As persoas de Teresa Ferreiro
Banda deseñada e investigación emocional

Viñeta de «Dos persoas» e Teresa Ferreiro, a súa autora.
O pasado martes, 28 de abril, Teresa Ferreiro presentou Dos personas no espazo NUMAX de Santiago de Compostela. Publicada pola editorial La Cúpula, trátase da súa primeira novela gráfica aínda que non do primeiro flirteo co mundo da BD desta autora, ilustradora, artista visual, escritora e DJ nacida na capital galega en 1989. Doutora en Belas Artes e Estudos de Xénero, Ferreiro colabora na revista musical Rockdelux e é cofundadora da revista e asociación Ruido de Fondo así como do colectivo electrónico Sisters of Rave, unha iniciativa nada en 2021 tamén da man de Liberdade Suárez (Garrita DJ) e ligada á necesidade de crear un espazo seguro e accesible a mulleres e persoas non binarias do sector.
En 2023, comisariou a exposición coral Perdona, estoy hablando no centro Centro de Madrid xunto a Tevi de la Torre (Barcelona, 1976) e Roberta Vázquez (Santiago de Compostela, 1989), a quen tamén acompañou pinchando nalgunha das presentacións dos seus cómics. A exposición recollía unha selección de autoras e a súa obra autobiográfica, clasificada en diferentes temáticas (relacións, saúde mental, corpo, maternidade, conflitos históricos…), coa pretensión de descentralizar e desprazar o foco de Europa e Estados Unidos e mostrar unha pluralidade non sempre xustamente reflectida cando se fala das pioneiras «underground» da BD. Estes dous eixos (a autobiografía e o desprazamento do foco ao inxustamente considerado como non relevante) pódense atopar nesta primeira novela.
Dos personas é un cómic autobiográfico no que unha filla, Teresa Ferreiro, interroga aos seus pais porque quere coñecelos mellor e coñecer as súas vidas. A historia narra así as dúas vidas en paralelo: a de Teresa e a de José. A autora sométeos a unha sorte de «terceiro grao» para reconstruír o seu pasado, coa maior cantidade de pormenores posibles. A vida dos seus pais devén nunha obra complexa sobre a memoria, a identidade e as relacións familiares. Con esta premisa, o libro constrúese como unha investigación emocional na que a autora reconstrúe a traxectoria vital de cada un dos seus pais: desde os soños xuvenís ata a madurez, pasando polo traballo, os abundantes perigos dunha España en transición, na que aínda é doado recoñecerse, e mais as decisións e acontecementos que van definindo unha vida.
Aínda que, desde unha perspectiva retroactiva, a novela inscríbese nunha corrente bastante prominente na actualidade: a narración de parcelas de vida, revalorizando o cotián e destacando o extraordinario no ordinario. Como nas fotografías dos flocos de neve de Bentley, cada vida é diferente: parece indistinguible na visión macro pero é única na micro. Esas vidas correntes de Teresa e José están cheas de matices irrepetibles, especialmente ante os ollos da súa filla. Cada decisión ou renuncia adquire un peso e unha tensión narrativos dimensionados.
Esta elección engade un interese á crónica, abrindo a porta a unha reflexión maior sobre como se constrúen os relatos privados, que se conta e como, que queda fóra e por que. Toda narración dunha historia é unha reconstrución na que se xoga -ás veces con máis e ás veces con menos consciencia- coa veracidade dos feitos e a fraxilidade do recordo. A historia é un mosaico de percepcións e reinterpretacións de quen a conta a través da mirada nesgada dunha filla que introduce inevitablemente un filtro de curiosidade e afecto e, en ocasións, tamén de incomprensión. Este último filtro introduce o compoñente xeracional. Dos personas presenta un diálogo entre distintas épocas e contextos nos que se pode constatar os cambios sociais, laborais, emocionais e na forma de entender a vida.
Non sei se detrás de cada vida aparentemente común hai un relato único que merece ser contado, pero, sen dúbida, é importante coñecer a historia e adicar tempo a descubrir as historias humanas que se atopan acazapadas baixo as pólas da nosa árbore xenealóxica.
NUMAX, un referente cultural
O colectivo NUMAX é unha cooperativa de traballo con sede en Santiago de Compostela, fundada en 2014 por profesionais procedentes de distintos ámbitos da creación e a difusión cultural. O proxecto caracterízase pola súa estrutura horizontal e o posicionamento como nodo cultural.
NUMAX articula a súa actividade en tres áreas: unha sala de cine, cunha programación centrada en cine de autor e versión orixinal; unha librería especializada en literatura, arte e pensamento que tamén inclúe unha sección de novela gráfica, que combina novidades editoriais cun fondo seleccionado; e tamén dispón dun laboratorio dedicado ao deseño gráfico, á comunicación e á produción audiovisual. É tamén un espazo de difusión cunha programación mensual que inclúe presentacións e encontros con autores e autoras ou axentes culturais.
NUMAX consolidouse como un espazo cultural de referencia en Galicia polo seu criterio curatorial, a súa estrutura social e un equilibrio na difusión entre contemporánea e experimental sen esquecer a revisitación clásica.
Suscríbete para seguir leyendo
- Sargento Matanza, el militar que hará el salto de precisión en paracaídas el Día de las Fuerzas Armadas: «Me tiro una media de cinco veces al día»
- La Xunta recomienda mascarillas y gafas en la calle ante la llegada de partículas en suspensión del Norte de África
- Olalla, acogedora de dos hermanos con dedicación exclusiva: «Ni lo haces por ti ni por trabajo o vocación, es una forma de vida»
- No cojas pájaros del suelo: la Sociedad Española de Ornitología recuerda lo que debes hacer si encuentras una cría fuera de su nido
- Los científicos alertan de que el megayacimiento de gas entre Mauritania y Senegal, la infraestructura más profunda de África, pone contra las cuerdas a la pesca
- Una boda de altura, mucho baile, visita a Urgencias y una luna de miel sobre ruedas
- El Día de las Fuerzas Armadas en Vigo, minuto a minuto
- Armón Vigo se estrena en buques militares con la botadura del «HMS Sälen», el primer barco para la Armada de Suecia