Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Conxuras contra unha raíña

As desventuras de Xoana de Castela

Fotograma de «Juana la loca» (Vicente Aranda, 2001).

Fotograma de «Juana la loca» (Vicente Aranda, 2001).

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
Joaquim Ventura

Joaquim Ventura

Resulta evidente que a historia das monarquías non deixa de ser a dunhas familias e non as de nacións ou estados. Tal circunstancia resultou inigualable cando os Trastámara de Castela (Isabel) e de Aragón (Fernando) quixeron casar a súa filla Xoana co arquiduque Filipe, dos Habsburgo que dominaban Flandres e Borgoña e na persoa do seu pai, Maximiliano I, o Sacro Imperio Xermánico.

No tránsito entre os séculos XV e XVI comezaban a cambiar as estruturas políticas europeas, tanto no seu interior como de cara ao exterior despois da chegada ao Novo Continente. Francia pretendía dominar a centralidade de Europa pero os seus adversarios, Austria, Inglaterra e Aragón, facían por impedilo. O flanco feble era o sur de Italia, cara a onde se orientaba a política de Fernando de Aragón; Castela, orientada á aventura americana, escapaba da rivalidade con Francia.

O tradicional comercio de la castelán tiña bos mercados en Flandres, circunstancia que favoreceu a unión matrimonial de Xoana co primoxénito do emperador. Unha vez instalada en Bruxelas, se ben se adaptou aos costumes flamencos, non deixou de padecer de soidade desde o primeiro momento, dedicada á tarefa de xerar herdeiros.

Xa cando a parella volveu a terras ibéricas, o primoxénito Carlos quedara en terras belgas. As ausencias e os desprezos do arquiduque seguían a consumir as enerxías da súa muller. Morta Isabel I en 1504, a coroa de Castela pasou formalmente a Xoana. No entanto, tal circunstancia chocaba cos intereses, converxentes, de Filipe de Habsburgo e de Fernando de Aragón. Ben axiña, as arroutadas que Xoana tivera en terras flamencas serviron para que marido e pai acordasen que, se ben conservaba a potestas, perdese a capacidade de gobernar.

Sobre estes asuntos, Eduardo Juárez Valero vén de publicar Juana de Castilla (Ático de los Libros). Trátase dun traballo ben documentado a partir de fontes primarias que sitúa aquela encrucillada de intereses que aragoneses e flamencos e borgoñóns tiñan por controlar o apetitoso botín que era a Castela que encetaba o século XVI. Trátase, pois, dunha análise que desbota, como non podía ser doutro xeito, a utilización posterior que a historiografía institucional, ao servizo de poder, fixo da suposta tolería que afectaba á raíña. Unha loucura que non sería tal se atendemos ao seu comportamento cando, no seu retiro forzado de Tordesillas, pasou a ser a esperanza personificada da revolta comunera. Sen tomar parte activa nela, non rexeitou a posibilidade dunha monarquía protoparlamentaria como a que propoñía a Santa Xunta.

A actuación das tropas ao servizo do emperador Carlos I, coa derrota dos seus opositores en Villalar, sentou as bases para que os monarcas que o sucederon fixesen das terras de España a súa finca particular ao longo de séculos. Aldraxada e esquecida a figura de Xoana de Castela, non foi ata a aparición do liberalismo cando foi vindicada, canda os comuneros, como símbolo de resistencia fronte ao absolutismo real. Porque, malia lecturas recentes que fixeron de Xoana unha muller empoderada, Juárez Valero sinala que a persecución que padeceu foi por razón de poder e da misoxinia dos seus agresores. Foi apartada do trono, entón, por representar a legalidade castelá que tanto Isabel I, no seu testamento (con boa intención), como despois o dúo Filipe e Fernando, e tamén o seu fillo e neto Carlos, vulneraron.

Pasados os séculos, Xoana foi representada cos ideais do romanticismo: amor tráxico e imposible, ambiente de terror e escuridade, presenza da morte. Cunha fixación icónica contemporánea: Locura de amor (Juan de Orduña, 1948). Unha película posta ao servizo da exaltación da figura dos Reis Católicos e do emperador Carlos. Da Coroa e de Deus en suma.

Restos do castelo de Andrade (Pontedeume).

Restos do castelo de Andrade (Pontedeume). / FdV

Un gardián galego

A pesar da condición periférica de Galicia -no xeográfico e no político- naqueles anos, estivo presente no devir de Xoana de Castela. A primeira presenza foi a súa viaxe de regreso de Bruxelas, unha vez casada con Felipe de Habsburgo. Un percorrido que, ao longo de catro meses, buscaba a vasalaxe da vella Castela.

Procedentes de Asturias, entre o 1 e 10 de marzo de 1502 pasaron por Ribadeo, Vilalba, Betanzos, Compostela, Melide, Guntín, Portomarín e Sarria, camiño do Bierzo. Unha vez instalado, o arquiduque quixo coñecer as rendas dos señoríos e das dioceses. Santiago era a terceira, moi por diante das de Mondoñedo, Lugo, Tui e Ourense. Nas Cortes de 1520, reunidas en Compostela e A Coruña, nas que Alonso de Fonseca III vindicou o dereito de Galicia a participar, despois que pasase a Zamora.

Pero a presenza galega máis próxima á raíña Xoana foi a do conde Fernando de Andrade das Mariñas, sucesor interino do valenciano Luís Ferrer na tarefa de mordomo mor protector. Este nobre galego, señor de Ferrol e de Pontedeume, era contino da casa real de Isabel I e participara nas guerras de Granada e de Italia, polo que gañou a confianza de Fernando de Aragón. Co duque de Lemos, asegurou ao arquiduque o porto coruñés cando en 1506 regresou á península ibérica.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents