeito-obxecto, facendo agromar os equilibrios inestábeis e os desprazamentos a respecto da experiencia habitual da realidade que está en condicións de provocar no observador unha intensificación misteriosa das súas capacidades emotivas, mantendo a tensión entre a descrición puntual e a narración, nun universo que abale entre a crueza e a sensualidade.
Suscríbete para seguir leyendo
- Sargento Matanza, el militar que hará el salto de precisión en paracaídas el Día de las Fuerzas Armadas: «Me tiro una media de cinco veces al día»
- La Xunta recomienda mascarillas y gafas en la calle ante la llegada de partículas en suspensión del Norte de África
- Olalla, acogedora de dos hermanos con dedicación exclusiva: «Ni lo haces por ti ni por trabajo o vocación, es una forma de vida»
- No cojas pájaros del suelo: la Sociedad Española de Ornitología recuerda lo que debes hacer si encuentras una cría fuera de su nido
- Los científicos alertan de que el megayacimiento de gas entre Mauritania y Senegal, la infraestructura más profunda de África, pone contra las cuerdas a la pesca
- El Día de las Fuerzas Armadas en Vigo, minuto a minuto
- Armón Vigo se estrena en buques militares con la botadura del «HMS Sälen», el primer barco para la Armada de Suecia
- Hallan con vida a la vecina de Beade desaparecida desde el domingo por la tarde