Letras Galegas 2026
A intelixencia de mover o foco
Begoña Caamaño, narradora

Morgana na visión de Anthony Frederick Sandys (1864).
Pilar Ponte
O material videográfico e sonoro, o labor xornalístico, o activismo político, o seu círculo de amigas e máis a proximidade temporal converten a Begoña Caamaño na autora á que máis nos podemos achegar dun xeito directo de todas as homenaxeadas nas Letras Galegas dende Rosalía de Castro, e isto permítenos un coñecemento privilexiado de todo o seu universo narrativo tanto no que se refire ás obras como á súa propia condición de autora porque temos a oportunidade de vela e escoitala de primeira man ata a súa razón última.
Caamaño déixanos dúas novelas, Circe ou o pracer do azul (2009) e Morgana en Esmelle (2012), unha produción reducida en número mais cunha calidade que xustifica, no caso da segunda, os numerosos galardóns recibidos que contribuíron á divulgación da obra da autora en vida. Na primeira lévanos ao mundo do gran poema épico grego A Odisea, atribuído a Homero, onde se narran as aventuras do heroe Ulises dende que parte da illa de Ítaca deixando a súa muller Penélope e o seu fillo ata que volve á casa. Na segunda lévanos a través de Felipe de Amancia á Terra de Miranda do Merlín e familia de Álvaro Cunqueiro e ao mundo da Materia de Bretaña en que Morgana é afastada do seu medio irmán Artur. A autora viguesa ten o gran mérito de reinterpretar, nas súas palabras «revisar, esnaquizar, esfiañar, deconstruír», os mitos e os relatos clásicos dende unha perspectiva feminista e contemporánea.
Así, ela non realiza unha actualización temporal e tráenos á actualidade como se vivisen hoxe senón que é moito máis hábil e orixinal e o que fai é, respectando os universos nos que viven e dos que xurdiron, mover o foco como no teatro e facer que este deixe de alumar o heroe, se mova polo escenario e lance toda a súa luz sobre esa muller, que non heroína, que permanecía na sombra.
E así en Circe ou o pracer do azul crea a novela arredor da relación epistolar entre Penélope (a muller de Ulises) e Circe (a deusa feiticeira amante de Ulises), respecta o texto de Homero e fai o que el non fixo: deixar que elas falen, que adquiran a condición de verdadeiras personaxes con vontade propia, que se fagan amigas e que cada unha delas medre en liberdade. No caso de Morgana en Esmelle, pon o ollo fundamentalmente en Morgana e Xenebra mais tamén en Merlín, na importancia de asumirmos as responsabilidades que nos tocan a todos independentemente da época en que nos toque vivir. O foco de Caamaño non enfoca as mulleres de maneira singular senón que as rodea baixo un único círculo de luz que as xunta, o da sororidade onde se atopan, se coñecen, se perdoan e se apoian.
Na recente publicación da RAG que recolle a intervención de Begoña Caamaño nos VII Diálogos Literarios de Mariñán en xuño de 2010 e mais o guión da presentación de Morgana en Esmelle en abril de 2012 atopamos os alicerces da súa novelística; Caamaño fala de si como creadora dicindo «eu non son propiamente escritora. Apenas comezo a ser unha contadora de historias, o bosquexo dunha narradora». Nada máis lonxe da realidade, os seus romances non só presentan desde o punto de vista do contido unha revisión da tradición literaria senón que se amosan como verdadeiras leccións de estilo, levando de forma habelenciosa a recreación tamén á forma do discurso cunha calidade lingüística máis que salientable.
A mesma Begoña autodefínese como esa tecedora de colchas de retallos vellos e así como outras reciclan os tecidos para lles dar unha nova utilidade, ela reelabora os mitos porque a revisión cultural non é só unha opción e así dinos: «Creo que cada xeración ten a obriga e o dereito de volver sobre estes mitos fundacionais para analizalos e reinterpretalos á luz que toda a bagaxe cultural e as novas correntes de pensamento deitan sobre nós.». E este é o mandado que nos ensina e que nos deixa.
Bosquexos
Begoña fálanos en primeira persoa do que é como escritora e do que a move á creación literaria. Dunha banda, quere buscar a verdade («Gústame contar historias porque as historias me permiten transmitir e narrar algo máis verdadeiro ca a verdade») e, doutra, quere devolverlle ao mundo da literatura parte do que este lle regalou, de todo o que del aprendeu, tamén liberarse dos seus medos e, sobre todo, botar fóra as historias que asediaban no seu interior.
Podemos falar dela coma unha persoa tremendamente coherente en todas as facetas da súa vida e vai ser esa coherencia a que faga que a Begoña escritora coloque tamén en primeiro plano da narrativa o feminismo: «Escribir forma parte tamén do compromiso colectivo coas mulleres que loitan en diferentes frontes. Escribir é unha homenaxe ás mulleres que me abriron camiño, aquelas que dixeron NON, moitas veces a costa da súa vida».
Begoña tiña a idea de facer unha triloxía para reconstruír mitos para nós, no mundo clásico de Circe e Penélope, no mundo artúrico de Morgana, e despois había de vir o mundo oriental de Sherezade. Para sempre quedaremos sen o que o destino nos e lle roubou, mais fican connosco estas dúas novelas extraordinarias que a han manter na lista de autoras fundamentais da nosa tradición literaria para sempre.
Suscríbete para seguir leyendo
- Sargento Matanza, el militar que hará el salto de precisión en paracaídas el Día de las Fuerzas Armadas: «Me tiro una media de cinco veces al día»
- La Xunta recomienda mascarillas y gafas en la calle ante la llegada de partículas en suspensión del Norte de África
- Olalla, acogedora de dos hermanos con dedicación exclusiva: «Ni lo haces por ti ni por trabajo o vocación, es una forma de vida»
- No cojas pájaros del suelo: la Sociedad Española de Ornitología recuerda lo que debes hacer si encuentras una cría fuera de su nido
- Los científicos alertan de que el megayacimiento de gas entre Mauritania y Senegal, la infraestructura más profunda de África, pone contra las cuerdas a la pesca
- El Día de las Fuerzas Armadas en Vigo, minuto a minuto
- Armón Vigo se estrena en buques militares con la botadura del «HMS Sälen», el primer barco para la Armada de Suecia
- Hallan con vida a la vecina de Beade desaparecida desde el domingo por la tarde