Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Letras Galegas 2026

Os fíos de Begoña

Celebrarmos a lectora

O Calvario, o barrio nativo de Begoña Caamaño; Clarice Lispector; e Agatha Christie.

O Calvario, o barrio nativo de Begoña Caamaño; Clarice Lispector; e Agatha Christie. / FdV

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

Eva Mejuto

«E por que leo? Leo porque tiven a sorte de descubrir a maxia dende pequena. Porque tiven un avó que inventaba historias e unha nai que cada noite sentaba aos pés da miña cama e me lía poesías. Escribo porque leo». Con estas palabras definía Begoña Caamaño, autora homenaxeada neste Día das Letras Galegas, a súa paixón polos libros e a importancia que tivo a lectura para desenvolver a súa posterior faceta de escritora. O amor pola palabra chegou da voz viva, dos contos inventados polo seu avó Pepe, José Rascado Baños, e das lecturas da súa nai Mari, Mª Carmen Rascado Rodríguez, a ela e a Bea. Entre elas, un volume de poesía, Las 1.000 mejores poesías de la lengua castellana. A nena que vivía no Calvario lía de maneira voraz o que lle caía nas mans, quer os Episodios Nacionales de Benito Pérez Galdós, novelas de aventuras como Robinson Crusoe de Daniel Defoe, quer As mil e unha noites ou A Ilíada e A Odisea de Homero: «Tiven a sorte de ler a Homero de bastante pequecha, nesa idade na que aínda buscas nos libros un referente co que te identificar e que che faga vivir a historia en primeira persoa. E na Odisea non o tiña. Claro, o normal é que fose Ulises ou Odiseo, pero xa daquela debía ter eu un mal costume que co tempo deveu en vicio, obsesión ou, cando menos, hábito moi pernicioso: necesitaba identificarme con raparigas. E, a poder ser, con raparigas un bocadiño rebeldes».

E desa rebeldía e ese espírito crítico que lle fixo percibir, de ben nova, que faltaban no mundo en xeral e na literatura en particular, as historias das mulleres, encheu os andeis e o maxín de obras de mulleres, desde Rosalía de Castro a dúas das que foron as súas mestras, María Xosé Queizán e Carmen Panero, esta última fundamental para desenvolver o amor pola lectura desde una óptica feminista nos seus tempos do Instituto de Coia II (hoxe IES Alexandre Bóveda): «Un feminismo adolescente empezaba a sentir a necesidade de deconstruír modelos e arquetipos. Foi entón cando comezou a miña cabeza a remoer a idea de revisar aquelas lecturas dos últimos anos de infancia.»

Logo viría a época da radio, amor a primeira a escoita, e desde o xornalismo cultural Begoña deunos moito que ler desde o «Diario Cultural», canda Ana Romaní (amais de amiga, a súa poeta favorita) ou María Xosé Porteiro, colega de Mulleres Galegas da Comunicación (MUGACOM). Unha autora que a apaixonaba era Clarice Lispector e a súa Felicidade clandestina.

E desas lecturas e otras millentas, de andar a terra («Viaxar é ler o mundo sen intermediarios; sendo a protagonista da lectura. Viaxar é ler o país, a xente, os sabores, os aromas e as cores dos lugares que visito») naceron de forma serodia Circe e o pracer do azul, para amosarlle a Homero e a toda unha tradición patriarcal milenaria que outra maneira de contar historias é posible, cambiando a óptica, o foco e a ollada. Falando de amizade e de sororidade, dándolle a volta ao conto. E do amor pola obra de Cunqueiro e a Materia de Bretaña, naceu Morgana en Esmelle, para subverter arquetipos e amosar a outra cara dun Merlín idealizado. Para darlle protagonismo a Morgana e a Xenebra, e reflexionar sobre a sociedade que queremos. A morte temperá de Begoña Caamaño deixounos sen ter una terceira obra na que estaba a traballar, sobre a figura da Sherezade das Mil e una noites. E tamén a historia da súa bisavoa. Deixou tan só dúas obras pero un mundo de lecturas. Grazas, Begoña, por tanto e por todo!

«Leo porque quero cambiar o mundo, leo porque necesito facer habitable o meu mundo.»

Lecturas e lecturas

«Leo de todo. Hai pouco sufrín unha convulsión na miña vida que me impedía concentrarme na lectura e me refuxiei na novela negra máis tradicional . Estiven meses relendo a Agatha Christie e a Anne Perry e a verdade é que desfrutei. Por certo, creo que deberían ser máis traducidas ao galego. Ana Romaní é unha poeta fundamental na literatura galega e canda ela Chus Pato, e Xiana Arias, Andrea Nunes e María Rosendo entre as máis novas. Futuro imperfecto de Xulia Alonso é un dos libros que máis fortemente me levan conmovido. Agora estou lendo a narrativa de Rosalía e veño de namorar dunha escritora estadounidense, Siri Hustvedt. Desafortunadamente non hai aínda nada dela traducida ao galego. Todo canto amei ou A muller temblorosa son dúas obras fascinantes. O seu marido, Paul Auster, tamén me gusta. Recomedo ler ás clásicas, galegas e estranxeiras: As irmás Brontë, Jane Austen e, como non, Emily Dickinson, María Xosé Queizán, Marilar Aleixandre… E de ensaio: Reacción, de Susan Faludi, segue a ser un texto de enorme vixencia para o feminismo como Marilin French, Elizabet Badinter ou Rosi Bradotti. Pero o fundamental é ler, e ler en galego a poder ser».

Así se expresou Begoña no 2013, un ano antes do seu falecemento, nunha entrevista que lle fixeron no Observatorio da Mariña pola Igualdade. Begoña estaría feliz de saber que Un verán sen homes de Siri Hustvedt ten edición en galego grazas a Alejandro Tobar e a editora Hugin e Munin. Ese e tantos outros de editoras, autoras e tradutoras galegas, que agás honrosas excepcións a penas ocupan espazos visibles nas librarías. Ler en galego, o 17 de maio e todos os anos é una fermosa maneira de lembrar a Begoña. Ela, con certeza, concordaría.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents