Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Letras Galegas 2026

Uxía e Begoña Caamaño: «Indómitas»

Músicas para a sororidade

Begoña Caamaño.

Begoña Caamaño. / Xoán Álvarez

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

Begoña Caamaño pediulle a Uxía Senlle que a despedise co «Alalá das Mariñas». Así o fixo a música cando unha morte con demasiada présa veu buscar a súa amiga, sendo esta aínda tan nova. A de ambas, conta Uxía, era unha relación intensa, fermosa e chea de argumentos e agarimo: persoal pero tamén profesional, colaborando xuntas en programas como «Andando a terra» da radio pública galega. «Amiga incondicional», «xenerosa», «brillante», «cómplice» son algunhas das palabras que Uxía emprega para referirse á súa amiga, xornalista e escritora, protagonista este ano das letras galegas.

Devén sempre todo un pracer escoitar a Uxía falar pero desta volta, e referíndose a Begoña Caamaño, aínda quedamos máis prendados do poder que a amizade e mais o coñecemento persoal outorgan cando chega o momento de lembrar e sumarse a esa, tan merecida e xusta homenaxe que todo un país quere celebrar. Tamén esa lembranza á imprescindible sororidade e mais á visión activista, feminista, humana e aínda de clase que a autora homenaxeada proclamou durante a súa vida. Nós escoitámola falar e de contado sentimos unha especie de conexión directa con ese mundo dunha Begoña que aínda se nos vira máis sol, e máis estrela, iluminando un presente que tanto precisa de persoas como ela nestes tempos que decote amencen tan escuros. Así escoitamos falar a Uxía de Begoña, coa dozura, o amor e o respecto polo que ela foi e que os recordos lle traen, pero tamén a escoitamos cantarlle nun disco que emociona como poucos.

Un disco que leva título de Indómitas. Nove ondas a Begoña Caamaño, a celebrar a vida, a rebeldía, a amizade e a loita pola igualdade. Coa música e a poesía como argumentos definitivos e cabeza motora e sensorial para manter viva a súa memoria e todo o seu compromiso humano e social. «A túa voz non se apaga, é faro na tormenta, raíz que medra…» así comeza «O teu nome é bandeira» coa que esta entrega inicia un navegar doce, luminoso, feminino e cargado de mans entrelazadas. E claro que están Circe e Penélope, e a fada Morgana, e asemade todas as amigas do mundo para aloumiñarnos: para facelo incluso nas ausencias máis sentidas, e as ondas todas deste mar no que abofé vivimos, e tamén as mans que axudan en cada atranco mentres tecen mapas e fuxidas. E tamén estamos nós, todas e todos, enredándonos nas melodías dunha Uxía que tan ben nos fai mover os pés nunha casiña na Camboa, cando celebrar e lembrar se fai tan preciso tamén dende a alegría. Despois choramos todo o que hai que chorar con ese «Alalá das Mariñas» que a estas alturas da escoita se espeta coma un coitelo e fainos pensar no tremedamente efémero que todo pode resultar. Despiden con «Begoñísima», coa colaboración das Malvela dando voz a esa forza indómita das mulleres e facendo o retrato final dunha Begoñísima que quen nola dera hoxe!

Indómitas: Nove ondas a Begoña Caamaño será, ten de ser certamente, un dos nosos discos alfaia de aquí para sempre, e faranos recordar decote que a forza do colectivo, a mirada atrás, o respecto humano e mais as «boas e xenerosas» sempre estarán no merecido olimpo que elas. co se esforzo e agarimos, se gañaron.

Herdanzas

Desde o 2014 pasaron moitas cousas no eido da nosa música. Non é moito tempo pero si dabondo para decatarnos de que algo mudou na nosa escena. E é que non se sachou en balde, como seguro que ben sabía Begoña. Quedan moitos camiños por abrir e moito que rozar mais hoxe en día hai unha escena musical que fala en nome de muller.

Podemos pensar neses proxectos que están a acadar toda a atención mediática, enchendo recintos e liderando as listas de reproducións do país pero tamén podemos mirar aí debaixo, nese underground, onde a mirada feminina está máis presente que nunca. E véñenme á cabeza esas Eskravos (A Estrada), berrando amén a golpe de sororidade neo punk. E pensamos neses Nuada (Paradela) coa base rítmica disposta a pasarnos por riba, ou no desenfado enérxico de Leria (A Coruña) ou esas Cuarta Xusta (Melide) queréndose libres, ou unha Banda da Loba (Compostela) que, por certo, tamén lle canta a Begoña nestes días das letras. E penso en Bala, furiosas e distorsionadas, e en Agoraphobia e en Habelas Hainas, e nas The Tetas Van e en toda esa xente das músicas máis urbanas que loitan en feminino, en Flor do Toxo, en Vértebras, en Mounqup, en Laura Lamontagne, en Lula Mora...

A música galega e máis música, máis nosa e máis feminina ca nunca e, abofé que medrará da man deste talento infinito que hai no país, pero para chegar aquí cómpre non esquecer que houbo moita loita, moito predicamento e compromisode mulleres tan convencidas como á que este ano toca celebrar

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents