Historias de freiras e liberdades
«Unha primavera para Aldara», de Teresa Moure

«Unha primavera para Aldara» posta en escena polo Teatro do Atlántico.
A Asociación de Directoras e Directores de Escena de España, a través do seu servizo de publicacións, vén de presentar en edición bilingüe Unha primavera para Aldara, texto da autoría de Teresa Moure co que en 2007 gañaba o Premio Rafael Dieste, convocado pola Deputación Provincial da Coruña, que tamén promove e patrocina unha colección que recupera para novos públicos os textos gañadores do certame. Vai precedido dun estudo preliminar de Ana Garrido González. Unha iniciativa salientable pois permite proxectar a nosa creación dramática, e o ensaio literario asociado á mesma, nunha comunidade de lectoras e lectores ben grande, na que se contan xentes doutras escenas e teatros no universo mundo.
O texto recrea canto acontece nun cenobio de freiras cando solicita acubillo nel un capitán irmandiño doente, Don Nuno, que acollen despois da controvertida decisión da abadesa, Aldara, ao aplicar os principios de socorro e caridade. O espazo, para alén das estancias do mosteiro, é indeterminado, a diferencia do tempo, pois a acción pivota arredor de 1467, cunha referencia histórica a 1465, ano en que unha das personaxes, Elvira, presenta unha denuncia contra o seu home por malos tratos, o que nos sitúa na chamada segunda revolta irmandiña.
Se a combinación de fabulación e datos verídicos confírelle ao texto una factura peculiar e un engado especial, a mestura entre a vida nos conventos, con todos os problemas que estes tiñan en relación á autoridade eclesiástica ou para o seu mantemento material, e a memoria da revolta contra os nobres feudais, «malfeitores abusando dos tributos e dos dereitos señoriais», converte o texto nun drama sobre a liberdade, especialmente das mulleres e das xentes do común, sometidas, xentes e mulleres, á máis dura e cruenta vasalaxe.
Velaí unha das razóns de que non poucas mulleres da nobreza decidisen entrar nun mosteiro antes que malvivir cun varón, pois con frecuencia implicaba submisión e sometemento. Paga a pena lembrar nesa dirección o caso das chamadas «beguinas», mulleres de fe cristiá, cos recursos económicos necesarios, que profesaban como laicas, e constituían comunidades libres para dedicarse ao seu desenvolvemento persoal, ben lonxe da submisión que implicaba a institución matrimonial e das obrigas que levaba aparelladas a condición de casada.
O monacato feminino en Galicia é un tema ben interesante, ao que teñen feito achegas substantivas Enriqueta López Morán, Teresa Moure Peña ou Víctor Rodríguez Muñiz. Porén, esta peza propón outra maneira de achegármonos a un estilo de vida do que tan pouco se sabe, malia ter o dito monacato importancia certa en toda Europa e neste país.
Amais de reflectir as tiras e puxas da vida monacal, e a das mulleres da contorna vinculadas ao cenobio, onde desempeñaban todo tipo de labores, o pano de fondo da guerra irmandiña serve para traer ao primeiro plano unha temática especialmente relevante nos tempos que vivimos, como é o da (i)licitude da violencia e da guerra como forma de resolución dos conflitos, por terribles que estes poidan ser. Unha forma de proceder que seguramente teña moito que ver co feito de seren os homes os que exercen un control férreo sobre as formas establecidas de poder, e a súa teima milenaria de resolveren diferenzas e conflitos a base de golpes.
A primavera que ilumina o título da peza, amais de lembrar os dous primeiros versos do anónimo «Romance del Prisionero», ten que ver cun segredo que engade un elemento inesperado no desenvolvemento da peza, que finalmente servirá para poñer de relevo as malas artes dos inquisidores que chegan ao convento para investigar unha denuncia contra a Abadesa, o que engade unha nova liña de acción para mostrar as dificultades de escapar ao control do poder establecido.
Drama político
Hai pezas que destacan polo seu valor formal, cando asentan en liñas de composición que supoñen maneiras novas de escolla, tratamento e presentación da materia dramática. Cando o continente vai acompañado dunha sólida trama temática, o conxunto gaña, en especial cando a combinación está ben pensada, artellada e calibrada. Secasí, esta peza, que conta cunha estrutura formal moi sólida mais en clave realista, destaca por unha densidade temática notable, que enriquece a lectura.
Finalmente non será doado determinar se estamos ante un drama histórico, e o nome da protagonista, Aldara, xa invita a unha interesante indagación sobre outras Ilduaras ou Eldaras, ante un drama existencial, pensando na vivencia da primavera e as paixóns que adoito esperta, ou ante un drama político, atendendo a posibles lecturas en clave feminista e pacifista. Seguramente haxa un pouco de todo, o que engade maior valor ao conxunto. Unha viaxe ao pasado moi suxestiva, que tamén interroga o noso presente.
Suscríbete para seguir leyendo
- Sargento Matanza, el militar que hará el salto de precisión en paracaídas el Día de las Fuerzas Armadas: «Me tiro una media de cinco veces al día»
- La Xunta recomienda mascarillas y gafas en la calle ante la llegada de partículas en suspensión del Norte de África
- Olalla, acogedora de dos hermanos con dedicación exclusiva: «Ni lo haces por ti ni por trabajo o vocación, es una forma de vida»
- Los científicos alertan de que el megayacimiento de gas entre Mauritania y Senegal, la infraestructura más profunda de África, pone contra las cuerdas a la pesca
- Una boda de altura, mucho baile, visita a Urgencias y una luna de miel sobre ruedas
- El Día de las Fuerzas Armadas en Vigo, minuto a minuto
- Armón Vigo se estrena en buques militares con la botadura del «HMS Sälen», el primer barco para la Armada de Suecia
- Un vigués pide el indulto para su hermana, condenada en A Lama a seis años de prisión y diagnosticada de TEA tras los hechos