De trísceles e cruces emboladas
O castro de San Vicenzo de Avión

Detalle da cabana con adro e fogar central no castro de San Vicenzo de Avión. / Alberte Reboreda
No alto dun outeiro que domina a cabeceira do río Avia, o castro de San Vicenzo de Avión preséntase como un dos enclaves máis suxestivos da arqueoloxía do interior de Galicia. Apoiado en grandes bolos graníticos, este asentamento romanizado da Idade do Ferro (posiblemente entre o s. II a. C. e o s. I d.C.) permite reconstruír, paso a paso, a vida das comunidades humanas que habitaron estas alturas estratéxicas durante a prehistoria recente.
Situado a 612 metros de altitude, a aldea fortificada domina visualmente a contorna e aproveita as condicións defensivas do relevo. O asentamento organízase mediante un complexo sistema de socalcos artificiais e catro murallas concéntricas que rodean a croa polo sector noroeste, adaptándose á forma do outeiro. Estas terrazas permitían crear espazos habitables e facilitar a circulación interna, ao tempo que reforzaban a protección do poboado fronte a posibles ameazas exteriores.
As escavacións arqueolóxicas desenvolvidas dende 2023, primeiro baixo a dirección de Andrés Rodríguez e logo con Jorge Lamas, revelaron unha organización interna máis complexa do que a simple vista poderíamos supoñer. Entre as estruturas máis salientables da última campaña, que acaba de concluír, destaca unha que posúe un fogar central delimitado por pequenas pedras fincadas, o que indicaría o seu uso como espazo doméstico principal. Ao sur desta cabana aparece unha estrutura rectangular de maiores dimensións, aínda que cun solo erosionado, que posúe múltiples buratos de poste. Isto suxire -en opinión de Lamas- a existencia de cabanas lixeiras construídas en madeira, anteriores á construción -en pedra- das vivendas dos habitantes do castro durante o proceso de artellamento da muralla.

Vista aérea do castro de San Vicenzo de Avión. / Breogán Arqueoloxía
Outro dos elementos máis reveladores é a presenza de canalizacións, asi mesmo de pedra, destinadas á evacuación da auga de chuvia, un sistema que evidencia un coñecemento preciso do terreo e unha planificación consciente do asentamento. Na zona máis elevada da acrópole acumúlanse derrubes que apuntan á existencia de estruturas de maior entidade, aínda pendentes de escavación, o que deixa aberta a porta a futuros achados de gran relevancia.
O estudo do castro combina métodos tradicionais e tecnoloxías avanzadas. As sondaxes realizadas en 2023 permitiron localizar os primeiros muros significativos (a porta da acrópole, restos de cabanas de planta circular e rectangular, abondoso material cerámico), mentres que o uso de xeorradar en 2025, aínda con resultados limitados pola densidade do substrato pétreo, abriu novas vías de exploración. A fotogrametría e o emprego de drons están a ofrecer, pola súa banda, unha visión global precisa do conxunto.
Os materiais recuperados permiten situar a ocupación do castro entre a Idade do Ferro e época romana, con fragmentos cerámicos de tradición castrexa, pompeiana, vidros e ánforas romanos e elementos de moenda que falan de continuidade e adaptación. A isto súmanse as pegadas de estruturas máis antigas en materiais perecedoiros, testemuños dunha fase inicial anterior á petrificación da aldea fortificada. Na última campaña viron a luz dúas estruturas máis de planta total ou parcialmente circular dispostas, tamén, na metade suroeste da acrópole. Levantadas de forma illada, contan cun tamañode entre 4 e 5 metros cadrados e estándotadasdun perímetro ben definido por muros de cachotaría granítica que presentan restos de enfuscado exterior.
O conxunto de estruturas escavadas recentemente conéctase cunha rede de circulación interna ben visible, onde o tránsito reiterado ou a preparación do solo xerou superficies máis compactadas. Estes camiños, de entre 50 e 60 cm de anchura, vinculan as distintas unidades habitacionais, reforzando a idea dun espazo organizado e planificado de forma continuada.
Símbolos e arte
No verán de 2024, o castro de San Vicenzo ou Vicente revelou dous signos que parecen saídos dun tempo suspendido: un tríscele e unha cruz embolada, gravadas en senllas placas de granito vinculadas a unha estrutura circular illada situada no sector norte. Non son simples marcas decorativas; son símbolos icónicos propios dun edificio ritual e simbólico.

Detalle da cruz embolada do castro de San Vicenzo de Avión. / César Dorado
O tríscele, formado por tres aspas idénticas que xiran de dereita a esquerda, suxire movemento continuo, un xirar sen comezo nin fin. Evoca o vento que rodea o outeiro, o ciclo circular da vida. Na tradición atlántica, o tríscele é tránsito e memoria, unha forma de pensar o mundo posiblemente vinculada ao ciclo solar. Canto á cruz embolada —única en Galicia e cos seus extremos redondeados-, esta introduce outra dimensión: a do encontro. Os catro brazos que se abren e rematan en círculos con coviña central falan de unión, de límites que non cortan senón que abrazan. É un símbolo case simétrico con algúns paralelos no norte de Portugal, Asturias e Irlanda, afirma Lamas.
Ambas pezas, que orixinalmente ocuparon un lugar ben visible para a comunidade, convidan a ler esta aldea fortificada como un espazo non só habitado, senón sentido e cheo de símbolos relevantes para os seus habitantes. Entre pedras e silencios por desvelar, o castro de Avión segue a falarnos do que fomos hai dous mil anos.
Suscríbete para seguir leyendo
- Sargento Matanza, el militar que hará el salto de precisión en paracaídas el Día de las Fuerzas Armadas: «Me tiro una media de cinco veces al día»
- La Xunta recomienda mascarillas y gafas en la calle ante la llegada de partículas en suspensión del Norte de África
- Olalla, acogedora de dos hermanos con dedicación exclusiva: «Ni lo haces por ti ni por trabajo o vocación, es una forma de vida»
- No cojas pájaros del suelo: la Sociedad Española de Ornitología recuerda lo que debes hacer si encuentras una cría fuera de su nido
- Los científicos alertan de que el megayacimiento de gas entre Mauritania y Senegal, la infraestructura más profunda de África, pone contra las cuerdas a la pesca
- El Día de las Fuerzas Armadas en Vigo, minuto a minuto
- Armón Vigo se estrena en buques militares con la botadura del «HMS Sälen», el primer barco para la Armada de Suecia
- Hallan con vida a la vecina de Beade desaparecida desde el domingo por la tarde