Letras Galegas 2026
As Letras de Begoña
Penélope, Circe, Morgana

Imaxe do arquivo persoal de Begoña Caamaño. / REAL ACADEMIA GALEGA
Laura Paz Fentanes
Begoña Caamaño naceu o 14 de outubro de 1964 no barrio vigués do Calvario e pasou a súa infancia en Coia, na mesma cidade, onde estudou EXB e bacharelato. Nesta etapa, unha cativa Begoña xa participa nunha das súas primeiras protestas, coñecida como «Pases pro bus», o que amosa o seu temperán compromiso social, unha constante ao longo da súa vida e mesmo da súa obra. Tras licenciarse en maxisterio, fixo un curso de radio que determinou a súa vida profesional, xa que comezou a traballar en Radio Noroeste, logo en Radio Popular e Radio Galega de Vigo e, máis tarde, en Santiago de Compostela. Así mesmo, colaborou noutros medios (como A Nosa Terra, Tempos ou Novas de Galiza) e asumiu a dirección dalgúns programas («Andando a Terra,» «Club Cultura» ou «Expresso de Medianoite»).
Esta etapa tamén está marcada pola reivindicación e o sindicalismo profesional coa súa participación en congresos sindicais, o Comité de Empresa da Radio Galega e o Comité Interempresas da CRTVG. Un asociacionismo que se ve acompañado doutra faceta intrínseca a Begoña: o feminismo. Caamaño impulsou a Asociación de Mulleres Galegas na Comunicación, foi membro de Mulheres Nacionalistas Galegas e participou na Marcha Mundial das Mulleres. De igual xeito, avogou sempre pola sanidade pública, o ensino público e a lingua galega.
Como autora, estreouse en 2009 con Circe ou o pracer do azul, que tivo unha magnífica acollida por parte do público e dos medios. Haberá que agardar até o ano 2012 para poder ler a seguinte e derradeira novela da autora, Morgana en Esmelle, publicada, ao igual que a primeira, por Galaxia. Esta obra mereceulle os premios Ánxel Casal da AGE ao mellor libro de ficción do 2012, da AELG á mellor obra narrativa do 2012, da Crítica narrativa galega do 2012 e Losada Diéguez de creación literaria no 2013.
Caamaño considerouse sempre unha escritora serodia que se animou a escribir como se dun reto a si mesma se tratase, para ver que era capaz de facer e para completar os baleiros que detectou ao ler os grandes clásicos e percibir a ausencia da voz feminina. En ambos libros, a autora non só lles dá voz ás figuras míticas de Penélope e Circe ou Morgana e Viviana, senón que amosou a sororidade das protagonistas, tradicionalmente enfrontadas polo ollar patriarcal.
Tras o seu pasamento en Santiago de Compostela o 27 de outubro de 2014, a autora é reivindicada de distintas formas. Entre outras, as súas amigas homenaxéana con «Begoñísima», onde presentan O libro das amigas; a Deputación da Coruña crea en 2017 o Premio Begoña Caamaño; en 2019 é nomeada filla adoptiva de Santiago de Compostela; e en 2020 o Observatorio da Mariña Pola Igualdade convoca unha xornada que reivindica o seu legado.
Son numerosas as producións culturais en torno á figura de Begoña Caamaño que viron a luz recentemente e que aquí se mencionan a modo de recomendacións. No eido musical, Uxía acaba de sacar o libro-disco Indómitas. Nove ondas a Begoña Caamaño. No académico, a USC publicou Begoña Caamaño: mudar o mundo, editado por María Xesús Nogueira Pereira (por certo, pioneira no estudo do legado da autora homenaxeada). No biográfico, Volveredes brindar por min (ed. Galaxia), de M.ª Xesús Nogueira e Ana Romaní. No ensaístico, Begoña Caamaño. Xornalismo para a cidadanía (ed. Galaxia), de María Xosé Porteiro. Para o público infantil destaco A nena que perdeu un zapato na lama (ed. Galaxia), de Ramón Nicolás; Begoña ou o pracer da amizade (ed. Xerais), de Beatriz Maceda; e Begoñísima (ed. Cuarto de Inverno), de Andrea Nunes Brións.
Begoña Caamaño acada o máximo recoñecemento este domingo 17 de maio, tras o ditame da Real Academia Galega de homenaxeala con este Día das Letras Galegas 2026. Un bo motivo para reivindicar, unha vez máis, a Begoña Caamaño e celebrarmos as Nosas Letras!
Suscríbete para seguir leyendo
- Sargento Matanza, el militar que hará el salto de precisión en paracaídas el Día de las Fuerzas Armadas: «Me tiro una media de cinco veces al día»
- La Xunta recomienda mascarillas y gafas en la calle ante la llegada de partículas en suspensión del Norte de África
- Olalla, acogedora de dos hermanos con dedicación exclusiva: «Ni lo haces por ti ni por trabajo o vocación, es una forma de vida»
- No cojas pájaros del suelo: la Sociedad Española de Ornitología recuerda lo que debes hacer si encuentras una cría fuera de su nido
- Los científicos alertan de que el megayacimiento de gas entre Mauritania y Senegal, la infraestructura más profunda de África, pone contra las cuerdas a la pesca
- El Día de las Fuerzas Armadas en Vigo, minuto a minuto
- Armón Vigo se estrena en buques militares con la botadura del «HMS Sälen», el primer barco para la Armada de Suecia
- Hallan con vida a la vecina de Beade desaparecida desde el domingo por la tarde