Libros destacados da semana

FdV / FdV
VV. AA.
Acubillo para Lloria
Diferir e resistir
Iago Fernández
Quizais esta obra non sexa conclusiva por se tratar dunha aproximación experimental a un problema demasiado complexo. E quizais deba ficar así, aberta e indeterminada, para lembrarmos que o problema, polo momento, só admite reparacións parciais. Eu son de aquí e de alá trata de recuperar a memoria de Matilde Lloria, unha poeta que, debido a múltiples cuestións biográficas e literarias, ficou esquinada no seu propio tempo.
Empregando todo tipo de artificios dialóxicos, Tamara Andrés evoca a vida e a personalidade de Lloria de xeito deliberadamente sumario. Case se diría que, en canto Lloria comeza a adquirir un contorno demasiado nítido, opta por deixar de escribir. En principio non sabemos se se trata dunha torpeza ou da súa vontade; de impaciencia ou de contención. Ao meu ver, para que o xesto de Tamara Andrés acade pleno sentido, debemos renunciar ás expectativas literarias convencionais. En Eu son de aquí e de alá non atoparemos personaxes ao uso nin tramas definidas, só diálogos teatrais e soliloquios en textos de pequeno formato que van esparexendo, directa ou indirectamente, información sobre Matilde Lloria. As voces principais son a da propia Matilde e a dunha investigadora que lle segue a pista. Porén, tamén comparecen as dos persoeiros da cultura galega que xogaron algún papel na vida da poeta, coma Ramón Otero Pedrayo.
En realidade, a proposta de Tamara Andrés, por excesiva que pareza, resulta convincente. Lloria viviu en Valencia ata os trinta anos e, de aí en diante, en Ourense; a súa obra está escrita parte en valenciano, parte en galego, parte en castelán; e, en boa medida, viu a luz durante a ditadura franquista, cando o galego e o valenciano eran linguas carentes de todo recoñecemento legal. Como rescatar a Lloria do esquecemento sen dispoñer dun molde apropiado para baleirala nel? A que historia da literatura pertence? A que nacionalidade? A que xeración? En que grao? No momento en que a asimilamos a un orde superior (ao dunha literatura nacional, por exemplo) fulminamos a súa diferencia constitutiva. O que fixo Tamara Andrés, xa que logo, foi elaborar unha obra á altura da propia Lloria: que non se atén ás convencións, extrema a súa singularidade e se resiste a ser clasificada.
Relatos sen artificio
Ironía e desenfado
Estro Montaña
Con tradución de Isaac Xubín, publica Aira editorial Morrer sabendo poucas cousas, un libro de relatos do músico catalán Joan Enric Barceló. Trátase dun monllo de once contos, irónicos, desenfadados, non exentos de humor e cunha prosa sinxela, que foxe de artificios barrocos.
Con personaxes que amosan a complexidade dos seres humanos, Barceló fai desfilar diante do lector unha galería de personaxes que amosan vaidades ridículas, viven situacións patéticas, infrecuentes, trocos inesperados, vidas marcadas ás veces pola fatalidade ou por desenganos amorosos. O desconcerto, a escena insólita, o habitar un territorio extremo non pechan as portas á esperanza nunha obra que aborda a morte desde diversas perspectivas.
É este o primeiro libro do autor (membro do grupo Els amics de les Arts), libro que escribiu despois de pasar unha tempada na Escola d´Escriptura de Girona. Cunha clara vontade de explorar diferentes formas de contar historias, o autor emprega estruturas e puntos de vista distintos dando lugar a narracións en terceira persoa, diálogos con interlocutor ausente, relato dentro do relato, presenza de notas de pé de páxina.
Como outros músicos cataláns, Joan Enric Barceló lanzouse á escritura, coma se as cancións fosen insuficientes para expresar os seus sentimentos sobre a morte e as circunstancias que a rodean.
Polas rúas de Begoña Caamaño
Memorias do agarimo
María Navarro
A anécdota de perder un zapato na lama xogando convértese no título do libro que o profesor Ramón Nicolás vén de publicar en Galaxia. Morgana, unha das personaxes ás que Begoña Caamaño deu voz, diríxese ao lectorado e, nunha sorte de viaxe no tempo/espazo, permítelle que habite un pasado, no vigués barrio do Calvario, que foi un auténtico escenario de formación para ela, de modo que as rúas, as edificacións, as persoas ás que alude se converten en personaxes vivas que se poden visitar na actualidade e que supoñen que ese mapa do mundo sexa rico en vivencias e en experiencias.
O pasado de Lavadores; a súa casa na rúa Cataluña; o CEI, escola na que aprendeu as primeiras letras; Bodegas Bandeira; os cruceiros que lle deron nome ao barrio, a inauguración da Igrexa dos Picos ou da Ponte de Rande, os xogos na rúa ou as sesións de cine e as persoas que a rodeaban, a súa nai, a súa irmá Beatriz, a súa amiga Maika Aguado, as súas profesoras María Xosé Queizán e Carmen Panero teñen cabida en A nena que perdeu o zapato na lama no que dunha forma desenfadada e moi amena se nos introduce cortesmente no universo Begoña e que Carlos Gallego plasma en forma de trazos suaves texturizados cos que transmite curiosidade silenciosa e nostalxia cotiá en escenarios cheos de posibilidades como é a propia vida e obra de Begoña Caamaño.
Un galego nas Highlands
Con amena elegancia
Lois Alcayde Dans
Camiñando por St Andrews, Manuel Gago puido comprobar que a trama urbana gardaba semellanza co plano de Compostela. Ambas aparecen construídas arredor dunha ambición moi antiga: converterse no lugar onde suceden as cousas. Nese cruzamento sitúase Ata que os mares sequen, un dos mellores ensaios que lin desde que recomendo libros nestas páxinas. Nel pode o lector poñer en práctica a «ecotopía»: «a experiencia do asombro ao recoñecer resonancias do familiar nun lugar alleo». Gago transforma a intuición nunha viaxe intelectual entre Galicia e Escocia, afastándose do mantra das nosas semellanzas con Irlanda.
Galicia e Escocia comparten encaixes políticos vencellados a coroas antigas e formas de relación cun poder maior. O escritor pon a dialogar o xacobitismo de Rob Roy co noso carlismor; aparece un A. Jaspe Moscoso retratado co kilt e a posible influencia da «heroización pictórica» do gaiteiro escocés na representación do gaiteiro galego; recupéranse contactos comerciais concretos e trátase con prudencia a hipótese da viaxe a Compostela do corazón de Robert the Bruce.
Un libro, pois, que axuda a pensar Galicia como un país que dialoga e participa do mundo. Amena elegancia.
Suscríbete para seguir leyendo
- Sargento Matanza, el militar que hará el salto de precisión en paracaídas el Día de las Fuerzas Armadas: «Me tiro una media de cinco veces al día»
- La Xunta recomienda mascarillas y gafas en la calle ante la llegada de partículas en suspensión del Norte de África
- Olalla, acogedora de dos hermanos con dedicación exclusiva: «Ni lo haces por ti ni por trabajo o vocación, es una forma de vida»
- No cojas pájaros del suelo: la Sociedad Española de Ornitología recuerda lo que debes hacer si encuentras una cría fuera de su nido
- Los científicos alertan de que el megayacimiento de gas entre Mauritania y Senegal, la infraestructura más profunda de África, pone contra las cuerdas a la pesca
- El Día de las Fuerzas Armadas en Vigo, minuto a minuto
- Armón Vigo se estrena en buques militares con la botadura del «HMS Sälen», el primer barco para la Armada de Suecia
- Hallan con vida a la vecina de Beade desaparecida desde el domingo por la tarde