Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Libros destacados da semana

FdV

FdV / FdV

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

VV. AA.

Acompañar na soidade

O regreso do autor

Fabio Rivas

«Son un tolo obsesivo do traballo. Non descanso nunca, talvez porque atender as carencias alleas evita que pense demasiado nas propias, aínda que faga de cando en vez algunha escapadiña mental no medio dunha conversa ou durante un funeral». A miña primeira aproximación —e única ata agora— á obra de Cid Cabido sucedeu haberá sete anos, logo de ler n’ O Cabaret Voltaire, o blog de Jaureguizar, un artigo onde falaba sobre Tres pintores. Fun guiadiño. Acollín a suxestión e lin a novela, que ademais viña de gañar o premio Ánxel Fole de narracións breves. Gustárame, sobre todo o seu ton escéptico, mais non me xurdira a necesidade de visitar a bibliografía previa. Con todo, a publicación d’A noiva cuántica despois dun longo silencio é unha boa oportunidade para me volver achegar á escrita dun autor que parece ter aprendido que a literatura precisa os seus tempos.

O protagonista, Paul Rothko, un home que está absolutamente só, acepta unha oferta laboral para un neoficio: acompañante profesional de persoas solteiras nun San Francisco atravesado polos algoritmos e a mercantilización dos afectos. Entrementres, debátese sobre o futuro da relación, tan tóxica coma intermitente, que mantén con Janis.

Se ben dadas estas premisas todo podería conducir cara a unha comedia sentimental ou mesmo unha distopía tecnolóxica, Cid Cabido afástase destas dúas vertentes e interésase máis no xeito en que os vínculos humanos se converten en servizos, en pantomimas administradas por empresas e, tamén, no modo en que os individuos aceptan esta lóxica cunha normalidade absoluta. Queda a impresión de estarmos diante dun espazo asfixiado pola dificultade de construír vencellos a longo prazo e pola sospeita de que ata as emocións necesitan o visto e prace do mercado.

Así é que na narración os acontecementos son menos relevantes ca a atmosfera en que están envoltos. Hai encontros e desprazamentos, conversas en aparencia banais e situacións que rozan os marcos do absurdo, mais dáselle prioridade á sensación de baleiro que vai ficando antes que ao propio episodio per se. Velaí que a obra alcance o seu estadio máis lucido unha vez comprendemos que o que nos quere mostrar é a figura contemporánea da soidade que, en lugar de ser a excepción, é xa a norma.

Imagen

A noiva cuántica (2026)

Autor: Cid Cabido

Editorial: Galaxia

Prezo: 21,50 euros

Sensibilidades próximas

As pólas dunha árbore proveitosa

Lucía Seoane

X.Mª Álvarez Cáccamo vén ser un dos nomes fundamentais para entendermos a lírica galega actual. Membro dunha familia de escritores e artistas, Cáccamo decídese agora, desde as páxinas de Árbore arriba, pola elaboración dun proxecto que define como «moi persoal» e que non resulta ser outro máis que a narración da súa propia memoria familiar: «Os alicercerces de calquera xenealoxía humana dispóñense na altura, non asentan na terra. Son raíces aéras», escribe ao respecto. Desta maneira, polas páxinas do volume van xurdindo, poderosas, as pólas paternas e maternas nun exercicio cargado de emocións pero que o autor é quen de apreixar, rotular e destilar con especial agarimo e delicadeza de tal maneira que esas historias -sen deixaren en ningún momento o seu carácter íntimo- tamén acaban por resultar nosas: é dicir, relatos que cada lector pode sentir así mesmo como próximos e propios nun exercicio colectivo de apropiación da memoria das orixes.

Álvarez Cáccamo traza, pois, e coa textura da palabra poética, tempos, formas -algunhas delas cargadas de contida dor- nun brillante exercicio de estilo que, desde logo, non deixará indiferente aos bos lectores e lectoras.

Imagen

Árbore arriba (2026)

Autor: X.Mª Álvarez Cáccamo

Editorial: Alvarellos

Prezo: 16,15 euros

Polo eterno Santiago

Diálogo interrelatos

Xosé Feixó

Morgante publica Pusilánime, unha nova entrega creativa de Mario Caneiro que se desenvolve e vai construíndo nunha especie de diálogo interrelatos: dunha parte os nove de «A voz», e os nove de «A vida do escritor», e un máis para rematar. Dúas voces ben diferenciadas que van intercalándose para reflexionar sobre a memoria, o silencio fronte ao abuso, a responsabilidade de denunciar e a culpa colectiva.

Unha, a dun escritor que recupera unha vella máquina de escribir e repasa o seu pasado e o seu sentimento de culpabilidade por calar e non actuar, e vai contando o que lle custa facelo e cuestiona e indaga de contino se escribir pode servir para reparar o dano ou se simplemente é unha forma máis de fuxir cara á adiante. A outra voz, a da muller que, por un lado, relata a vida marcada pola violencia, o silencio e un trauma sexual agochado, e por outro describe os seus máis fondos sentimentos. E aprovéitao Caneiro para que describa, entremesturado, o eterno Santiago («Xa case non lembro a súa cara, só a sensación de subir e baixar canda el, como vou e veño agora incesante e inqueda, por primeira vez en moito tempo, arriba e abaixo polo Preguntoiro, Orfas, Caldeirería, rúas Nova e Vilar, apenas distingo o seu perfil camiñando calmo a rentes de min»), o que engade á lectura un goce máis.

Imagen

Pusilánime (2026)

Autor: Mario Caneiro

Editorial: Rinoceronte

Prezo: 12,30 euros

Un cúmulo de virtudes

Sabedoría e sentimento

Héitor Mera

Hai persoas xa con certa bagaxe vital que senten a necesidade de expoñeren en texto escrito as súas experiencias. Moitas delas quedan perdidas no atrevemento, consecuencia dun desempeño fallido. Pois ben; en A distancia do século vexo esa necesidade expresiva, mais os defecto descritos son volteados en convertidos en virtude.

Efectivamente, percibimos, o coñecemento, a memoria e os sentimentos; o desempeño devén atinado. O xénero empregado -a poesía, que non sería a escolla inicial nun proxecto coma este- permite que a expresividade, acompañada da plasticidade e evocación íntima, levan o lector a entender perfectamente o poeta, sen necesidade de aturar un tixolo innecesario. Ánxel Huete achega unha bocalada de frescura propiciada pola memoria e o sentimento do outono vital, algo que non evita que a estrutura tripartita nos leve nun percorrido cronolóxico e histórico identificable. Honestamente, este poemario, aínda que só sexa polo tema-tratamento que se lle dá, parécenos fondamente orixinal. Se cadra, estamos perante un cúmulo de virtudes no que atinxe ao subxénero biográfico, memoralístico e sentimental.

Claro está, o libro non parte dunha arroutada; xorde de alguén cunha traxectoria artística de recoñecido prestixio a constatar un fondo talento non só no eido pictórico senón que aínda no poético e literario. Estamos, pois, perante unha desas sorpresas e alegrías que de vez en cando abrollan do noso sistema literario. Benzóns.

Imagen

A distancia do século (2026)

Autor: Ánxel Huete

Editorial: Galaxia

Prezo: 17,50 euros

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents