Letras Galegas 2026
A opinión como oficio
Begoña Caamaño e a prensa galega

Begoña Caamaño. / Xoán Álvarez
Énos complicado en Galicia disociar a figura dun creador ou creadora, quer audiovisual, quer literario, do seu percurso en medios de comunicación. A cultura galega contemporánea construíu nos últimos 50 anos unha tradición propia na que a voz autoral funciona como espazo mediador entre o mundo da cultura e o mundo da actualidade. Esa realidade tampouco lle foi allea á xornalista e escritora Begoña Caamaño.
A súa intervención pública naceu no xornalismo radiofónico, tras iniciarse en Vigo nos anos oitenta e incorporarse despois á Radio Galega. En paralelo, colaborou na prensa escrita en espazos de análise cultural e política e foi aí, nas súas colaboracións en medios impresos, onde Caamaño tamén quixo colocar o marco. A súa escrita non se limitaba a comentar a actualidade, ela decidiu participar na formulación dun discurso crítico sobre lugares como quen fala nos medios, para quen se fala e desde onde (e quen) constrúe o relato do país.
As cabeceiras nas que colaborou —A Nosa Terra, Ar!, Tempos Novos, Deliberadamente, Novas da Galiza, Festa da Palabra Silenciada e Abrente— sitúana nun marco mediático nacionalista, feminista e de esquerdas. Non falamos nestes casos tanto de medios de masas como de espazos de intervención pública. Nese territorio, Caamaño traballou o xornalismo como ferramenta de intervención social e nacional, máis que como un quefacer informativo calquera con pretensión neutral.
Ao ollar as súas letras xornalísticas hai tres eixos ben relevantes: a análise da condición das mulleres, o antimilitarismo vencellado ao ciclo da insubmisión dos anos noventa e unha reflexión crítica sobre os medios públicos galegos como espazo de produción e control da información.
A cuestión da muller non funcionaba nela como un tema sectorial, senón como un marco interpretativo global desde o que pensar a cidadanía, as institucións, os medios e as relacións de poder. Así, en voces como a de «Ser muller na radio», Caamaño analizou a redacción dun medio de comunicación desde a experiencia de traballar sendo muller, co foco posto na distribución desigual dos postos de responsabilidade e ás condicións que limitan o acceso das donas aos espazos de produción simbólica e á esfera pública. Esa ollada reapareceu en artigos posteriores como «Barbies violadas», d´A Nosa Terra onde a crítica á mercadoría sexista e á industria cultural infantil como aliaxe estética e política dun discurso que percibía como avasalador e cousificador.
O antimilitarismo foi outro eixo, xa desenvolto no contexto concreto da insubmisión dos anos noventa. Non practicaba a escritora conmemorada neste ano unha defensa abstracta da paz, senón unha análise política da relación entre obrigatoriedade militar e cidadanía. Caamaño uniuse así a unha serie de voces que, dende un novo xeito de entender o internacional e o feminismo, criticaban a vella «mili» como un dispositivo disciplinario limitante da autonomía cidadá. A insubmisión converteuse deste xeito na revista Ar! nunha forma de acción política que na voz de Caamaño foi unha práctica de ampliación dos dereitos civís.
Como xornalista traballadora nos medios públicos, Begoña Caamaño tamén dirixiu a súa atención á organización da que formaba parte. En «Recuperemos os medios públicos», en Abrente, escrito no contexto inmediato da catástrofe do Prestige, formulou, como xornalista e representante sindical, unha forte crítica diante do tratamento informativo da TVG e da Radio Galega durante a marea negra.
No conxunto da súa obra impresa, esa ollada enlaza co feminismo e coa crítica institucional desde unha posición definida, afastada da neutralidade e orientada á intervención no relato público, quizais un elo máis dese binomio especial, sempre prolífico, entre escritora e xornalista que estas Letras conmemoran.
Un libro de xornalistas
Para quen queira ampliar o perfil xornalístico de Begoña Caamaño, resultará acaído acudir ao volume de María Xosé Porteiro Begoña Caamaño. Xornalismo para a cidadanía. De Vigo a Compostela, publicado por Galaxia e o Consorcio de Santiago no marco destas Letras Galegas.
O libro parte dunha dificultade evidente: a de separar a xornalista da escritora, e propón un percorrido pola súa traxectoria profesional desde a ollada dunha amiga e compañeira de oficio. O interese deste ensaio está en que non se limita á autora literaria de Circe ou o pracer do azul e Morgana en Esmelle, senón que recompón a súa figura a través de entrevistas, artigos, discursos e intervencións públicas; é dicir, a Caamaño máis incisiva. Porteiro detense especialmente na súa relación coa radio, coa actualidade e coa comunicación de masas, mais tamén no xeito en que Caamaño foi construíndo unha voz propia antes e despois da súa aparición como narradora.
Suscríbete para seguir leyendo
- Sargento Matanza, el militar que hará el salto de precisión en paracaídas el Día de las Fuerzas Armadas: «Me tiro una media de cinco veces al día»
- La Xunta recomienda mascarillas y gafas en la calle ante la llegada de partículas en suspensión del Norte de África
- Olalla, acogedora de dos hermanos con dedicación exclusiva: «Ni lo haces por ti ni por trabajo o vocación, es una forma de vida»
- Los científicos alertan de que el megayacimiento de gas entre Mauritania y Senegal, la infraestructura más profunda de África, pone contra las cuerdas a la pesca
- Una boda de altura, mucho baile, visita a Urgencias y una luna de miel sobre ruedas
- El Día de las Fuerzas Armadas en Vigo, minuto a minuto
- Armón Vigo se estrena en buques militares con la botadura del «HMS Sälen», el primer barco para la Armada de Suecia
- Un vigués pide el indulto para su hermana, condenada en A Lama a seis años de prisión y diagnosticada de TEA tras los hechos